fbpx
Entrada ao castro de Saceda, en Cualedro / espacioabierto.es

Na procura de novos segredos do Castro de Saceda (Cualedro)

Tempo de lectura: 2 min.

Un ano máis o Concello de Cualedro aposta por avanzar na recuperación do Castro da Saceda. O mantemento, a limpeza e a escavación arqueolóxica das testemuñas da intervención de 1986 centrarán os traballos desta nova campaña que ten como novidade a colaboración coa Universidade de Vigo. Un convenio que permitirá a participación de alumnado en prácticas formativas en Arqueoloxía.

Será a terceira campaña consecutiva que se realice neste importante enclave do sur de Ourense e terá lugar entre os meses de agosto e setembro. Esta intervención arqueolóxica, ao igual que a executada nas campaña dos anos 2014 e 2015 enmarcase nun proxecto de investigación de maior envergadura polo que se están estudando todos os materiais recuperados, reelaborando planimetrías e analíticas das escavacións realizadas nos anos oitenta para a redacción dunha futura publicación monográfica sobre o xacemento na que xa estamos a traballar.

Nesta ocasión trátase de rozar e limpar todo o recinto, principalmente o denominado Sector Intermedio do castro que concentrará a escavación arqueolóxica, pero tamén como complemento e recordatorio das actuacións pasadas. Asemade procurará afondar na proposta de socialización do conxunto iniciada en 2015 coas Xornadas de Arqueoloxía e Xeoloxía de Cualedro.

Castro de Sacedo, en Cualedro / https://castrosaceda.wordpress.com/

Castro de Sacedo, en Cualedro / https://castrosaceda.wordpress.com/

Estudantes en prácticas

Ademais, nesta campaña participarán estudantes en prácticas. A participación pode ser durante o mes completo (24 días laborables) ou ben por quendas de medio mes (1ª quenda do 16 ao 31 de agosto; 2ª quenda do 1 ao 16 de setembro). O alumnado admitido disporá de transporte diario dende Ourense (Ourense-Allariz-Xinzo-Saceda-Xinzo-Allariz-Ourense) e comida de balde durante os días laborables.

Tal e como apuntan no blog do proxecto, quen queira participar terá que cubrir e enviar a seguinte ficha de inscrición. Prazo límite de envío: 31 de xullo. A listaxe de admitidos e suplentes será comunicada por correo electrónico o 1 de agosto.

Pode que che interese...