fbpx
Castelo de Vimianzo / foto turismo.gal

Vimianzo enche de historia as fins de semana do verán

Tempo de lectura: 3 min.

Durante os sábados de xullo e agosto, o Concello de Vimianzo promove unha serie de visitas guiadas para coñecer o amplo patrimonio do seu municipio. Vimianzo. ‘Historia Viva’ propón unha ruta temática diferente cada semana: “Cada sábado, unha historia…” (pola súa arqueoloxía, pazos, románico…) cun guía oficial. Todas elas parten en autobús á mesma hora (agás a ruta nocturna) do castelo de Vimianzo, núcleo de atracción de visitantes do municipio. Alén diso, os visitantes tamén poderán gozar de visitas guiadas ao castelo e aos Batáns do Mosquetín durante os sábados e domingos de xuño, xullo, agosto e setembro. Muda o horario: Castelo (12/19h) e Batáns (13/18h).

Ademais das novas rutas desta edición, por primeira vez poderase visitar o castelo de Vimianzo cando cae o sol. Haberá dúas oportunidades para pasar unha Noite no castelo: unha o venres 22 de xullo, conmemorando o 80 aniversario do simbólico asalto ás Torres tralo golpe de Estado do 36, e o domingo 14 de agosto, previo ao festivo. As dúas visitas comezarán ás 22h30.

Para as visitas temáticas dos sábados e a Noite no castelo recoméndase reservar praza no correo electrónico visitavimianzo@gmail.com.

Programa máis amplo

Todo este proxecto fai parte dun programa máis amplo de dinamización turística durante o verán, no que tamén se encadra Castelo Vivo, con representacións teatrais que narran a historia da fortaleza por parte dos Quinquilláns os domingos, ademais da xa clásica Mostra de artesanía ao vivo.

Vimianzo, centro xeográfico da Costa da Morte, reivindica deste xeito unha oferta distinguida na Costa da Morte: o seu pasado e patrimonio, revivido no presente como unha auténtica viaxe no tempo.

Veciñas de Vimianzo vestidas con traxes medievais na festa irmandiña do Asalto ao Castelo / asaltaaocastelo.org

Veciñas de Vimianzo vestidas con traxes medievais na festa irmandiña do Asalto ao Castelo / asaltaaocastelo.org

Propostas

23 xullo – O Camiño secreto de Santiago

11h30 – Visita en bus – 3€ adultos / gratis nenos

A importancia da igrexa románica de Santiago de Cereixo coa súa singular representación da lenda da Traslatio, pode contarnos a historia dunha ruta xacobea esquecida co paso dos anos. Desde a Capela da Peregrina da Lagoa, pasando por Calo e a ermida de Castrobuxán, na beira do río Grande, arribaremos a Cereixo. Na boca da ría de Camariñas este lugar garda o sabor doutra época, cando desde as súas Torres se podería ver, posiblemente, a chegada ao porto de camiñantes a Compostela.

 

30 xullo – Do cemiterio megalítico ao romano

11h30 – Visita en bus – 3€ adultos / gratis nenos

En Pedra Cuberta os arqueólogos alemáns Leisner descubriron as primeiras pinturas rupestres megalíticas do occidente peninsular. Outros dolmens que visitaremos serán Pedra Moura e Pedra da Lebre. O final do percorrido será para a época romana e sueva, no cemiterio de Tines, onde se encontrou a estela de Victorinus, un dos primeiros cristiáns de Galicia.

06 agosto – Vimianzo en festas

11h30 – Visita pola vila – GRATIS

Vimianzo celebra as súas festas de verán, un momento perfecto para achegarse á historia desta vila. Desde o seu castelo, iremos á Praza da igrexa, centro neurálxico da vida noutro tempo. Cruzaremos o tradicional barrio de Tedín para chegar á capela neoclásica e Pazo de Trasouteiro. Escoitaremos as augas do río que moven a moa do Muíño da Agra e terminaremos o percurso no renacentista Pazo de Trasariz.

13 agosto – Entre dolmens e castros

11h30 – Visita en bus – 3€ adultos / gratis nenos

As impresionantes murallas do castro das Barreiras sorprenden en pleno val de Vimianzo. O mundo castrexo combínase co megalítico nunha viaxe pola Prehistoria: o castro do Altiño, a necrópole de Chan do Cabral e Rabós, a monumental Pedra da Arca e o dolmen singular da Casota de Freáns.

 

Castro das Barreiras en Vimianzo / turismovimianzo.com

Castro das Barreiras en Vimianzo / turismovimianzo.com

20 agosto – Petróglifos e lendas ao caer o sol

20h30 – Viaxe en bus e pequena ruta a pé – 3€ adultos / gratis nenos

Pídese levar lanterna e chaleco reflectante

Cos últimos raios de sol camiñaremos durante 4 quilómetros visitando o túmulo megalítico da Arquiña de Vilaseco, a lendaria Pedra do Frade e os petróglifos de Boallo. Un momento perfecto para ver á luz das estrelas e as lanternas os relevos gravados en granito hai miles de anos.

 

27 agosto – O outro medievo de Vimianzo

11h30 – Visita en bus – 3€ adultos / gratis nenos

O elemento máis coñecido da Idade Media é o castelo, pero Vimianzo ten moitos máis segredos da época que visitar. Coñece o románico de Tines e Treos, o gótico dun dos cruceiros máis antigos de Galicia, a historia da cruz milenaria de Serramo e vixía os camiños desde San Bartolo e o Bico dos Xentís.

Pode que che interese...