Traballos no castro de Armea / Duvi

O castro de Armea (Allariz) redescubrirase 60 anos despois

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo GEAAT comezou este venres a intervención arqueolóxica que cada ano realiza en Armea, no Concello de Allariz. Nesta ocasión, o obxectivo será deixar ao descuberto toda a zona do Castro de Armea que nos anos 50 Francisco Conde-Valvís escavou e logo volveu a cubrir, xa que quedaba pendente de anteriores intervencións descubrir a atalaia do castro.

Ademais, os arqueólogos traballarán noutras zonas para continuar sacando á luz a auténtica cidade, capital de comarca, que se asentaba no século I neste enclave. Un ano máis Fermín Pérez, director do GEAAT, é o director científico do proxecto e Adolfo Fernández o director da intervención en Armea, financiada polo Concello de Allariz no marco dun convenio asinado coa Universidade de Vigo.

Con eles traballará un equipo formado por tres arqueólogas predoutorais e un total de 20 estudantes de Historia, que en dúas quendas realizarán prácticas neste xacemento. “Hai que destacar na composición do equipo o feito de que este ano 240 estudantes, procedentes de todas as facultades de Historia de España e Portugal, apuntáronse á nosa convocatoria para participar nas escavacións”, explica Adolfo Fernández. Completa o equipo persoal do Concello de Allariz.

Listo para a musealización

Os traballos de campo desenvolveranse na zona durante todo o mes de xullo. Concretamente, volverase a escavar a zona xa escavada por Conde-Valvís para deixala definitivamente ao descuberto, xa que quedaba a zona da atalaia do castro por descubrir e profundar nos niveis escavados nalgúns puntos. “Ao final da campaña, quedará todo o sector Valvís listo para a súa musealización”, apunta Fermín Pérez.

Tamén se realizarán sondaxes en zonas anexas, como no lateral do castro, ao carón da vía romana, para continuar afondando na dimensión deste complexo arqueolóxico. Para que as persoas interesadas poidan ver estes traballos, a intervención será aberta a todas as persoas que queiran achegarse, realizándose visitas guiadas coordinadas por Xeitura e apoiadas polos membros do equipo. Tamén haberá obradoiros de arqueoloxía para os máis pequenos e pequenas.

Unha vez realizadas as escavacións durante os meses de setembro ou outubro desenvolverase unha segunda fase da campaña que consistirá en realizar tarefas de conservación e restauro da zona, para evitar o seu deterioro ao quedar á intemperie. Tamén se levarán a cabo outras tarefas como a sinalización da zona e o estudo no laboratorio dos materiais atopados durante a intervención.

 

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: