fbpx
Plano da festa da Reconquista en Vigo

O papel das festas en Galicia ao longo da historia

Tempo de lectura: < 1 min.

Durante os meses de verán o Museo do Pobo Galego acolle unha singular exposición sobre a evolución dos programas de festas patronais durante un século de historia. Os diferentes fondos que compoñen a Biblioteca deste museo nutren unha mostra que comeza no 1880 cun programa das festas de Santiago Apóstolo e termina nos modernos programas da década dos 80.

Coa idea dunha exposición festiva, o claustro está engalanado para a ocasión ademais de contar coa participación dun gaiteiro que sorprenderá aos visitantes tocando unhas pezas. A través de varias vitrinas poderase ver a evolución da curiosa publicación dos programas de festa, ademais da transformación que van sufrindo as festas patronais en si mesmas.

Desde uns comezos máis aristocráticos nas vilas, deseñados por Sociedades de Amigos até as festas máis populares dirixidas polas comisións de festas e concellos. Tamén das súas actividades, desde os paseos de moda, cucañas, a chegada do fútbol e curiosos espectáculos pirotécnicos, como a creación dun volcán artificial, pasando pola aparición das orquestras nos anos 50 até as verbenas máis actuais.

As publicacións mostradas son fontes documentais de grande valía, desde o deseño das capas, moitas veces obra de recoñecidos artistas, á colaboración de escritores con artigos literarios, históricos ou de enxalzamento do patrimonio cultural e natural da zona e acompañados moitas veces de parte gráfica.

O Museo do Pobo Galego recupera aquí unha selección da súa colección que supera os 350 exemplares. Cronoloxicamente abarcan desde 1880 até hoxe e xeograficamente percorren a xeografía galega, desde o Xurés á Mariña ou desde Costa da Morte ás Terras de Valdeorras.

AXENDA

Do martes 19 de xullo ao domingo 4 de setembro de 2016 Horario: de martes a sábado, 10:30-14:00 e 16:00-19:30 domingos e festivos, 11:00-14:00 Entrada libre.

Pode que che interese...