fbpx
Castelo de Santa Cruz, na Guarda / turismo.gal

VIDEO – O castelo de Santa Cruz, o forte recuperado na Guarda

Tempo de lectura: 2 min.

Este venres preséntase na Guarda “A orixe da lenda”, unha curta documental de Baixo Miño estudios, sobre unha lenda referente ao castelo de Santa Cruz, e ás fortificacións das dúas marxes do Miño.

O Castelo de Santa Cruz foi construído en 1663, en plena guerra de Restauración de Portugal por acadar a súa independencia da coroa española e que converteu a fronteira galega nun dos principais escenarios bélicos desa contenda. É probable que se utilizase a pedra da muralla que rodeaba parte da vila, xa que a súa construción foi acelerada.

No ano 1665, João Manso ao mando dos lusos cercou e tomou a fortaleza. Foi o exército portugués o que se encargou de construír, tamén, unha atalaia de vixilancia sobre as rocas xunto ao porto da que hoxe existe unha réplica que alberga o Museo do mar.

Situación estratéxica

Plano do Castelo de Santa Cruz, na Guarda / 1000-lugares-en-galicia.blogspot.com

Plano do Castelo de Santa Cruz, na Guarda / 1000-lugares-en-galicia.blogspot.com

A súa situación era estratéxica, por iso a importancia de galegos e portugueses polo seu control. Desde a fortaleza de Santa Cruz pódese apreciar toda a vila, o porto da Guarda e cara ao leste podíase divisar o Miño, aínda que esta era máis facilmente vixiado desde a atalaia que había no Monte Santa Trega. Ao norte vixiábase o atarefado camiño que unía Tui con Baiona pasando pola vila.

A planta desta fortaleza ten forma de polígono irregular con catro baluartes con garitas que sobresaen e que reciben os nomes de Baluarte da Guía, de San Sebastián, da Cruz e de Santa Trega. Ao redor do castelo un foso con parapeto permitía unha mellor defensa ante posibles invasores.

Tras anos de abandono en mans privadas pasou a mans públicas. En 2012 aprobouse o proxecto de posta en valor deste castelo, financiado co 1% cultural do Ministerio de Fomento cun financiamento de 1.033.931,14 euros ( IVE engadido). Hoxe, a fortaleza de Santa Cruz é un dos puntos indispensables nunha visita a esta vila mariñeira do sur de Galicia. No seu interior está previsto a construción do centro de interpretación de todas as fortalezas construídas a beira do Miño entre 1640 e 1665.

 [wp_geo_map]

Pode que che interese...