fbpx
Casco vello da cidade da Coruña no que se poden ver algún tramo das murallas

O Concello da Coruña quere recuperar o lugar no que naceu a cidade

Tempo de lectura: 5 min.

Artigo de Íñigo M. Riobo

A Avogacía do Estado dá vía libre a recuperación para o Concello da Coruña dun dos lugares máis emblemáticos da cidade, os terreos do orixinario porto, o lugar que actualmente ocupan os terreos deportivos da Solana. Dous meses despois de que o concelleiro de Rexeración Urbana de Marea Atlántica, Xiao Varela, propuxera á autoridade portuaria a súa intención de mercar o complexo, o órgano confirma o dereito preferente da corporación.

O pasado 28 de xuño o Porto da Coruña anulaba o proceso de puxa previsto para as instalacións do Hotel Finisterre e do seu complexo deportivo anexo, a Solana. Isto ocorría despois de que a comezos do mes de maio, ante o anuncio de subasta destas instalacións por parte do Porto, o edil de Rexeración Urbana Xiao Varela sorprendera á comisión afirmando a intención do Concello de mercar a parte correspondente ós terreos deportivos. O obxectivo sería, segundo este, poñer estas instalacións ó servizo da cidadanía nun “complexo de propiedade pública o pé da muralla”.

O anuncio do conselleiro produciuse despois de que a Autoridade Portuaria da Coruña, institución dependente da Xunta de Galicia e actual propietario das instalacións, fixera pública a súa intención de sacar a puxa os terreos do hotel así como do propio complexo deportivo cun valor de taxación de 5 e 1,3 millóns de euros, respectivamente. O proxecto de subasta inscríbese no marco de venta dos terreos e peiraos urbanos do Plan Estratéxico no que se prevía, entre outros, a venta dos de Batería e Calvo Sotelo. Con isto trataríase de obter en torno a 25 millóns de euros destinados a pagar unha parte substancial da débeda xerada polo porto exterior.

A proposta pola que o concello pagaría 1,3 millóns de euros, implicaría a segregación do Hotel Finisterre, que sairía a puxa pública, do complexo deportivo, que pasaría a mans do Concello por adquisición preferente. O Concello mantería sen embargo a función actual así como a actual concesión vixente ata o ano 2027 a través da empresa Finisterre SAV, cedido por unha renda conxunta anual que roldaría os 100.000 euros. A súa vez esta sociedade, dirixida por dous empresarios de orixe arxentina, e que ata o ano 2014 pertencera ó Banco Popular e a Fundación Barrié, estaría rexentado pola cadea Hesperia, no caso do hotel, e a empresa Metropolitan, que administra as instalacións deportivas. Esta sociedade Finisterre SAV en principio, por contrato, tería dereito a adxudicación preferente en caso de puxa ou venta.

Sen embargo á finais do pasado mes e despois da oferta da corporación municipal, a autoridade portuaria paralizou o proceso co obxectivo de estudar legalmente a proposta feita polo concello, trasladando ó feito á Avogacía do Estado e quedando en suspenso o proceso de puxa. A finais do mes de xuño o pronunciamento da Avogacía supuxo que o Porto suspendera definitivamente a puxa, xa que esta ditaminou o dereito preferente do Concello, entendendo que o feito de ter solicitado a adquisición unha administración pública permite a prevaleza do interese xeral fronte a entidades privadas, anulando de feito o establecido no contrato coa sociedade Finisterre SAV. A Avogacía establece do mesmo xeito que o concello tería igualmente dereito preferente sobre o hotel, aínda que o representante do Concello afirmara que a institución non se atopa interesado nel.

Recreación da cidade vella da Coruña / ciudadvieja.com

Recreación da cidade vella da Coruña / ciudadvieja.com

O corazón da Coruña

Foi na década de 1940 cando se promoveu a construción dun dos hoteis máis avanzados de Galicia e as instalacións deportivas como parte de este. Instalacións e hotel foron xerados a partir do recheo dun entrante natural ó pe das antigas murallas da cidade. Inservibles daquela e derrubadas na súa maioría no século XIX, a franxa de fortificacións máis achegadas a pé do mar permaneceu en pé a beira do antigo cárcere da cidade ata o ano de 1947. Neste ano proxéctase da man do arquitecto coruñés Antonio Pedreira Ríos un impoñente hotel de 5 plantas, soto e baixocuberta, ó estilo da época, sobre os terreos gañados ó mar. Os máis maiores da cidade aínda recordan este espazo antes das obras, unha pequena enselada cunha modesta praia ó pé das portas do Parrote, Clavo e San Miguel.

Este pequeno entrante a xeito de porto natural foi de feito o lugar que deu pé o nacemento da cidade medieval da Coruña. Reedificada en 1208 por Alfonso IX, despois da despoboación da Alta Idade Media da Antiga Brigantium, fúndase directamente por orde real unha cidade libre tan só dependente da coroa, sen señores feudais. A cidade fundouse sobre un pequeno outeiro a carón do mar, é a chamada cidade alta ou o casco urbano primixenio da cidade, e tivo o seu acceso ó mar, e por tanto, a súa razón de ser, a través deste pequeno abrigo. Neste lugar aínda se conservan parte das fortificacións medievais, aínda que moi modificadas polo tempo, como a muralla do xardín de San Carlos, antiga fortaleza da cidade na época baixomedieval.

Co paso do tempo a cidade estendeuse á parte baixa, á chamada Pescadería, quedando a cidade administrativa e relixiosa na zona alta. Sen embargo a zona do Parrote continuou a ser un dos lugares máis expostos as incursións polo mar. Así foi cando Sir Francis Drake en 1589 asediou a cidade, xerando a idea de crear baluartes que cubriran as necesidades defensivas da nova época. Así durante a Idade Moderna a cidade dotouse de importantes fortificación abaluartadas, tanto no estreito do istmo como no perímetro da cidade alta. Desta época consérvanse parte dos panos da muralla barroca dende o hotel ata o castelo de San Antón, manténdose como recordo desa relación primitiva da cidade co mar a través do pequeno entrante, as portas barrocas do Parrote, Clavo e San Miguel.

Este lugar adquiriu unha grande importancia na cidade, funcionando o actual paseo do Parrote como barbacana entre as murallas medieval e barroca. Pola porta de San Miguel saíron persoeiros como Carlos I rumbo a Alemaña para a súa coroación, ou Felipe II para contraer matrimonio, entre outros como Pedro Primeiro o Cruel ou o rei Fernando de Portugal. Á beira deste lugar tamén se edificou a Real Audiencia e Capitanía Xeral, o edificio administrativo máis importante do Reino de Galicia durante todo o Antigo Réxime. Tamén preto desta pequena enseada, o Arquivo do Reino de Galicia e a Real Academia Galega, vendo percorrer o seu contorno a personaxes sobranceiros da historia de Galicia como Manuel Murguía, e sendo testemuña directa de momentos como a caída de Sir John Moore na Guerra da Independencia ou o levantamento de 1936. Na década de 1940 o lugar entra na Modernidade coa consolidación dun fenómeno no que a cidade fora pioneiro nos primeiras décadas do século XX, o turismo. Sen embargo, na actualidade, a pesares dunha pequena intervención durante a alcaldía de Francisco Vázquez, este espazo e a súa contorna agardan lentamente unha profunda rexeración e a consolidación que o seu capital papel histórico.

Fontes: La Opinión de A Coruña, La Voz de Galicia e elaboración propia.

 

Pode que che interese...