Manolito Bello, símbolo da loita antifranquista na Coruña e asasinado a garrote vil no 1946

Homenaxe a Manolito Bello, símbolo da loita antifranquista na Coruña

A Comisión para a Recuperación da Memoria Histórica da Coruña (CRMHC) celebra este luns un acto en lembranza dunha das facianas da guerrilla antifranquista na cidade, Manuel Luís Bello Parga, mais coñecido como Manolito Bello.

Bello nace o 13 de xaneiro de 1925 na Coruña, na rúa Monelos. Dende moi novo é testemuña da represión brutal que exerce o fascismo na súa cidade e da que é vítima tamén a súa propia familia. Pertence a unha xeración de xente nova que, a pesar de non ser protagonista da guerra, non se adapta e dobrega á nova situación que representa a ditadura.

Entra a formar parte das JSU (as xuventudes do PCE) que se están reorganizando na Coruña, iniciándose a súa militancia na clandestinidade. É detido por primeira vez no 1945 e condenado por un delito de rebelión militar pola elaboración de panfletos políticos. A principios do ano 1946, estando en liberdade provisional, ingresa na guerrilla do alto, formando parte da IV Agrupación do Exercito Guerrilleiro de Galicia.

A CRMHC lembra que a finais de maio do 46 a guerrilla decide realizar un acto de sabotaxe na Coruña consistente na colocación dun artefacto explosivo no edificio da Falanxe. Manolito formará parte do destacamento encargado da misión, pero a acción queda abortada por atoparse dentro do edificio o conserxe. No momento da retirada sofren na rúa Rubine unha emboscada da Garda Civil. Nese momento pasa casualmente pola rúa, dirixíndose ao local de El Ideal Gallego, Arcadio Vilela, un dos membros dos tristemente coñecidos Caballeros de La Coruña, que colaboraba na sección de deportes deste xornal. Son as once e media da noite e Vilela atopase en medio dos disparos, corre entón a refuxiarse cara ao portal do Ideal onde o tirotean mentres sube as escaleiras.

Manolito é o único detido e é inmediatamente acusado de matar a Vilela. Os feitos teñen unha gran repercusión e o réxime actúa cunha gran dureza, aproveitando a ocasión dunha maneira propagandística, como intento de escarmento á guerrilla. Manolito Bello está condenado a morte desde o mesmo momento da súa detención e a súa causa convertese nunha pantomima sen ningún tipo de garantías, acelerándose escandalosamente os prazos do proceso para evitar o indulto e acalar de paso os rumores que falan de fogo amigo.

O 11 de xullo de 1946 é asasinado a garrote vil na cárcere da Coruña despois de ser vítima de maltrato e torturas. Tiña 21 anos. A súa figura convértese en unha referencia para a resistencia antifranquista e, no seu honor, un batallón do exercito da guerrilla levará o seu nome.

Os cinco caraveis vermellos

Unha das últimas vontades de Manuel Bello foi que na súa tumba se lle colocara unha estrela de cinco puntas feita con caraveis vermellos. Un grupo de persoas entre os que estaba Carmiña, a noiva de Manolito, poderán colocar a estrela grazas á axuda do empregado do cemiterio de Oza, que lles abre a porta despois do horario de peche. Ao atoparse ao día seguinte a estrela colgada na lápida e pensando que os guerrilleiros saltaran o muro pola noite, a Garda Civil reacciona rodeando o cemiterio e facendo garda permanente durante os días seguintes. Esta desproporcionada e absurda demostración de forza que non vai impedir que, durante moitos anos, tódalas semanas, apareza un pequeno ramo de cinco caraveis vermellos colgado nun cravo situado encima da súa lápida.

A homenaxe terá lugar a partir das 17.00 horas, pecisamente, no Cemiterio de Oza, onde está enterrado.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: