fbpx
Plano xeolóxico da serie “Magma” do IGME, a escala 1:50.000, foi proxectado con outro datum e nótase na xeorreferenciación. Mais aporta unha boa idea introductoria dos caracteres xeolóxicos desta zona / https://castrodastravesas.wordpress.com

Sobre as minas romanas no territorio ártabro

Tempo de lectura: 5 min.

Artigo de Antón Malde, arqueólogo

En 1783 José Cornide realizou unha fermosísima “Memoria sobre las minas de Galicia y otras producciones del reino mineral”. Nesta obra indicábase o interese dos romanos sobre a riqueza mineira da antiga Gallaecia, primeiramente entre os anos 96 e 94 a.C. da mao do procónsul da Hispania Ulterior Publio Craso, o cal abriu aos mercados romanos as Casiterides (estaño, esencial para producir bronce). Mais tarde, o gran botín obtido por César (61-60 a.C.) na comarca brigantina fainos reflexionar, non só sobre a acumulación indíxena de obxectos de ouro, senón sobre a posíbel existencia de praceres locais, como na actualidade se pón de manifesto en Corcoesto…

Estrutura dunha mina romana / https://castrodastravesas.wordpress.com

Estrutura dunha mina romana / https://castrodastravesas.wordpress.com

Minaría antiga nas Mariñas

Hai tempo que Alfredo Erias chamou a atención en Abegondo sobre a presenza de grandes “cortas” ou tallos en ladeira, que se podían relacionar con antigas minas. Juan Naveiro, o grande estudoso do comercio antigo, relacionou estas minas e outras do concello de Carral con posíbeis exploracións auríferas.

Pola nosa parte hai tempo fixemos unha revisión deste tema, e comprovamos que en Carral algunhas eran minas de auga (pozos horizontais) vinculadas aos distintos trazados da N-550, mais tamén nos arredores existían covas asociadas a grandes movimentos de terra. En varios traballos profesionais inventariamos todas as covas que coñecíamos, e así ficaron protexidas.

Posíbeis novidades mineiras en Melide

Nun traballo posterior sobre o paso da vía “Per Loca Maritima” polo territorio das Mariñas-Betanzos reparamos no camiño transversal que denominamos “A Coruña-Lalín”. Este camiño figuraba na cartografía antiga de Cornide e López, e do que se constaban restos físicos (p.e. o camiño de San Batolomeu en Carral perto das Travesas). O mesmo tamén pasaba a carón dun conxunto de exploracións mineiras as cais o arqueólogo Manuel Lestón tiña inventariado no PXOM de Arzúa.

As minas que consideramos neste post están relativamente próximas do que denominamos “Camiño á Costa Norte” que puidemos escavar e delimitar, e relacionar con outras intervencións históricas (a mámoa da Fanega desde a cal se acede á Ciadella de forma independente a Sobrado, un lugar de filiación medieval). Todo o cal motivou unha nova delimitación dos Camiños de Santiago por parte da Xunta de Galicia.

Estes días repasando estes temas atopamos casualmente un fermoso blogue, no que se dá conta da presenza de novas exploracións mineiras na freguesía de Grobas (Melide), perto do anterior conxunto.

Emprazamento de distintas minas na zona norte da Coruña / https://castrodastravesas.wordpress.com

Emprazamento de distintas minas na zona norte da Coruña / https://castrodastravesas.wordpress.com

Emprazamento

Mais non se tratan de novidades, posto que a mina da Groba está recollida no inventario do novo PXOM de Melide (en tramitación). Xaquín Ferrer foi o arqueólogo que analisou estas evidencias, e tanto pola orografía como pola información dos veciños que a denominan como “mina dos mouros”, concluíu que se trata dunha exploración mineira.

Un contexto xeolóxico coerente

Ao igual que no Barcés, trátanse de “tallos” ou “cortas” transversais nas ribeiras do río Iso, que descorre nunha zona de encontro entre dous tipos de rochas (ortogneis pegmatoide facies de borde e outro facies central). Este encontro continúase en forma de pequena falla tectónica na altura de Grobas de Abaixo, penetrando lixeiramente na área dos xistos da serie Ordes.

Resulta moi interesante observar a presenza de depósitos aluviais, posto que é posíbel a existencia de materiais densos (praceres de ouro) asociados aos gneis. Neses depósitos acumúlanse os detritos dos gneis erosionados e por tanto fican libres os minerais que o compoñen, sobre todo o cuarzo. Non deben estrañar eses depósitos en ladeira, posto que poden corresponder a restos dunha terraza aluvial de grandes dimensións que co tempo foi desaparecendo polo traballo da erosión. Na zona do val do río Barcés en Carral (tributario do río Mero) podemos observar algo semellante; como fican depósitos aluviais no alto (p.e. no polígono industrial dos Capelos), mentres na actualidade o río descorre un tanto distante e a cota mais baixa. Podedes ver aquí un intersante traballo de J. R. Vidal Romaní sobre as terrazas do río Mero, todo un mestre!.

Un contexto arqueolóxico interesante

As suxestións planimétricas precisan un contraste. Observamos nas series de fotografía aérea do 1946 ao 1956 que as “cortas” xa existían daquela, por tanto non son elementos contemporáneos.

Mina dos Mouros / https://castrodastravesas.wordpress.com

Mina dos Mouros / https://castrodastravesas.wordpress.com

As minas están nun contexto relativamente interesante. Do lado de Boimorto, existe un pequeno recinto fortificado no Pedral coñecido como o Castro de Viladónega, de apenas 3000 m² de superficie. A pesar das reducidas dimensións atópase nunha posición estratéxica dominando visualmente o val do río Iso, lugar onde se atopan as fendas “cortas”.

A pouca distancia, nesa mesa ribeira emprázase o castro de San Pedro. Un recinto moi alterado no interior dun predio, mais de dimensións e vocación semellante ao de Pedral.

Mais relacionado, se callar, é o castelo das Grobas, a súa posición é tamén moi interesante; xunto no cabezallo dunha das “cortas”. Se atendemos ao plano de pendentes podemos ver que é un pequeno recinto, como se for unha pequena estrutura de controlo da mina.

Tamén resulta moi interesante o castro de Baltar (O Ribeiro), o cal é un recinto fortificado de 3000 m². Está emprazado nun pequeno outeiro orientado ao val do río Iso e ás minas ou “cortas” de Grobas. Dá a sensación que o outeiro está conformado non só por unha serie de aterrazamentos, senón tamén por desmontes practicados por “cortas”. A pesar de ser coñecido como un castelo, polo seu tamaño e súa morfoloxía puidera ser castro. No interior observamos restos de cachote de algunha estrutura, mais non podemos dicir mais.

A capela da Santa Cruz emprázase de forma enigmática, e perdón por este recurso retórico típico do realismo máxico, perto da fortaleza de Grobas e dun pazo.

Se analisamos o plano de pendentes, que está realizado sobre o LiDAR do IGN, podemos observar que algúns cabezallos están conectados con “canles” ou que soben pola aba do monte. Poden ser as estruturas que abasteceran ás cámaras de carga, tal e como no seu día vimos na mina da Cal de Balbón en Aranga. Mais este tema precisa unha observación mais detida.

emprazamento_grobas_lexendadoConclusións

Ainda que o contexto é moi suxestivo debemos ser cautos. Non sabemos se esas “cortas” son naturais ou antrópicas. Por exemplo Xaquín Ferrer advírtenos sobre as dúbidas que manifestaban no Museu de Melide (ver: Boletín número 21 do Museo da Terra de Melide de 2008, artigo de Xosé Manuel Broz). Falta por realizar un estudo exaustivo da xeoloxía do lugar e os métodos para encher de auga as cámaras de carga superiores. O val do río Barcés, está cheo destas cortas. Unha delas a que labrou o río Abelleira ao seu paso por Costa da Égoa, mais existen outras que semellan ser claramente artificiais.

En plan sensacionalista comezábamos este post vencellando estas minarías co mundo antigo, mais por que? Existen outras evidencias que relacionan cronoloxicamente estas minas coa Idade Media e a Idade Moderna (isto non impede un uso anterior):

Elixio Vieites na ficha sobre o castelo de Grobas do patrimoniogalego.net dá conta do uso desta fortaleza desde o século XII até o XV.

Xaquín Ferrer coméntanos unha mención a unha mina ao pé do castelo que figura no “Pleito Tavera-Fonseca”.

O Padre Oro hai tempo que ten insistido na importancia da minaría no noroeste no século XVI, cando os nobres galegos defenden as súas explotacións frente as concesións dos reis españois a terceiros, nun momento de gran necesidade financeira. Do interese das dúas partes temos que inferir que existían exploracións mineiras activas e/ou con posibilidades de maior ou menor produtividade.

Neste momento non podemos realizar unha maior aproximación cronóloxica, aínda así son restos e historias ben lindas!.

Publicado en https://castrodastravesas.wordpress.com

[wp_geo_map]

Pode que che interese...