fbpx
Vista de todo o val de Escuadro, en Silleda, desde o Castelo da Férveda / Xurxo Salgado

O último gran castelo de Suárez de Deza

Tempo de lectura: 4 min.

O castelo da Férveda case non existe. Hoxe só quedan foxos e muros cubertos dunha espesa vexetación. Pero esta fortaleza foi un dos puntos máis importantes desde os que Alonso Suárez de Deza asentou o seu control por toda esta densa comarca.

Con todo, e a pesar de estar esquecido nun deses recunchos máxicos da Galicia Rural, os restos do castelo seguen rodeados de misterio e de encanto. Construído no século XIII polos señores de Deza, está nun esporón a 615 metros de altitude cunha ampla visión cara as terras de Silleda e A Estrada. Ademais, está franqueado polos ríos de Escuadro, ao sur, e o rego do lugar de Fontelas, ao Norte, polo que o seu único flanco exposto é o suroeste, onde se concentran as principais fortificacións que constan de tres muros e foxos.

Vistas dun dos muros externos do castelo da Férveda / Xurxo Salgado

Vistas dun dos muros externos do castelo da Férveda / Xurxo Salgado

Quixemos ir descubrir esta fortaleza que nos quedara pendente da visita anterior as torres e posesións de Suárez de Deza. E alí, perdidos entre campos e orientándonos máis pola experiencia que polo GPS, Elixio Vieites divisou, finalmente o castelo oculto nun saínte e no medio dunha fermosa e mesta fraga de carballos. Un pouquiño máis abaixo, as augas da fervenza de Férveda acariñaban o son da tarde.

“Semella un castelo encantado. Ao final mereceu a pena”, díxenlle a Elixio, emocionado logo de pasar varias horas na súa procura e a punto de desistir da empresa. E as emocións eran compartidas, sobre todo, logo de chegar ao seu cumio e divisar as fermosas vistas que desde alí se contemplaban. Unhas vistas das que agora só disfruntan aves e xabaríns.

O castelo xa foi escavado

Restos dos muros internos do castelo da Férveda, en Silleda / Xurxo Salgado

Restos dos muros internos do castelo da Férveda, en Silleda / Xurxo Salgado

O castelo foi escavado polo arqueólogo silledense Luís Xulio Carballo Arceo a mediados da década dos oitenta do pasado século, tal e como recolle Elixio na ficha que fixo en Patrimoniogalego. Daquela podíase ollar perfectamente a croa e as murallas e tamén os cementos da torre fortaleza. Destes traballos deixou constancia Carballo na obra “Povoamento castrexo e romano na Terra de Trasdeza” publicado pola Consellería de Cultura da Xunta en 1986. “Posúe unha reducida coroa baixo a que se estende unha plataforma cara o N.E. Pola zona S.W. o coto, emprazado nun esporón, vese cerrado por un sistema defensivo de terraplén, foso e parapeto inferior, que o aílla da única zona facilmente accesíbel, xa que polo resto dos lados encóntrase defendido naturalmente polas empinadas ladeiras do monte; polo S.W. esténdese un pequeno antecastro, algo alterado actualmente”, recolle o arqueólogo nestas memorias apuntando a orixe castrexa do emprazamento.

Era o da Férveda un dos castelos máis importantes dos Suárez de Deza na comarca, sobre todo, polo control do territorio. De feito, moi preto del están os restos dun antigo Camiño Real que uniría as terras de Silleda coas de Forcarei.

O castelo está oculto nun espolón entre dous ríos e rodeado de campos / Xurxo Salgado

O castelo está oculto nun espolón entre dous ríos e rodeado de campos / Xurxo Salgado

A vinganza da mitra compostelá

Por iso, tal era a súa importancia que a mitra compostelá non dubidou en facerse co seu control logo do asasinato do cabaleiro galego na Rocha Forte de Santiago, xunto con outros nove representante da nobreza no ano 1317. Morreron baixo as espadas a traizón dos homes do arcebispo Berenguel de Landoria, durante as guerras que enfrontaron a nobres e burgueses coa Igrexa compostelá a comezos do século XIV.

“Despois de haber pacificado compostela, o arcebispo Landoira levou a represión a terras do Deza, Trasdeza e Ulloa, onde aínda mandaban os Churruchaos. Frei Berenguel levou a guerra ata a casa de Camba e Rodeiro que está en Lalín, foi arrasando unha tras outra as fortalezas – Deza, Carboeiro, Chapa e Férvida….- e facendo prisioneiros aos sublevados. Pronto aos Churruchaos de Deza non lles quedou nada que defender. Frei Berenguel perdooulles a vida, pero requisoulles os bens e inhabilitounos para cargos e prebendas eclesiásticas , polo cal os Churruchaos, lonxe de apaciguarse ou resignarse deron en seguir o exemplo de Amilcar Barca polo que ao odio eterno se refire”, recolle con ironía o libro Galicia Feudal sobre o que aconteceu con estas fortalezas dos nobres do Deza nun tempo de moita inestabilidade política no que a Igrexa e a monarquía comezaban xa a aplicar a doma e castración da nobreza galega.

Moitos anos despois, a mediados do século XX, esta fortaleza e o seu entorno tamén serviu de acubillo para Foucellas, o famoso guerrilleiro que operaba nesta comarca. Segundo recolle Daniel González Alén dun pastor da zona, o Foucellas conseguiu fuxir no muíño da Férveda dunha emboscada feita pola Garda Civil.

Os carballos rodean todo o castelo da Férveda e danlle un aire misterioso e máxico / Xurxo Salgado

Os carballos rodean todo o castelo da Férveda e danlle un aire misterioso e máxico / Xurxo Salgado

A maxia dos mouros

O castelo da Férveda tamén oculta, por suposto, os seus segredos e a súa maxia galaica. Os seus mouros que gardan tesouros ocultos e que encantan a aqueles que ousen tentar roubalos. Segundo Daniel Gónzález Alén, á fortaleza tamén se coñece como “Eira dos Mouros”, e a ela se accede polo lugar de Fontelas e tamén polo de Férveda, ao carón do Camiño Real e moi preto da “Fonte dos Mouros”.

E nese folclore mítico que rodean os sitios arqueolóxicos do noso país, o Castelo da Férveda non é unha excepción. Ocultos entre os seus muros e foxos de fentos e toxos tamén hai mouros que beben viño, e mouros que ocultan grades de ouro e pozos que penetran nas entrañas do monte.

 

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...