fbpx
Mota Grande, na Baixa Limia / Álex Negreira

A mámoa xigante que domina a Raia seca

Tempo de lectura: 4 min.

Non son eu amigo de records, pero si tivera un plus de interese visitar lugares arqueolóxicos por excederse das medidas esperadas, eu íría a Mota Grande no concello de Verea,… que aínda nun fun.

Se alguén me convencese de que había outra de maior tamaño e volume, benvido sería, e iríamos facendo unha escala cara arriba e mirar de ver a onde chegaban estas excepcionalidades. A Mota Grande do Outeiro do Ferro-Penagache, tamén coñecido como o conxunto megalítico da Portela do Pau, na Serra do Leboreiro, chamoume á atención polo que implicaba o nome con que era identificada, pois non é a primeira vez que unha atalaia ou castelo catalogados co nome de “mota” teñen menos medida que esta mámoa, e xa teño vistos uns poucos, pero xa me din conta que este non parecía o caso, á vista do escrito sobre este monumento, aínda que teña mudado o nome de mámoa a “mota”.

Casos raros de “castros” (ou castelo) dos cales se comentaba que puideran ter aproveitado unha mámoa, tamén hai, como no caso do Castriño da Barreira na parroquia de Xaxán en Lalín, parroquia que segundo Carme Buxán na descrición do asentamento no libro “Guía dos castros de Lalín” do ano 1989”, era coñecida anteriormente polo nome da parroquia da “Pena”. Este outeiro está nunha zona de pendente a 580 m. de altitude, e a 240 m. da marxe dereita do rego dos Valados, que fai un pequeno val ao seu paso cerca desta zona. A 1.100 m. ao norte está o castro do Cotarelo en Goiás. Ten uns 18 m. de diámetro interior e acada os 35 m. ao exterior. Na ficha do traballo da Deputación de Pontevedra do ano 2012 podemos ler: “Xa na ficha de inventario da Xunta (Meijide e Rey, 1989) recóllese a problemática da súa adscrición á cultura castrexa. Estruturalmente si parece un castro, aínda que de moi reducidas dimensións”.

A Mota Grande nos anos 70 / José María Equileta Franco

A Mota Grande nos anos 90 / José María Equileta Franco

Mámoas excepcionais

Noutra ocasión puiden admirar outro túmulo que sobresaía dos demais da contorna por terras do concello da Baña na parroquia da Riba. A mámoa identificada como Mámoa nº2 do Campo da Feira, ou das Teixoeiras, chegaba aos 35 m. de diámetro e uns 4 m. de altura. Era polo tanto a única mámoa que se divisa ao lonxe polo seu gran tamaño e altura sendo moi difícil atopar as outras que estaban a pouca distancia debido ao seu achanzamento polas labores agrícolas, con esta adiviñábase que non houbera maquinaria que puidera con ela. Podería pasar por unha atalaia de vixilancia dada a súa estrutura que amosaban os planos lidar da zona, e con esa intención por aquelas datas visitáramos o lugar.

Hai noticias, nun traballo de Felipe Criado e J.M. Caamaño Gesto dos anos 1991-92, de outra mámoa como a medorra de Fanegas (Sobrado dos Monxes) reaproveitada para torre de vixilancia romana, a 1.5 km. da Cidadela de Sobrado dos Monxes, con 28 m. de diámetro e 2,5 de altura. Nas escavacións realizadas no 1983 permitiu documentar unha construción rectangular sobre o túmulo, feita nun momento contemporáneo ao da utilización do campamento da Cidadela. Baixo ela estaba o túmulo orixinal rodeada dun anel perimetral e unha coiraza pétrea que cubría, e no seu interior estaba encerrada unha pequena cámara megalítica totalmente destruída por unha violación anterior a construción romana.

A excepcionalidade do tamaño da Mota Grande no concello de Verea non deixou indiferente ao investigador J.M. Eguileta da cal nos comenta: “é unha verdadeira excepción polo seu tamaño. Coas súas dimensións, tendencia á forma cónica e a súa situación extrema na necrópole, non é só un punto de referencia visual neste sector da penichán superior da Serra de Leboreiro, senón dende gran parte das súas estribacións orientais por onde se aliñan outros grupos ao largo da divisoria norte da comarca .

Situación da Mota Grande en imaxe do LIDAR / Elixio Vieites

Situación da Mota Grande en imaxe do LIDAR / Elixio Vieites

Túmulo monumental

Cos seu 4.000 metros cúbicos de volume total, 52 m. de diámetro e os 4 m. de altura conservados , así como a súa especial posición e un foco de atracción visual a grandes distancias, tanto se observamos dende a divisoria norte da Baixa Limia como dende os vales do río Deva e Arnoia. Si se tivera feito uns metros máis atrás perdería esa función monumental.

Moncho Boga dá conta da natureza de certas características do túmulo no seu blog podemos ler : “..despois da violación consumada na década dos 80 quedaron in situ cinco esteos, pero lixeiramente descolocados polo empuxe da pedra cobertora que quedou un pouco esnaquizada. Pódese adscribir ás cámaras de tipo poligonal alongada e amosa polo menos dous esteos gravados, á esquerda da pedra da cabeceira”.

Supoño que haberá outros túmulos con semellantes feituras polo país adiante, en lugares escollidos e que por algunha razón o seu tamaño sobresae dos demais con unha intencionalidade de marcar o territorio ou que os seus construtores querían dotar dunha perdurabilidade e visibilidade superior aos demais. Ao largo do tempo non pasarían desapercibidas por outros poboadores para a idoneidade de darlle outros usos conxunturais adecuados a época na que estaban, unha moi probable ao do control de vías de comunicación e demarcación de fronteiras, como podemos apreciar en algunha divisións dos límites de concellos que aínda vemos na actualidade.

 

Bibliografía e enlaces web

Eguileta Franco, José María. As mámoas dos concellos da Baixa Limia ; Aportación al catálogo de monumentos tumulares de la comarca. (1995)

https://dialnet.unirioja.es/servlet/articulo?codigo=2686851

Criado Boado, Felipe. Caamaño Gesto, José Manuel Manuel. (1991-92) . La medorra de de Fanegas (Sobrado dos Monxes,. A Coruña) Un monumento reutilizado en época romana . http://digital.csic.es/bitstream/10261/73097/1/Medorra%20de%20Fanegas_Brigantium.pdf

Castriño da Pena . Xaxán Lalín http://patrimoniogalego.net/index.php/84682/2016/03/castrino-da-barreira-ou-da-pena/

No Blog de Moncho Boga 

http://dolmensedemaisfamilia.blogspot.com.es/2012/07/antas-dolmenes-da-baixa-limia-iv.html

Blog Alex Negreira http://megaliticia.blogspot.com.es/2015/11/mamoa-da-mota-grande.html

http://patrimoniogalego.net/index.php/47037/2013/07/mamoa-2-do-campo-da-feira-teixoeiras/

http://patrimoniogalego.net/index.php/84682/2016/03/castrino-da-barreira-ou-da-pena/

Escrito por

Divulgador

Pode que che interese...