fbpx
La Bella Otero nun dos seus espectáculos

La Bella Otero, a muller que enmeigou a media aristocracia

Tempo de lectura: 7 min.

O 4 de novembro de 1868 nacía en Ponte de Valga, Pontevedra, Agustina Carolina Otero Iglesias. A recén nada Carolina, que levaría os dous apelidos da súa nai, xa que o seu pai non a recoñecería, sería anos despois a muller máis famosa do mundo, pasándose a chamar artísticamente Carolina Otero e os seus admiradores lle dirán “A Bella Otero”. 

Carolina tiña nado na aldea Ponte de Valga. A súa infancia será moi dura e triste pola pobreza daqueles anos, a pesar delo, Carolina tiña unha alegría interior moi grande e unha vocación artística innata. Os que a coñeceron na súa aldea, contan que cada vez que pasaba algún titiriteiro errante, ela intentaba imitar o seu espectáculo. En Valga coñeciana como “A Cordeirana” mote este, que a Carolina a puña furiosa. Carolina por aqueles anos, era unha nena, que se foi criando como puido. A falla de pai e o seu carácter forte, a levaría a enfrontarse con todo aquel que se metera con ela. Algunhas desas veces, respostaba con berros e escándalos. Desde nena, Carolina foi levada a un colexio, no que actuaba máis de criada, que de alumna. 

O carácter incorrexible de Carolina fai que unha destacada personalidade compostelán “moi preocupada de velar pola pulcritude e pureza das costumes” se fixera cargo dela, unha mestra de Cesures. Intento este, que non chegou a prosperar. Carolina por aqueles tempos tiña 14 anos e xa se enamorara dun rapaz chamado Paco, o cal non tiña demasiada boa fama na aldea. 

Unha noite, coa complicidade dunha compañeira de colexio, fuxiu para xuntarse con Paco e ir a bailar. Durante esa noite, Carolina estaba leda e ceibe e bailou apaixoadamente, como se tivera a necesidade de expresar todo o que levaba gardando dentro durante tanto tempo. Conta a historia, que gustou tanto o seu baile, que o dono da sala, regaloulle dúas pesetas e lle propuxo un contrato.

La Bella Otero caracterizada como balidadora

La Bella Otero caracterizada como balidadora

Fuxida a Lisboa 

Carolina e Paco fronte ó éxito desa noite, deciden escaparse a Lisboa. Carolina tiña 14 anos, pero parecía unha muller de 18, o seu corpo e a súa beleza comenzaba a ser sumamente chamativa, Nesta última cidade, traballará como bailarina, até que se traslada a Barcelona na ptovuts de Paco quen a abandonara. Este sería o seu primeiro desengano amoroso, a pesar diso, o seu forte espíritu de loita, a anima a seguir adiante. En Barcelona traballará no Palacio de Cristal, posteriormente marchará para Marsella e logo a París. 

Carolina chegará a esta gran cidade, coa ilusión de estudar baile e realizar os seus primeiros espectáculos. A súa beleza e estilo, rapidamente a consagraron en París, (que por aqueles anos era a capital cultural de occidente) para logo consagrarse en todo o mundo. As súas actuacións, logo obtiveron un éxito rotundo, facendo as delicias dos seus asiduos admiradores de Folies Bergére, que atoparon nas súas actuacións, o máximo espectáculo de todos os tempos. Carolina Otero encarna o papel sedutor de muller andaluza, a pesar de ser unha emigrante galega. Este estereotipo imposto de muller, a obrigará a ocultar a súa auténtica identidade galega, asumindo durante toda a súa carreira, a imaxe de muller xitana. Dirá o historiador galego Alberto Vilanova “Todos se rendiron a súa beleza deslumbrante, máis deslumbrante aínda que as valiosas xollas que adornaban a súa escultural figura, incluso os críticos máis esixentes e implacables se rendiron. O feroz Bonafoux que chegou a coñecela entón, chamoulle “a muller española máis grande que vive no estranxeiro”. Jules Blois dixo de Carolina: “Ela desplegou unha gracia fatal, unha calor, unha beleza sensual e magnífica, unha violencia, unha insolencia que constitúen os dons formidables que Merimée e Bizet, Meilhac e Harlevy esixen da súa célebre feroína Carmen”. 

Carolina Otero ou a “Bella Otero” como se lle chamaba na súa época se converteu na muller sexsimbol de “La Belle Epoque” parisina. Corría o 1900, en París se realizaba a Exposición Universal. Estallaba a guerra ruso-xaponesa. Freud publica o seu famoso libro “A análise dos soños”. Isadora Duncan renovaba a danza. É o momento da “Época Azul” de Picasso. En Rusia se sublevan os mariñeiros do Potenkin e Lenin comenza a organizar a revolución proletaria. En España Pablo Iglesias se enfrenta no Parlamento á España oficial. Valle Inclán publica “Alma española”. En A Coruña se homenaxea a Curros Enríquez e Murguía preside a “Cueva Céltica”, dándose os primeiros pasos do nacionalismo galego. Mentras en Bos Aires o Tango triunfaba nos arrabais o caricaturista galego Xosé María Cao, coa súa Revista “Caras y Caretas”.

Mentras todo isto sucedía no mundo, Carolina Otero triunfaba en todos os escenarios do espectáculo e do amor. Até as formas dos automóbiles de entón, tratan de imitar os grandes sombreiros de Carolina. A Bella Otero xoga fortunas no Casino de Montecarlo, é a máis Raíña entre as Raíñas de París. Posúe unha enorme riqueza en xoiss, as súas diademas, pulseiras e pendentes de perlas, esmeraldas, rubíes e zafiros, adornan o seu corpo. Chegou a ser da súa propiedade, o colar da ex emperatriz Euxenia, o da emperatriz de Austria e o de diamantes de María Antonieta. A súa fortuna naqueles anos estaba calculada en 16.000.000 de dólares.

Unha muller rodeada de paixóns 

A paixón dos homes por ela, foi irresistible. Segundo conta nas súas memorias, que estando de xira por Rusia, ten que escapar por unha fiestra do salón, onde a pecha con chave, o gran duque Nicolás. Carolina terá que saltar caindo na neve coas costas nuas, a 20 grados baixo cero, refuxiándose no Palacio do Príncipe Pedro, onde estivo tres meses con neumonía. Nas súas famosas memorias, chamará bruto, ó Gran Duque, que lle arrebatara o seu abrigo de cibelina. Un conde se suicida por ela e tamén o explorador Payen, diante do pabellón “Chinois du Bois”, onde a coñecera.

Un empresario norteamericano, Jurgens fará dun gran desfalco no “Edén Musée” de Nova Iork para atoparse coa Bella Otero en París. O Emperador Guillermo II escribe para ela unha pantomima, “La modelo”, para o Wintergarten de Berlín. A acompaña o feo e o vello Barón de Ollstreder que se arruina en Montecarlo. Cean con ela a miúdo Arístides Briand e o banqueiro Berguen. Eduardo VII de Inglaterra irá a Ostende de incógnito para vela danzar e lle enviará unha tarxeta coas Armas da coroa inglesa e debuxa para a cita un círculo que encerra duas agullas de reloxo, que marcan as sete e cuarto. 

Unha das imaxes da Bella Otero en París

Unha das imaxes da Bella Otero en París

Segundo conta Carolina nas súas memorias, O Banqueiro Berguen lle ofrece 25.000 francos por pasar media hora na súa habitación. Carolina Otero acepta. Ás duas e media da madrugada, o banqueiro chega á luxosa casa, que Carolina Otero ten na Avenida Kléber. Carolina ensínalle as súas habitacións, fala, amósalle as estampas que decoran os muros e cando dan as tres, lle dí o banqueiro: “Meu querido, non os reteño máis, terminei o noso compromiso”: Anécdotas como estas se contaban po decenas. “Le Fígaro” o gran periódico francés, nas súas páxinas describía minuciosamente os modelos que vestía e o “Gil Blas” relata os duelos dos nobres e ricos que se baten e arruínan por ela. Poetas, pintores, políticos, toda unha xeración que se rende ante a beleza e sedución da Bella Otero. Até Toulousse-Lautrec lle realiza unha obra en pastel que se conserva no Museo de Albi e o gran José Martí, que a coñece en Nova Iork, lle adica algúns versos. 

Desde París viaxou sucesivamente á Arxentina, Uruguai, Brasil, Estados Unidos, Inglaterra, Hungría, Austria, Rusia e Xapón. 

En 1906 chegou de xira por Bos Aires, presentándose no teatro Nacional Corrientes, coa pantomima lírica “Reve d’ oinum, acompañada de Jacquienet o bailarín Santos. As crónicas da época, relatan o colosal éxito da Bella Otero en Bos Aires. Carlos Alonso, o gran debuxante galego lle adica unha serie de debuxos na famosa revista porteña P.B.T.. A outra revista de moda por aqueles anos que dirixirá o outro gran debuxante galego Xosé María Cao, lle dedicará distintas páxinas, para resaltar os perfiles artísticos, da nosa afamada Carolina. 

Carolina se hospedou no Hotel París, da Avenida de Maio. O vestíbulo do mesmo, se convirteu nunha especie de “Clube de Cabaleiros”, xa que eran decenas de homes da sociedade arxentina, que se acercaban para ter a oportunidade de saudar ou agasallar, “Bella Otero”.

As morriña galega de “A cordeirana” 

Conta unha simpática anécdota, que durante unha presentación no teatro, en medio dun público entusiasta e rendido ós seus pes, un paisano de Valga, que se atopaba na sala, emocionado ante a súa paisana, exclama a viva voz, o alcume de Carolina “A Cordeirana”. Días despois, o periodista Lence, do Correo de Galicia, redacta unha crónica onde lle recorda a Carolina, a súa orixe e o seu pobo natal. Contan que esta famosa crónica, moito fixo chorar a Carolina, xa que por cuestións profesionais ocultaba a súa orixe galega no máis profundo do seu ser. 

Ós 45 anos en pleno auxe artístico a Otero se retira profesionalmente a vivir plácidamente a Niza. Será recén nesta etapa onde comenzan a recoñecerlle o seu talento de actriz, séndolle solicitada en varias oportunidades, para que actuara na Opera Cómica de París, negándose sistemáticamente a voltar ó teatro.

 Cando Carolina abandona para sempre o espectáculo e xa non necesita do seu “Falso andalucismo”, din que volveu os seus ollos novamente a súa Galicia natal. 

Unha das ultimas fotos de La Bella Otero

Unha das ultimas fotos de La Bella Otero

Conta nunha entrevista, o sacerdote galego Delgado Capeans, que nun casual viaxe en tren, pola Costa Azul, coincide no mesmo vagón con Carolina. Esta xa vella, ó enterarse de que o cura era paisano, lle suplicaba que lle falara en galego. E entón o relixioso lle falou na súa lingua, “A Bella Otero”- nos dí o interlocutor “me escoita con emoción; o seu corazón rexuvenecía, a súa alma evocaba doces recordos dos seus primeiros anos. Era a voz de Deus que lle falaba nesta encrucillada do camiño, dos seus ollos brotaron bágoas tan doces como nunca tiña derramado. Pai, chegamos á estación onde teño que deixalo. ¡Que feliz me fixo ó escoitarlle falar na nosa língoa tan mimosa!. Deixeme que lle bique a man. Creo que na miña vida sacerdotal ninguén bicou a miña man cun bico tan queimante, como o que imprimiu a Bella Otero”. 

Carolina Otero  morre o 12 de abril de 1965, ós 96 anos de idade, sendo soterrada no cementerio do Este, en Niza. Centenares de artigos e incluso unha película francesa interpretada pola atriz mexicana María Félix, continuarán co mito de Carolina Otero, aquela nena galega que no seu pobo chamaban “A Cordeirana”. 

O seu amor pola aldea natal quedou escrito no seu testamento, deixando todos os seus bens a favor dos máis necesitados de Valga. A pesar das fortunas ganadas, no momento da súa morte tan só lle quedaba de capital 609 francos. 

Anos despois o destacado artista e escritor galego Luis Seoane, quen sentía pola historia de Carolina Otero unha especial atracvión escribía nun fermoso artigo: “Para nós a BellaOtero, foi sempre un dos símbolos da gracia e beleza de Galicia…”.

Artigo de Lois Pérez Leira

Pode que che interese...