Novas gravuras atopadas en Pena do Oso, en Cervantes / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Descubertas novas mámoas e petróglifos a case 1.200 metros

O Colectivo Patrimonio dos Ancares volveu atopar novos elementos patrimoniais nunha das zonas máis altas de Galicia. Concretamente, localizaron unha mámoa e varias estacións de petróglifos que están a petro de 1.200 metros de altitude, sendo unha das máis altas do país.

Os activistas culturais Xabier Moure e Severino Orozco localizaron hai uns días unha cuarta mámoa na necrópole megalítica da Pena dos Mouros, a 1.180 metros de altitude, situada na Serra de Palmeán, por riba das aldeas de Folgueiroa e Savane, parroquia de Dorna, no Concello de Cervantes Trátase dun túmulo duns 11 metros de diámetro e unha altura dun metro que presenta un cráter de violación de 2 metros de diámetro do que sobresaen un par de esteos da cámara megalítica; tamén se observan restos de coiraza pétrea. As outras tres mámoas xa estaban catalogadas.

No que vai de ano, Patrimonio dos Ancares localizou xa 8 mámoas nesta zona e solicitaron ao concello o a súa posta en valor, para que proceda aos labores de limpeza e sinalización. “Hai unhas semanas, o alcalde aseguroume que no momento que contrataran unha brigada forestal acometeríanse estes labores. Pois ben, a principios do mes de agosto xa se contratou a brigada polo que lle lembramos ao alcalde o seu compromiso, boa vontade que tamén conta, como nos asegurou, cos comuneiros propietarios dos montes onde se atopan as mámoas”, apunta Moure.

Petróglifos

Tamén na primeira semana do mes de agosto, este activista e a documentalista Pilar Carpente localizaron unha nova estación con petróglifos no concello de Cervantes. Foi no lugar coñecido como A Pena do Oso, un outeiro situado a 1.161 metros de altitude sobre o nivel do mar, a pouco máis de 1,5 quilómetros da aldea do Piornedo, na parroquia de Donís, en plena Serra dos Ancares, e non moi lonxe dos altos picos que dividen Galicia da provincia de León (Agulleiro, Penalonga, Mostallar…).

Insculturas atopadas en Pena do Oso, en Cervantes, a máis de 1.160 metros / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Insculturas atopadas en Pena do Oso, en Cervantes, a máis de 1.160 metros / Colectivo Patrimonio dos Ancares

Trátase dun afloramento granítico con catro cazoletas, tres delas aliñadas; e dúas penas máis cunha coviña cada unha. As medidas oscilan entre os 3 e os 7 centímetros de diámetro, e unha profundidade de entre 0,5 e 3 centímetros.

Este novo achado fai o número 13 das estacións que dende o Colectivo Patrimonio dos Ancares localizaron no concello dende que descubriu o primeiro grupo a finais do mes de agosto de 2013.

As gravuras da Pena do Oso, coma o resto das documentadas no municipio, atópanse próximas a pequenas correntes de auga, vellos camiños e ás coñecidas na comarca como brañas ou campas. As brañas eran lugares altos, pero situados en penichairas, onde se levaba o gando e se sementaban os cereais, actuando en moitos casos como asentamentos temporais dende finais da primavera ata finais do verán. “É por isto polo que a presenza de gravados nestes lugares adquire unha especial relevancia, amosando que xa dende a Idade do Bronce eran utilizados para o desenvolvemento de actividades agrícolas e gandeiras que se foron perpetuando ao longo dos séculos”, engtade Moure.

Estes novos achados xa se comunicaron vía correo electrónico ao Concello de Cervantes e ao Servizo do Patrimonio Cultural. Tamén o Servizo do Patrimonio Cultural en Lugo comunicou recentemente que, despois da visita dos técnicos da Xunta de Galicia, xa catalogaron algúns dos xacementos arqueolóxicos localizados por este colectivo ao longo do ano: 2 mámoas en Savane (Cervantes), castro de Pumarín (Becerreá) e castro de Recesende (Baralla).

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: