fbpx
Illa do Areoso Guidoiro, na ría da Arousa. A suba do nivel do mar e a presión turística está afectando aos seus restos arqueolóxicos

Os segredos que oculta a mámoa 4 do illote do Areoso

Tempo de lectura: 2 min.

A web Guidoiro dixital, que leva anos informando sobre a imporancia dos bens arqueolóxicos de Guidoiro-Areoso, aposta porque os traballos arqueolóxicos que se realizarán nesta zona actúen sobre a mámoa 4, un monumento único en Galicia e que podería conter restos humanos.

Entre os argumentos esgrime que a deterioración do munumento porque, aínda que a erosión da mámoa se paralizou un pouco desde setembro de 2011, cando o Servizo Provincial de Costas de Pontevedra do Ministerio de Agricultura, Alimentación y Medio Ambiente construíu o muro que protexe o monumento, esta solución non é para nada definitiva.

Ademais, suliña que o mar segue a devorar o monumento polos laterais, onde non hai muro protector. Así, na primavera de 2014 o mar erosionara a base da duna nunha das esquinas do muro, provocando unha nova entrada de auga no espazo da cámara, que se baleirou de terra un pouco máis. Con esta acción tamén deixou á vista un cuncheiro aparentemente pousado sobre a coiraza da mámoa.

Por outra banda, suliña que a escavación presenta un interese excepcional desde o punto de vista da investigación arqueolóxica, tendo en conta que, aparentemente o dolmen está intacto desde que foi empregado como tumba hai máis de 4.000 anos.

Tamén a cámara presenta unha forma da que non se coñecen paralelos en Galicia, e moi poucos no resto do Noroeste, de modo que resulta do maior interese coñecer tanto a súa cronoloxía como o xeito en que foi empregada.

Restos de osos en Guidoiro Areoso / www.manuelgago.org

Restos de osos en Guidoiro Areoso / www.manuelgago.org

Restos humanos?

Ademais, apunta que a acidez dos solos do Noroeste provoca a desaparición completa de restos orgánicos nos xacementos arqueolóxicos tan antigos, de aí que son escasísimos os casos en que se localizaron restos óseos das persoas que se sepultaron nos dolmens. “Esta situación muda por completo en ambientes dunares, que favorecen a conservación dos ósos, como foi o caso da Mámoa de Chafé (Viana do Castelo, Portugal), onde se recuperaron fragmentos de cranios. Así, é posible que no caso da mámoa 4 do Areoso se poidan localizar, que saibamos por primeira vez en Galicia, restos humanos”, engade.

“Coa escavación imos obter un perfil completo da duna sobre o monumento megalítico e o terreo do seu contorno, unha oportunidade única para que os xeógrafos e edafólogos poidan estudar como e cando se formou, e así podermos definir mellor en que momento o illote empezou a converterse no que é hoxe, un paraíso natural lonxe da pegada intensa do ser humano”, recolle esta web.

Pode que che interese...