fbpx
Imaxe do Muro de Medeiros. Recreación de Manuel Cráneo / murodemedeiros.net

Na procura do castro do viño

Tempo de lectura: 2 min.

O Muro de Medeiros é un proxecto arqueolóxico de recuperación, investigación e musealización do Muro da Cidade de Medeiros, un impoñente castro ubicado en Monterrei, nas proximidades de Medeiros -unha das aldeas máis grandes de Galicia- que se atopa nunhas excelentes condicións de conservación.

O proxecto está promovido polo Concello de Monterrei, grazas ao apoio da comunidade de montes de Medeiros, e patrocinado pola adega Mara Moura, do grupo Martín Códax e que creou unha marca específica vinculada ao xacemento arqueolóxico: Mara Moura.

“Despois de varias décadas tupido e case inaccesible, a croa do Muro de Medeiros xa é accesible de novo a través dun simple paseo que permitirá apreciar a incrible envergadura das murallas do xacemento arquelóxico: unha fortificación cunha fase de ocupación clara da Idade do Ferro e con moitas incógnitas abertas”, explica un dos impulsores deste proxecto, Manuel Gago, no seu blogue.

Entre estas incógnitas destaca a existencia de máis de vintecinco lagares rupestres na ladeira do castro, nun contorno dunha enorme densidade cultural con xacementos de diferentes épocas. Nesta primeira fase 2016, o obxectivo será aínda limpar moita máis superficie que a croa, para coñecer exactamente o número de lagares rupestres e estruturas arqueolóxicas. En ulteriores campañas, a investigación achegarase a determinar a cronoloxía de ocupación do castro, a súa extensión, pero tamén a relación entre este espazo arqueolóxico e o cultivo e explotación do viño.

Lenda da Moura de Medeiros

“Aquí, en Medeiros, dáse unha confluencia moi especial entre paisaxe, arqueoloxía, agricultura e cultura”, suliña Gago. Nos anos 50 don Manuel Taboada Chivite escavou no Muro de Medeiros e grazas a el hai un importante material de primeira man para comezar a explorar o xacemento do castro. “Grazas a el coñecimos o mellor resume desa confluencia entre arqueoloxía, sociedade tradicional, agricultura e cultura que teño visto en moito tempo: a lenda da Moura de Medeiros, unha moura que en agradecemento á hospitalidade dos veciños, agasállales coa pranta do viño para sempre. Esta lenda, a dunha moura agasallando con éxito aos veciños cunha pranta é excepcional, remítenos a vellas historias de deuses ao longo de todo o mundo”, apunta.

Gago explica que “este proxecto é un soño por moitos motivos”. En primeiro lugar, por tentar desenvolver un concepto de museo ao aire libre e, polo outro, “por explorar as relacións entre marketing, empresa privada e patrimonio cultural en Galicia, onde este proxecto é moi importante e pioneiro para futuras accións con máis empresas e marcas”.

Neste proxecto participan tamén o sumiller A Luis Paadín, o arqueólogo Carlos Otero e Bruno P. Rúa, porque está elaborando un atlas do ben.

 

Pode que che interese...