fbpx
Las Médulas, Orellán. Un dos principais simbolos patrimoniais do Bierzo / patrimoniocastillayleon.com

Unha fiestra aberta ao patrimonio natural e cultural do Bierzo

Tempo de lectura: 2 min.

Este venres botou a andar en Vilafranca do Bierzo a sexta edición do curso de Extensión Universitaria sobre o Patrimonio natural e cultural do Bierzo, que se foi consolidando desde o 2007 na programación de actividades de verán organizas pola Universidade de Vigo, nesta ocasión en colaboración coa Universidade de León.

Os reitores de Vigo, Salustiano Mato e de León, Juan Francisco García Marín, foron os encargados de inaugurar o curso xunto co alcalde da localidade, José Manuel Pereira. O acto oficial de apertura deu paso á presentación dunha serie de vídeos relacionados coa natureza do Bierzo e co Museo de Ciencias Naturais e Etnográfico dos PP Paúles, da man de José Eduardo Nieto.

Seguidamente os asistentes realizaron unha visita guiada polo museo acompañados pola profesora da Universidade de Vigo Josefina Garrido, co-organizadora deste curso. A docente explica que da programación desta sexta edición “destaca a conferencia de Robert Sackstein, profesor en Harvard Medical School, que este venres pola tarde achegará aos asistentes os últimos avances en bioloxía, neste caso centrándose na terapia con células nai”. Sackstein é un hematólogo de prestixio internacional do Dana Farber Cancer Institute de Boston e dirixe os programas de Investigación Translacional e de Transplante de Médula Ósea do Hospital General de Massachusetts, ademais de ser membro do Comité Científico Internacional da Fundación Josep Carreras contra a leucemia.

A súa traxectoria científica comprende a participación en numerosos estudos relacionados coa capacidade rexeneradora do corpo, células nai e a súa aplicación á curación do cancro. O programa desta primeira xornada completouse cun relatorio sobre a Denominación de Orixe Bierzo e unha visita guiada a viñedos e adegas.

Todas as prazas completas

O curso Patrimonio natural e cultural do Bierzo está dirixido a estudantes e titulados en bioloxía, ciencia ambientais, historia, xeografía, etc. e a calquera persoa interesada nesta temática e, como vén sucedendo nas últimas edicións, esgotou as 55 prazas que ofrecía. Os seus obxectivos, como explican os organizadores, pasan por coñecer o patrimonio natural e cultural do Bierzo e o seu importante papel na Reserva da Biosfera de Ancares e estudar a biodiversidade de flora e fauna do Bierzo. Paralelamente os asistentes analizarán tamén a paisaxe desta zona e coñecerán algunhas repercusións que as alteracións ambientais provocadas polo ser humano poden producir na natureza reducindo a súa biodiversidade, especialmente nun espazo natural coma este.

A programación do curso para a fin de semana inclúe actividades diversas, tanto didácticas como culturais e de lecer. Os asistentes desprazaranse mañá sábado ás Barrancas Rubias e ás Médulas de la Leitosa, onde participarán ao longo de todo o día en conferencias e talleres sobre xeoloxía, paleontoloxía, petroloxía e arqueoloxía industrial.

Para o domingo están previstos varios relatorios sobre La provincia del Bierzo, El vino: alimento o medicamento, e tamén sobre a harmonización do viño coas setas, esta última da man da profesora da Universidade de Vigo Marisa Castro. O programa completarase pola tarde cun relatorio do profesor da Universidade de León Luis Felipe Valladares sobre a ciencia colaborativa posta ao servizo do coñecemento e a conservación da biodiversidade.

 

Pode que che interese...