Torre e pazo de Guimarei, na Estrada, en completo abandono / Iria Blanco

S.O.S. Guimarei: A torre medieval que agoniza polo seu abandono

Artigo de Iria Blanco Brey

En febreiro deste ano (2016) atopabámonos coa nova de que o conxunto monumental da Torre e Pazo de Guimarei, na Estrada, entraba na lista vermella do patrimonio en perigo que elabora a asociación Hispania Nostra. O diagnóstico que este colectivo fai sobre o monumento é contundente: “En proceso de total ruína por abandono e a acción da vexetación. Espolio”.

Mentres agoniza entre a raizame, a ruinosa e esquecida torre aínda é quen de presentarse coma testemuña dun glorioso pasado medieval. Erixida probablemente no século XIV, constitúe o único vestixio dunha vivenda fortificada que puido ter sido destruída nas revoltas Irmandiñas, como así o defendía, a comezos do século pasado, o procurador e xornalista Varela Castro:

“En tiempos antiguos, aquella mansión señorial debió ser muy importante, a juzgar por los vestigios de extensas edificaciones que se ven sobre el terreno. Cuéntase que todo ello lo incendió Pedro Madruga, en una de sus correrías, con el afán de que sólo quedase en Galicia su casa de Sotomayor, para servir de residencia real…” (La Estrada, 1923, páx.166).

A torre hoxe é tan só unha armazón do que foi en tempos non tan pretéritos: un torreón duns 15 metros de altura, tres andares e talvez cun tellado a varias augas. Contaba con canos de desaugue nas catro esquinas superiores, dos que só conservamos os da parte oeste. Se nos fiamos dos debuxos de Castelao, estaría ameada. Nos muros sur e norte aínda se adiviñan as marcas dos tellados que puideron ter conformado a antiga residencia señorial do medievo.

Debuxo que Castelao fixo da Torre de Guimarei, na Estrada

Debuxo que Castelao fixo da Torre de Guimarei, na Estrada

Pazo abandonado

O pazo do século XVIII foi construído a carón da torre. Dunha soa altura, con bóvedas de pedra e planta en forma de U, non conserva o antigo tellado a dúas augas. Destaca o escudo nobiliario, situado sobre a portada principal, no que se representan os emblemas das familias Villar, Mosquera, Sarmiento e Aranda; insignias que o relacionan con don Luís Francisco Mosquera Villar e Aranda, terceiro marqués de Aranda de Quintanilla e terceiro de Guimarei.

Interior do Pazo de Guimarei, na Estrada / Iria Blanco

Interior do Pazo de Guimarei, na Estrada / Iria Blanco

O conxunto monumental estaría cercado todo el por un muro de pedra, do que se conservan restos na zona norte completamente invadidos pola vexetación. Chegaron aos nosos días dúas entradas ao recinto: a principal de acceso ao pazo, cara ao norte, formada por un sinxelo arco semicircular, e outra secundaria, ao leste, xa practicamente inaccesible dende o interior. A natureza campa hoxe ás súas anchas e a entrada ao recinto é cada vez máis dificultosa; as construcións van desaparecendo tras a maleza. Algunhas xa están completamente engulidas pola vexetación, como a cabaleriza, sita no nordés, e a palleira, na parte posterior do recinto.

Propiedade dos condes de Rubiáns ata finais dos 90, o conxunto monumental foi  converténdose en ruína durante todo o século XX, pasando de Estación Agronómica a ser cedido a un veciño da aldea que lles vixiaba o pazo aos Condes a cambio de gorecer alí as súas ovellas. O pazo deixou de ser unha residencia de nobres marqueses para se converter nunha granxa; e con ese apelativo, “A Granxa”, pasou a ser coñecido o antigo predio, noutrora epicentro de esplendor e poder. De pouco importou que a torre se declarase BIC no 94: derrubas, furtos e actos vandálicos sucedéronse como consecuencia do abandono; a decadencia non tivo volta atrás.

Pasividade

Pasadas xa dúas décadas, e despois das pugnas interminables contra a venta irregular do conxunto que lle recoñeceron o dereito de retracto, o concello da Estrada continúa pasivo e sen sinais de querer emprender as negociacións necesarias para se facer coa finca. Endexamais pareceu interesarse seriamente polo tema, pois no seu debido momento non apelou ao artigo 36.3 da Lei 16/ 1985 para ordenar aos antigos propietarios a execución das actuacións esixidas no cumprimento da obriga prevista para os bens declarados BIC; isto é, coidalos e protexelos debidamente para asegurar a súa integridade e evitar a súa perda, destrución ou deterioro.

Estado actual no que se atopa a Torre de Guimarei, na Estrada / Iria Blanco

Estado actual no que se atopa a Torre de Guimarei, na Estrada / Iria Blanco

No 2014 o alcalde de A Estrada prometía emprender un proceso de valorización do conxunto, pero deixando claro que a compra era irrealizable: “Una cosa es el corazón y otra la gestión pública”, sentenciaba. E, ante tal panorama, semella que o único que lles queda aos estradenses é resignarse mentres ven como os inmobles de Guimarei son devastados pola natureza salvaxe, que non entende de identidade, cultura e historia. “Quizais interesen máis os VIP que os BIC”, observou hai uns meses Héitor Picallo no seu blogue Un Karrapucho de Palabras.

Sexa como for, torre e pazo son espello de dúas épocas históricas, de dúas maneiras de pensar diferentes, cos seus determinados gustos e intencións artísticas, simbólicas e funcionais. Guimarei é un tesouro que loita por manter vivo o recordo do que fomos, e do que non nos deberiamos esquecer tan facilmente. Vergoñento é deixar morrer esta testemuña do noso pasado; vergoñento privar ás futuras xeracións deste monumento por mor da nosa irresponsabilidade, do noso mal facer. Oxalá se abran os ollos antes de que sexa demasiado tarde, e se o Concello de A Estrada non é quen de recuperarlles aos veciños o que é de seu, algunha institución superior debería facerse cargo, como mínimo do monumento declarado Ben de Interese Cultural. As administracións, os colectivos, pero tamén os cidadáns, debemos unirnos na defensa e salvagarda da nosa herdanza histórica e cultural: Só cando a sociedade saiba esixir o que é dela, seremos donos do noso patrimonio.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: