Petróglifos de Agro do Pepe, no Incio, que serven como trampolín / Xabier Moure

O petróglifo que serve de trampolín

Xa vimos que hai petróglifos que son asfaltados e outros, como neste caso, que serven de trampolíns. Os do Agro do Pepe, no Incio, son sen dúbida uns dos máis interesantes da provincia de Lugo. Podemos ver coviñas, cruciformes, ferraduras e un antropomorfo como figura central coa indicación das extremidades, ollos, boca e, probablemente, os órganos xenitais de ambos os dous sexos (máis información na entrada dos petroglifos da provincia de Lugo).

Coa construción do encoro de Vilasouto, as gravuras quedan baixo a auga cando sube o nivel, feito que está a erosionar gravemente o soporte pizarroso na base así como os propios motivos. Ademais, a pena ten sido obxecto de actos vandálicos ao longo do tempo coa inscrición dos nomes dos que visitan o lugar, a última denunciada polo que isto escribe no mes de xullo de 2015.

Dende o ano 2008 levo pedindo, tanto ao Concello como a Patrimonio, que se protexa o conxunto, incluso solicitei o seu traslado. Aínda que son totalmente partidario de manter os monumentos in situ, no presente caso, polo perigo que corre, urxe buscarlle unha solución se non queremos que se perda definitivamente; sen ir máis lonxe, unha pedra con gravuras que estaba ao seu carón atópase hoxe no fondo do encoro.

Un ano despois, o pasado día 16, achegueime de novo ata Vilasouto. Como me temía, co verán chega a época de maior perigo para as gravuras. A auga cubría case a totalidade da pedra. Como se pode ver na foto, o soporte cos motivos utilízanno os bañistas como trampolín. E cando as augas do encoro están baixas, a xente usa o sitio para tomar o sol e poñer as cousas sobre os gravados, actuando tamén como embarcadoiro de piraguas.

O petróglifo do Agro do Pepe, no Incio, serve como trampolín / Xabier Moure

O petróglifo do Agro do Pepe, no Incio, serve como trampolín / Xabier Moure

“Protexer e difundir”

O artigo 3 da Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, publicada no mes de maio pasado, obriga os Concellos a “protexer, difundir e fomentar o seu valor cultural“, e a “adoptar, en casos de emerxencia, as medidas cautelares necesarias para salvagardar os bens que visen a súa integridade ou valor ameazados”. Pero está claro que o Concello do Incio nin protexe, nin difunde nin fomenta absolutamente nada que teña que ver do patrimonio.

Veño de presentar no rexistro uns escritos dirixidos ao Concello e aos partidos políticos que forman a corporación municipal, así como ao Servizo do Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia, para ver, se destas, toman cartas no asunto.

Tamén é importante a súa sinalización (sobre isto e o seu traslado tiven unha pequena polémica hai anos con Patrimonio) para que a xente tome conciencia do que hai alí. Cando falamos cos mozos e as mozas que estaban a usar o petróglifo como trampolín e lles explicamos o valor daquelas gravuras, comprenderonno inmediatamente, laiándose de que non houbera información e de que non estivera minimamente protexido.

Publicado por Xabier Moure en http://onosopatrimonio.blogspot.com.es/

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: