fbpx
Novo petróglifo atopado no monte Pedre, en Cerdedo

Nova inscultura descuberta no monte de Pedre

Tempo de lectura: 2 min.

Do Colectivo Capitán Gosende

O 16 de outubro do pasado ano, os exploradores de Capitán Gosende achamos un gravado rupestre no pródigo monte de Pedre (Cerdedo). O petróglifo, moi gastado pola erosión, case imperceptíbel, localizábase na redonda do cotarelo denominado Outeiro da Corva, a uns 300 ao noroeste do seu cumio (555 m de altitude). O achado sumábase aos petróglifos da Laxa das Filloeiras (I e II), aos da Laxa da Romaxe (I e II) e aos das Corvas (I e II), descubertos polo colectivo entre os anos 2012 e 2015.

Naquela ocasión, como de adoito, non iamos provistos nin de GPS topográfico nin de cámara fotográfica, polo que decidimos tornar ao lugar en breve prazo para anotar os datos necesarios para a súa catalogación, pospondo a nova da súa descuberta. Porén, semanas despois, non fomos quen de achar a inscultura.

O domingo 21 de agosto de 2016 volveunos sorrir a sorte. O gravado rupestre (coordenadas: X: 546.644; Y: 4.707.968) riscouse na parte superior dunha pena que coroa un afloramento granítico preeminente formado por grandes bloques de pedra gretados e cabalados (506 m de altitude). Nas inmediacións, unha rocha evidencia antigo labor extractivo mediante o emprego de cuñas.

O sitio do petróglifo áchase a uns 260 m ao sudoeste do sitio da Laxa das Filloeiras, a uns 150 m ao sudoeste do sitio da Laxa da Romaxe e a uns 500 m ao sur do casarío de Pedre (en liña recta).

No tocante aos motivos representados, advírtese unha coviña arrodeada de tres círculos concéntricos. O círculo interior consérvase completo. Os dous círculos seguintes, incompletos. O conxunto posúe unhas dimensións de 34 cm de diámetro. Reproducimos os seus trazos nun plástico transparente para obter unha imaxe dixital o máis precisa posíbel.

Co petróglifo do Outeiro da Corva, o patrimonio arqueolóxico da parroquia de Pedre atesoura sete gravados rupestres e Capitán Gosende acada a cifra de 28 descubrimentos na súa conta.