fbpx
Anxo Lorenzo e Anxo Angueira na presentación de novas pezas para o museo-casa de Rosalía de Castro, entre elas, un piano da famlia / Anxo Lorenzo

O piano da familia Murguía Castro volve soar na súa casa museo

Tempo de lectura: 2 min.

A Casa Museo de Rosalía incorpora dúas pezas de gran valor vinculadas coa familia Murguía Castro. Trátase do piano da familia, que xunto con outros mobles e obxectos acaba de deixar en depósito a Coral Follas Novas da Coruña, e do cadro ‘Árbore de montaña’, de Ovidio Murguía, restaurado recentemente polo Museo de Belas Artes da Coruña.

O piano, que foi restaurado por Luís Ares e Ascensión de Vicente coa colaboración da Secretaría Xeral de Cultura, fora doado por Gala Murguía –a filla máis lonxeva de Manuel Murguía e Rosalía de Castro–, xunto cun espello recibidor ‘tremont’ e outros obxectos á Coral Follas Novas, que agora llos cede en depósito á Fundación Rosalía de Castro.

As pezas foron presentadas este venres na Casa da Matanza, en Padrón, polo presidente da Fundación Rosalía de Castro,Anxo Angueira, e polo secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, quen asegurou que “dentro do patrimonio vinculado a Rosalía existen toda unha serie de elementos que contribúen a entender e a situar a súa figura”, e que “a Fundación Rosalía de Castro vén protexendo e acollendo desde que Mosquera Pérez, Manuel Beiras e algúns outros adquiriran no ano 1947 a casa familiar de Padrón e iniciaran así o labor de recuperación e posta en valor da súa obra e da súa personalidade”.

A obra de Ovidio Murguía, que se titula ‘Árbore de montaña’, está datado en 1899, un ano antes da morte do autor, que o pintou durante a súa estancia en Madrid, seguindo os esquemas da pintura de paisaxe realista europea do século XIX.

O piano da familia Murguía Castro volveu soar na Casa da Matanza ao remate da presentación, da man da pianista e musicóloga Margarita Viso, que interpretou varias pezas. Este piano permite afondar na dimensión musical da obra da autora máis universal da literatura galega, ela mesma instrumentista, e cunha creación literaria que non se pode concibir sen o influxo da música.

Pode que che interese...