Fotografía aérea dos anos 40. Asentamento temporal de traballadores nos montes de Sta. Mariña do Remuiño, en Corcoesto. A presencia numerosa destes asentamentos era proporcional ao incremento da productividade das minas, que requería máis man de obra constituída por indíxenas libres e escravos

De cando os romanos xa buscaron o ouro de Corcoesto

Fragmento da revista “Historia de Corcoesto, nº. 1”. Autor: Asociación Petón do Lobo. Ano 2016.

O Castro do Lugar Grande de Corcoesto está sen inventariar nen catalogar, mais as testemuñas da súa presencia son abondosas. Os restos máis visibles son o parapeto do muro oeste e o foxo, hoxe bastante afectados polas labores agrícolas, forestais e a concentración parcelaria da parroquia. Sen embargo, a súa historia é moi interesante. O lugar Grande sofreu fondas modificacións ao longo dos séculos. Desde as súa orixe como Castro defensivo (na fotografía aérea do ano 1975 aprécianse restos da muralla fortificada do lado oeste), ata converterse en Castro agrícola. O aumento da poboación obrigaba á construcción de recintos anexos amurallados. Posteriormente pasou a ser sede do poder romano durante a explotación do ouro. Moi preto, en Quiñalde os romanos rendían culto ao deus da gerra Quirino, no outeiro Quirinale. Os soldados romanos pedíanlle tempos de paz a Quirino.

A partires do S.I Corcoesto estaba habitado por romanos, indíxenas libres e escravos. O principal interese dos romanos eran as minas de ouro de Corcoesto, e iso que era un xacemento secundario. Desde un punto de vista actual e contemplando o relevo da parroquia pódese dicir que aproveitaron todo o ouro, esquilmaron todo o que puideron, e sen gañar os seus poboadores nada a cambio, nen sequera algunha das súas grandes infraestruturas, que sí deixaron noutros lugares da península ibérica. Isto demostra que a súa permanencia en Corcoesto limitouse exclusivamente á extracción do ouro. Pero houbo un legado que sí nos deixaron e que sen moitas variacións permaneceu ao longo de todo este tempo, isto é, os topónimos (hidrónimos, epónimos, teónimos…), case todos eles referidos a presencia romana en Corcoesto.

Fotografía aérea dos anos 40. Asentamento temporal de traballadores nos montes de Sta. Mariña do Remuiño, en Corcoesto. A presencia numerosa destes asentamentos era proporcional ao incremento da productividade das minas, que requería máis man de obra constituída por indíxenas libres e escravos

Fotografía aérea dos anos 40. Asentamento temporal de traballadores nos montes de Sta. Mariña do Remuiño, en Corcoesto. A presencia numerosa destes asentamentos era proporcional ao incremento da productividade das minas, que requería máis man de obra constituída por indíxenas libres e escravos

Así temos palabras como Picotos, Montefurado, Fonterremula, Auga Levada, Rego Seco, Canles, Dequente (Decante), Lamas… A obsesión dos romanos polos recursos hídricos, levounos a mudar regos, alterar as fontes, facer canles, e verdadeiras obras de enxeñería hidráulica para empregar a forza da mesma, e poder extraer o codiciado ouro das rochas.

Pero non só temos topónimos referidos á actividade mineira, senon tamén aos Deuses. Así o actual Quiñalde (latín Quirinale), eran nen máis nen menos, que un outeiro onde os romanos desprazados a Corcoesto honraban ao Deus romano Quirino (Rómulo).

O monte Quirinale (en latín Collis Quirinalis) é un dos sete outeiros ao nordés de Roma. O seu nome é unha homenaxe ao deus romano Quirino. É tamén o nome da residencia oficial do Presidente da República italiana. Durante algún tempo foi chamado tamén Monte Cavallo. Orixinariamente formaba parte dun grupo de outeiros entre as que estaban incluídas as súas tres cimas (Collis Latiaris, Mucialis (ou Sanqualis) e Salutaris), agora perdidas debido á construción de edificios durante o século XVI e posteriores.

Segundo unha lenda romana, o monte Quirinale sería o emprazamento dun pequeno pobo dos sabinos, quen erixira altares en honra do deus Quirinus (dando nome ao outeiro) e alí viviría o rei Titus Tatius tras a paz entre os romanos e as sabinos. Deus do outeiro do Quirinal de Roma. Quirino, na súa orixe, foi probablemente un deus da guerra sabino. Os gregos asimilárono a Ares o Bélico.Así pois, no actual Quiñalde, preto do campo de fútbol de Corcoesto, rendíase culto ao Deus romano Quirino, Deus da Guerra.

Por que se rendía culto a un Deus da guerra?

Aquí aparece unha peculiariade do pasado de Corcoesto: a relación entre os romanos e os indíxenas semella en absoluto pacífica. Por un lado estaba o codiciado ouro, tan necesario para manter o Imperio romano, recurso estratéxico de primeira orden na economía romana, e que había que conseguir a toda costa, custase o que custase, e iso implicaba forzar o traslado da poboación indíxena, mudar os seus hábitos, modificar os cursos dos ríos, das fontes.., expulsalos das súas terras…etc. (A alguén lle soa isto na modernidade actual?).

Naquela época estaban os habitantes dos Castros, aldeas fortificadas de forte carácter defensivo, como ben se aprecia no Castro de Corcoesto (no lugar de O Castro), coas súas correspondentes murallas e terrapléns, pero tamén había poboados nómadas que viaxaban e se asentaban nun lado ou outro segundo a estación do ano e as súas necesidades.

Se observamos o relevo e a toponimia de Corcoesto, non semella que os habitantes do Castro de Corcoesto supuxeran un problema para os romanos, pero sí o eran os indíxenas nómadas, que con frecuencia asaltábanos na procura de alimento e gando. Aínda que tamen hai que recoñecer que moitos dos indíxenas eran homes libres que traballaban para os romanos, e os capturados convertíanse en escravos que traballaban e morrían nas minas.

Que a relación entre ambos non foi pacífica, ben o demostra a relación de asentamentos máis ou menos fortificados que os romanos facían ao pé de cada área mineira. Así o reflexa o topónimo Arnados (armados), preto de Quiñalde, en alusión á disposición do exército romano que semellaba as celas dunha colmea, e o Chan da Armada, que vixiaba ao outro lado do río Anllóns, desde a veciña parroquia de Langueirón, as ruinas mineiras do Couto de Carballido, onde chegou a existir unha explotación mineira moi importante. Con anterioridade aos romanos Arnados era un lugar de producción de mel e de cera para o culto relixioso, é dicir, tamen lugar de colmeas.

As minas romanas de Corcoesto

Restos do outeiro Quirinale, hoxe en día o actual lugar de Quiñalde. Nel rendíase culto ao deus Quirino, deus a quen os soldados romanos pedían pola paz

Restos do outeiro Quirinale, hoxe en día o actual lugar de Quiñalde. Nel rendíase culto ao deus Quirino, deus a quen os soldados romanos pedían pola paz

O certo é que aos romanos preocupaballes moito a custodia das minas, e que por elo fixaron liñas de defensa ao longo do río Anllóns, como se a alguén temeran ao outro lado do río, e ese alguén non fose precisamente os indíxenas nómadas. Lembrar que os fenicios, excelentes mercaderes e navegantes, tamen procuraban naquela época os recursos mineirais de Galicia.

En Corcoesto, destacaba pola súa importancia o asentamento de Os Cudeiros. Observando o relevo da zona pódese apreciar incluso unha estrutura circular maior, na parte alta do monte e preto da bocamina, desde a que se vixiaban os arredores e o resto do campamento, formado por estruturas máis ou menos circulares de pedra que se estendían polos montes de Cudeiro e ata Fonterremula.

A palabra Cudeiro ten sen dúbida algunha unha orixe latina, na palabra Scutum (scuta plural), é dicir, antigüidade romana histórica, que podía facer alusión a un escudo oblongo de táboas ou vimbia cubertos con coiro, ás veces cunha lamia de ferro; realizado principalmente pola infantería pesada-armado do exército romano.

É probable que en Cudeiro existira unha fracción armada da infantería do exército romano que protexía ás minas. Máis tarde co devir do tempo esa presencia militar continuaría en mans de mercenarios ou militares non profesionais. Por outra banda, o termo tamén alude aos toldos cos que probablemente cubriran as tendas ou refuxios onde vivían os militares. Isto no cumio do monte, porque despois aprécianse outras estruturas circulares máis pequenas e numerosas ladeira abaixo, que máis ben semellan os campamentos dos traballadores das minas, que co incremento da actividade mineira íanse ubicando uns ao lado dos outros, desde Os Cudeiros ata Fonterremula, medrando así o campamento.

Tamen hai que ter en conta a evolución da propia palabra Scuta, xa que ao longo da historia os nomes de Cudeiro, recibiron primeiro o nome de Cadero (fracción), Cadeiro, e na actualidade Os Cudeiros.

Aínda que Os Cudeiros é sen dúbida o campamento máis importante, sobre todo pola presencia militar ao pé da mina, tamen existen outros campamentos ou estruturas vixía noutros lugares de Corcoesto.

Así temos un campamento temporal na mina dos Picotos e outro nos montes de Santa Mariña, sendo este último máis grande e de maior importancia. Ambos os dous de estrutura circular están na pendente dunha ladeira, e a súas características permiten deducir que a función do primeiro era excluviamente o control da actividade mineira por parte dos gardas romanos e a vixianza na zona da mina.

Os romanos converteron o Castro orixinario no asentamento dos mandos administrativos e militares encargados de explotar as minas, e dispuxeron a súa organización en vivendas unifamiliares dispostas en quinteiros ao redor do foro ou praza pública, da que aínda se aprecian restos hoxe en día. De feito, o microtopónimo Quinteiro aínda se conserva.

Desde a súa cima vese o curso do río Anllóns e fóra das murallas están as terras cultivadas a millo, lugar que hai anos coñecíase como o Agro do Mouro. No medievo era un Couto (cima acoutada) de Corcoesto. As mulleres que habitaban o Couto adicábanse a lavar o material da mina, é dicir, eran bateeiras ou aureanas. De aí o alcume de “Coutelanas”, que aínda se conserva na actualidade. Aquelas outras mulleres que vivían no couto, mais non eran lavandeiras de material eran “Coutas“, alcume que tamen aínda se conserva hoxe en día.

As Coutelanas lavaban o material da mina nas gabias onde ía a parar arrastrado pola forza da auga. Así temos lugares como As Lamas, A Lamprieira, Dequente (Decante), e microtopónimos como Os Murados, Os Bodegales, As Lavandeiras, que aínda se conservan na memoria da veciñanza.

Tanto as Coutas como as Coutelanas deberon desempeñar un papel importante na historia de Corcoesto. O papel da muller debeu ser tan relevante que aínda hoxe en día estes alcumes perviven entre as familias de Corcoesto. Hai que ter en conta que o papel das Coutelanas non debeu ser fácil tendo en conta que desempeñaban labores masculinas nun mundo cheo de homes e onde a forza era moi valorada.

O Quinteiro (antigamente o nome que recibía o lugar Grande actual) tamen era o caseiro, o que xestionaba o lugar dun señorío a cambio dunhas rendas ou foros. De feito, ata ben mediado o seculo XIX os seus habitantes eran caseiros que comprarían os lugares aos señores a raiz da desamortización de Mendizábal. Cómpre lembrar que o Couto de Corcoesto pertencía á xurisdicción da linaxe Bermúdez de Castro, donos da Torre de A Penela. Por outra banda, o quinto era o tributo real que se pagaba ao rei cando se capturaba unha presa ou descubría un tesouro e que era igual á quinta parte (20%) do capturado ou descuberto.

Ao longo do século XVI pódese constatar que a Corcoesto chegaba xente foránea a Galicia. Un dos motivos era a fama do ouro na zona, de aí os bateeiros do río Lourido e do río Anllóns, que eran buscadores de ouro, pero tamen tiña a súa xustificación na lonxanía de Galicia cos centros de persecución relixiosa españois de xudeos e conversos, polo que favorecía que moitos deles buscaran refuxio nas vilas galegas sobre todo do interior.

A inquisición en Corcoesto

Capela de Sta.Mariña do Remuiño en Corcoesto, lugar de culto ao sol.

Capela de Sta.Mariña do Remuiño en Corcoesto, lugar de culto ao sol.

Dábase a paradoxa de que a medida que triunfaba a Contrarreforma en España, a Galicia e as súas vilas do interior chegaban cada vez máis xudeos e moriscos desterrados. Constatados estes feitos o poder real seguía a súa política de domar aquela terra de Galicia, iniciada polos reis católicos, Isabel e Fernando, segundo consta na documentación da época.

Desta época é precisamente a auxe vivida pola aldea de Aldemunde, hoxe en ruinas, no veciño municipio de Coristanco. Aldemunde era unha aldea na que incluso se celebraba mercado semanal. O seu propio nome indica que é unha aldea do mundo, composta por mestizaxes e xentes de diversos lugares. De feito nas ruinas que existen, pódese apreciar o detalle en oxiva das fiestras, que lembra a arquitectura morisca.

E é neste ambiente propiciado pola Contrarreforma e a guerra de Flandes, cando as costas galegas convírtense en lugar de paso das grandes rotas oceánicas e o teatro preferido polas correrías dos piratas e corsarios protestantes, que vían nestes asaltos unha forma de castigar as persecucións relixiosas levadas a cabo en España polo Tribunal do Santo Oficio. Ben coñecidas son as aventuras desta época do pirata inglés Francisco Drake e o flamenco Luis de Nasssau, que compartían a opinión de que o punto débil do Imperio español eran as súas costas e comunicacións marítimas, e así dispuxéronse a probar esta afirmación con feitos. De aí os asaltos as poboacións costeiras, poñendo de manifesto a incapacidade do rei español de protexer as súas costas e os seus habitantes, en sinal de castigo por intentar frear o protestantismo en Europa.

É neste esceario cando o Tribunal da Inquisición traslada o culto de Santa Mariña desde a praia de Santa Mariña de Niñóns, en plena zona costeira, no concello de Ponteceso, a unha zona do interior, á actual Santa Mariña do Remuiño en Corcoesto, precisamente para deixalo a salvo dos asaltos dos piratas protestantes. Do mesmo xeito rexorde en Corcoesto a importancia do Tribunal do Santo Oficio para gardar o culto católico dos inimigos e preservar a fe.

O nome do Inquisidor responsable da aplicación do Santo Oficio en Corcoesto no ano 1670 era Miguel Collazo de Soto, dependente da Xurisdicción do Señorío da Penela, e home de María Rodríguez Sobrino.

Miguel era fillo de labradores honrados e limpos que moraran na freguesía de San Pedro de Corcoesto (segundo consta nun expediente de 1670), e que vivían no lugar Grande de Corcoesto. Saíu de Galicia para buscar fortuna e achouna en Madrid, na Corte. Unha vez fixo fortuna buscou respaldo social solicitando ingresar no Santo Oficio, solicitude que foi aprobada grazas ao expediente arriba citado. De volta a Galicia conseguiu o Regidorato de Santiago e construíu unha nova mansión onde radicaba o solar nativo que herdara dos seus pais e outra en Baldomir. Foi pai de Mª Josefa Collazo de Soto e Rodríguez Sobrino quen casou con Diego Antonio de Ribera Taybo e Fernández Varela, Rexidor perpetuo de Santiago e dono da Casa de Baldomir (Guísamo). Aínda hoxe se conserva o escudo da linaxe dos Collazo nunha das casas do lugar Grande.

Este Miguel era un home ben peculiar, e así o demostra o feito de que en posesión do seu posto de secretario do segredo do Santo Oficio non tiña reparos en litigar pola vía civil contra todo aquel que lle adebedara cartos. Así aparece no Arquivo no ano 1676, como demandante contra Alberto Fernández de Arroa, por unha débeda de 600 ducados de vélaro.

Sen embargo, no ano 1734 foi acusado polo propio Tribunal do Santo Oficio por revelar segredos, tal e como se recolle no Tomo II (A.H.N., Ing., Libro 686: desde o 5 de outubro de 1720 ata o 28 de xullo de 1762). O inquisidor rompera o segredo do Santo Oficio, un delito moi perseguido polo propio Tribunal. A sede do Tribunal e o cárcere estaban no lugar de Teixedo.
Os funcionarios inquisitoriais, antes de ser nomeados, eran sometidos a un riguroso estudo da súa xenealoxía e de pureza desangue.

O Santo Oficio, como unha institución de elite, aproveitou e incorporou nas súas filas aos membros das estruturas de poder local para estender o seu prestixio e o seu poder. A existencia da forza inquisitorial adoitou lembrarse mediante a presenza destes funcionarios, acicalados coas roupas, insignias distintivas do Santo Oficio e co privilexio de portar armas. Vivir amparados baixo esta tutela garantiulles dita protección, polo que empregaban este poder para evadir calquera outra obriga.
Con esta forma de proceder e coa seguridade de sortear calquera vicisitude debido ao seu foro,os familiares, ao mesmo que os comisarios, os notarios e os alguaciles maiores, a miúdo foron acusados de utilizar a súa influencia para lucrarse en negocios pouco honestos, abusar da súa autoridade, utilizar a violencia,… Como consecuencia, a Inquisición reduciu os nomeamentos nas provincias onde os índices de delitos condenados eran menos altos e a súa presenza non fóra tan necesaria.

No lugar de Montefurado, existe o microtopónimo A Torre, en referencia a unha torre medieval fortificada destruida durante a segunda revolta irmandiña. O escudo da Inquisición na fachada lateral da casa que arestora alí se ubica, indica a presencia do Santo Oficio en Corcoesto.
Polo que se sabe Corcoesto foi sede do Tribunal da Inquisición no transcurso do tempo que durou esta institución.

O escudo da Inquisición represéntase por unha cruz rodeada por unha espada, en alusión á persecución dos herexes e a rama de loureiro en sinal de reconciliación cos arrepentidos.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

  • vanessa

    Moi interesante. Noraboa.

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: