fbpx
Presentación de Espazo Sonoro para fomentar o coñecemento do patrimonio cultural / xunta.gal

Música para descubrir o patrimonio galego

Tempo de lectura: 2 min.

A novena edición do festival Espazos Sonoros invitará ao público a “achegarse” ao patrimonio arquitectónico e cultural de Galicia mediante a música antiga, a tradicional galega e a portuguesa entre o 3 de setembro e o 18 outubro.

Así o indicou o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, este mércores en Santiago na presentación do evento, que ofrecerá nove concertos en distintos espazos singulares do patrimonio galego, así como visitas guiadas e talleres de achegamento á música antiga para afondar no coñecemento dos instrumentos.

En concreto, as actuacións terán lugar na igrexa San Salvadora de Vilar de Donas, en Palas de Rei (Lugo); o castelo de Santa Cruz, en A Garda (Pontevedra); o pazo de Liñares, en Lalín (Pontevedra), na igrexa Santa María a Real de O Cebreiro (Lugo) e no castelo de Monterrei (Ourense), entre outros espazos.

Os concertos ofrecerán a posta en escena de grupos de diversos estilos, como a música antiga, entre os que se atopan Ensemble Gilles Binchois, Le Miroir de Musique, La Xácara, Tres Pesos, Solo Voces e a pianista Paula Ríos, encargada de recuperar a obra de Rosa García Ascot e de Jesús Bal e Gay, como indicou a directora artística do festival, Belén Bermejo, no acto de presentación.

“Turismo cultural”

Deste modo, segundo sinalou Anxo Lorenzo, esta iniciativa busca presentar unha proposta de “turismo cultural” por Galicia. Ademais, todas as actividades son gratuítas, aínda que algunhas contan con público limitado, polo que será necesario inscribirse mediante o correo electrónico actividades@espazossonoros.org.

A directora artística de Espazos Sonoros tamén explicou que o grupo de música antiga Ensemble Gilles Binchois interpretará por primeira vez en Galicia a peza medieval ‘Misa de Nuestra Señora’ o 8 de outubro en Baiona (Pontevedra). Ademais, o grupo suízo Le Miroir de Musique ofrecerá o concerto inaugural o 3 de setembro en Vimianzo (A Coruña).

Do mesmo xeito, o dúo La Compagna ofrecerá un concerto de música antiga o 18 de setembro en Pas de Rei, mentres que o conxunto La Xácara, que interpretou unha peza na presentación do festival, realizará un percorrido pola música vocal e instrumental do Barroco o 24 de setembro no castelo de Monterrei.

Obradoiros

No marco de Espazos Sonoros, tamén se realizará un taller no pazo de Liñares, que buscará combinar as artes plásticas e a música o 1 de outubro. Ademais, o 15 de outubro, no pazo de Mariñán, en Bergondo (A Coruña), o tenor Wilfried Rogl e o conxunto Rosarum Flores recrearán o contexto histórico no que viviu Shakespeare –no cuarto centenario da súa morte– mediante un repertorio de música para laúde de artistas coetáneos.

O festival musical ofertará concertos de música tradicional galega da man de Tres Pesos, Felisa Segade, Estevo Lamas e Xosé Antón Ferreira no Museo Etnolóxico de Ribadavia o 10 de setembro. O día 11, o evento desprazarase a A Garda para dialogar coa música portuguesa xunto a Ariel Ninas e César Prata. A clausura terá lugar o 18 de outubro en A Coruña cun concerto de Paula Ríos.

O evento ofrecerá visitas guiadas polos espazos nos que se realizarán os concertos, así como un percorrido polos viñedos e fortalezas do Baixo Miño e, o 17 de setembro, polos órganos que se atopan na primeira etapa do Camiño Francés en Galicia. Esta xornada rematará na igrexa de Santa María a Real de O Cebreiro, cun concerto do coro Solo Voces, que estará acompañado polo organista Adrián Regueiro.

 

Pode que che interese...