Loita de cabalos na rapa das bestas de Sabucedo / Oscar Dacosta

VÍDEO: Os gardiáns das bestas salvaxes

A rapa das bestas de Sabucedo non é unha festa calquera. É unha tradición centenaria que pasa de avós a netos, de pais a fillos e de tíos a sobriños. Non hai diñeiro polo medio, nin rendabilidade económica, senón paixón, sentimento e amor polos cabalos.

O cabalo é case un totem sagrado para os veciños de Sabucedo. Non é un inimigo. É case como un membro máis da familia. No monte hai preto de 400 deles vivindo en condicións, ás veces, moi duras. Tanto que os cabalos domésticos non aguantarían nin uns meses.

“Para nós, conservar as últimas eguas salvaxes que viven no mundo é unha tradición, e pesa, e vai tatuada na pel dos nosos pais, avós, dos nosos antergos… Somos os gardiáns desas bestas que viven salvaxes”, asegura Michel Touriño, aloitador.

De feito, se non fora polos cabalos, os montes estarían abandonados, feridos de morte e desprotexidos. Eles son os seus donos, os que evitan lumes, manteñen camiños e alimentan as camadas dos lobos. Son un elemento indispensable da cadea natural.

Lucía González, unha das poucas aloitadoras da rapa das bestas de Sabucedo / Óscar Dacosta

Lucía González, unha das poucas aloitadoras da rapa das bestas de Sabucedo / Óscar Dacosta

Altruísmo

A rapa de Sabucedo mantén tamén ese espírito indómito. O mesmo que non quere facer desta festa un espectáculo de cartos. “Aquí todo se fai altruistamente para que sigan vivindo nos nosos montes”, apunta Michel.

E é que a emoción de aloitar cun cabalo é tanta que a sangue ferve nas veas e tensión salpica cada poro da pel. “O sangue vai a toda velocidade polas veas… Pero sentes esa necesidade de percibir ese poder de 300 quilos. Se non o vives non es capaz de sentilo. Non hai humillación, é só unha loita. Por iso nos abrazamos entre nós despois de cada loita porque volvemos estar vivos e eles libres outra vez”, asegura.

Logo de domado, a toda besta se lle curta o pelo. Unha tradición de dominio e de relación mutua entre o home e o animal. “É para identificar que son nosas e do santo, de San Lourenzo”, conclúe o aloitador. A reportaxe é de Óscar Dacosta.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: