Presentación da exposición '80 anos. Santiago 1936' / santiagodecompostela.gal

Que pasou na capital galega durante os primeiros momentos da Guerra Civil?

Tempo de lectura: 2 min.

Unha grande exposición e un Congreso Internacional que reunirá en Compostela a historiadores de todo o mundo. Son os actos centrais cos que Histagra, en colaboración co Concello, lembrará o 80 aniversario do inicio da Guerra Civil Española na capital galega.

Con ese obxectivo de recuperar a memoria da Compostela de 1936, a Fundación Granell acolle desde este xoves e ata o 25 de setembro unha exposición que leva por título ’80 anos. Santiago 1936‘. A mostra quere explicar como, co estoupido da Guerra Civil, Santiago pasou de ser unha cidade en plenas festas do Apóstolo na que aínda se festexaba o Estatuto de Autonomía de Galicia, a converterse no escenario do medo e da persecución. Para iso bota man de fotografías, mapas nos que se localizan os partidos políticos e asociacións que tiñan a súa sede en Santiago, actas de mesas electorais, murais cos nomes das vítimas e dos verdugos do Golpe do Estado, ou dun audiovisual que fai un retrato dunha cidade viva.

A exposición está comisariada por Lourenzo Fernández Prieto, Gustavo Hervella García, Alfonso Mato Domínguez, Antonio Míguez Macho e Loli Vilavedra Fernández, e conta coa colaboración do Arquivo da Universidade de Santiago, a Biblioteca Xeral da USC, o CGAC, a Deputación da Coruña, a Fundación Eugenio Granell, o Museo das Peregrinacións e de Santiago, e Galiciana-Biblioteca Dixital de Galicia.

Congreso Internacional

Coincidindo co 80 aniversario do Golpe de Estado, o 18 de xullo, comezará o Congreso Internacional 1936 ‘Un novo relato, 80 anos entre historia e memoria’, que se celebrará ao longo de tres días na Facultade de Xeografía e Historia, a Fundación Eugenio Granell e o Teatro Principal. Serán os días 18, 19 e 20 de xullo, ás sete da tarde, e estarán protagonizadas polo xurista e fiscal Carlos Castresana; Elizabeth Jelin, membro do Consello Nacional de Investigacións Científicas e Técnicas de Arxentina; e Ben Kierman, da Universidade de Yale.

Ademais, no Congreso está confirmada a participación doutros nomes recoñecidos como Ángel Loureiro, da Universidade de Princeton; Elina Liikanen, da Universidade de Helsinki; Reyes Mate, investigadora do CSIC; Manuel Cruz, da Universitat de Barcelona; ou Xavier Etxeberría, da Universidade de Deusto. Ademais, para a xornada do 19 de xullo está previsto un café literario con Manolo Rivas e Suso de Toro.

Pode que che interese...

1 Resposta

  1. 13 Xullo 2016

    […] deste congreso, o Histagra tamén realizou unha exposición sobre o que aconteceu na capital galega durante os primeiros días do golpe militar de […]

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: