fbpx
O lume afectou a varias estacións de petróglifos en Villestro, Santiago / A Rula

O lume consume un importante conxunto de petróglifos

Tempo de lectura: 5 min.

Colectivo A Rula
O pasado 28 e 29 de xullo un incendio forestal calcinou o Monte de San Miguel na Portela de Villestro. Varias hectáreas de monte quedaron arrasadas polo lume provocando non só a destrución do patrimonio natural senón tamén importantes danos na área arqueolóxica máis importante do termo municipal de Compostela pola gran concentración de xacementos situados nesta zona da parroquia de Vilestro. Nada menos que 13 estacións de petróglifos (os dez da Portela de Villestro, as dúas laxes dos Cortellos e a do Monte San Miguel) quedaron baixo as lapas e outra sufriu importantes danos polo paso da maquinaria na paraxe do Agro do Campo.

Todas estas estacións xa foran comunicadas polo Colectivo tanto a Xunta de Galicia como o Concello de Santiago de Compostela. Entregáramos un completo informe de toda a área da Devesa da Rula coa datos detallados de cada petróglifo e algúns deles figuran no catálogo social da web de “Patrimonio galego.net”, non obstante, pensamos que aínda seguen sen catalogar por parte das administracións competentes.

Zona afectada polo lume en Villestro, Santiago / A Rula

Zona afectada polo lume en Villestro, Santiago / A Rula

A nova do incendio apenas tivo difusión nos medios de comunicación e foron os propios veciños de Villestro os que nos comunicaron os feitos esta mesma fin de semana. O pasado luns fixemos unha primeira supervisión da superficie queimada e puidemos comprobar como o lume afectou ós petróglifos máis importantes da Devesa da Rula.

O lume propagouse pola parte central do Monte de San Miguel na Portela de Villestro e estendeuse cara o Leste ata a estrada que conduce da Ponte da Brea á Fraiz, cara o Oeste xusto ata o camiño de Fisterra que bordea o monte e pasa a rentes de varios petróglifos.

Neste punto unha devasa feita con maquinaria pesada ó carón do camiño de Santiago na paraxe de Agro do Campo evitou que o lume chegara a unha vivenda pero danou de xeito irreparable o petróglifo de Agro de Campo 1. Este perímetro de protección podería ser realizado lonxe da pedra sen ningún tipo de atranco.

Ó Norte chegou á paraxe dos Cortellos (afectando ós petróglifos dos Cortellos 1 e 2) e ó miradoiro natural situado no alto do monte, seguiu á beira do camiño que conduce cara o Monte de Fraiz e o Chao do Penedo Branco ata unha nova devasa que freou o seu avance preto da canteira vella. As máquinas destrozaron tamén o antigo valado que delimitaba o vello camiño.

Os equipos de extinción de Medio Rural frearon o avance do lume e a superficie afectada non foi moi grande mais non tiveron en conta en ningún momento o patrimonio arqueolóxico da zona. Imaxinamos que non tiñan constancia destes xacementos, unha evidencia da desconexión informativa entre os diferentes departamentos da Xunta de Galicia.

O lume danou varias estacións de petróglifos en Villestro / A Rula

O lume danou varias estacións de petróglifos en Villestro / A Rula

Danos da maquinaria

Neste senso, debemos ter en conta que tanto os labores preventivos como os de extinción realizados por este tipo de maquinarias sen control previo destas áreas arqueolóxicas poden causar máis danos no patrimonio ca os propios incendios forestais. Por sorte, a máquina puido causar maiores danos pois pasou xusto entre as dúas estacións máis importantes da Devesa da Rula sen tocalas.

Na visita realizada só era visible o ennegrecemento da superficie das laxes así como o queimado de liques e musgos superficiais pero sabemos que as graves alteracións provocadas pola “termoclastia” soen aparecer despois de certo período de tempo, polo que sería aconsellable que os técnicos puideran estudar posibles medidas paliativas e analizar a evolución ó longo do tempo das superficies insculturadas.

Cómpre agradecer a rápida actuación da Dirección Xeral de Patrimonio que onte mesmo enviou un arqueólogo especialista neste eido para avaliar os posibles danos. Varios membros do colectivo amosaron ó arqueólogo a zona afectada e recompilou datos para o seu informe. Tamén queremos sinalar a conversa que mantivemos co Director Xeral de Montes para comunicarlle os feitos e a súa boa predisposición, comprometéndose a estudar posibles vías para tentar rexenerar e protexer a área afectada.

Falla de conservación

O Colectivo leva xa máis de dous anos denunciando a falla de conservación do patrimonio arqueolóxico desta zona de monte onde a maioría das estacións estaban cubertas pola vexetación xa que sabiamos que máis tarde ou máis cedo isto ía acontecer.

As medidas preventivas que solicitamos no seu día non foron atendidas nin por parte de Patrimonio, nin moito menos por parte do Concello de Compostela. De feito, levamos agardando dende decembro unha reunión prometida co equipo de goberno municipal para falar sobre este tema.

No seu día o Colectivo deseñou unha proposta de traballo que servise para tratar de preservar os xacementos con arte supestre da área de Compostela. Foi presentada nos Concellos de Teo, Ames e Compostela con boa acollida nos dous primeiros e nula resposta en Santiago. Nos últimos meses, tanto o Concello de Ames como o Concello de Teo amosaron con feitos a súa boa predisposición ás medidas solicitadas polo Colectivo.

Petróglifos da Pedra da Loba, en Villestro, Santiago, afectados polo lume / A Rula

Petróglifos da Pedra da Loba, en Villestro, Santiago, afectados polo lume / A Rula

A posta en valor do petróglifo de Monte Castelo en Ames, a denuncia ante as autoridades competentes dos danos polos actos vandálicos nos petróglifos de Río Angueira e Outeiro de Corno por parte do equipo de Goberno en Teo, son só pequenas mostras deste cambio positivo de actitude cara o patrimonio arqueolóxico dos respectivos equipos de Goberno. As limpezas periodicas na contorna dos xacementos, as visitas guiadas organizadas en colaboración con ambos concellos (Teo e Ames) son outros exemplos da boa sintonía que mantemos cos técnicos municipais e concelleiros destas áreas, que na medida das súas posibilidades veñen apostando pola conservación e valorización social deste importante patrimonio cultural.

Máis implicación do Concello de Santiago

É unha mágoa que o Concello de Compostela, con máis medios e recursos, teña esquecido que “o patrimonio de Compostela son tamén os petróglifos descubertos na portela de Villestro” tal como sinalaba o xornal de Compostela Aberta distribuído durante a campaña electoral de Maio de 2015.

Descoñecemos se os efectos do lume serán graves pero podedes imaxinar as facianas dos compoñentes da Rula durante a visita do luns ó contemplar o panorama desolador que tiñamos diante. Lembrabamos que só hai unhas semanas estivemos cos rapaces do colexio de Roxos visitando a Devesa e días despois convidamos á veciñanza a unha ruta nocturna para presentar a última gran descuberta da zona, a Laxe dos Cortellos 2 ou Pedra da Loba, a primeira gran laxe con motivos naturalistas de Compostela.

Invitamos daquela a varios membros do equipo de goberno de Santiago pero ninguén mostrou interese en asistir á ruta. Non obstante, si estivo na visita un dos arqueólogos de Patrimonio da Xunta que por propio interese persoal nos acompañou no percorrido, feito que agradecemos.

Galiza posúe a mellor arte rupestre da Idade do Bronce da Península e a comarca de Compostela conta con excepcionais mostras pero os nosos políticos seguen a darlle as costas. Trátase dun patrimonio moi sensible e exposto a moitos factores que poñen en perigo a súa conservación, tanto naturais como derivados da mala praxe das actividades humanas.

Dende o Colectivo seguiremos a reclamar medidas preventivas coma a limpeza destas áreas arqueolóxicas para evitar que feitos como este se repitan. O ano pasado o lume afectou os petróglifos de Mouromorto, este ano os petróglifos da Devesa da Rula. Ata cando teremos que seguir denunciando estes feitos?.

Os danos non teñen volta atrás pero debemos aproveitar para tratar de deseñar medidas que freen o deterioro destes bens culturais únicos e realmente protexan esta importante área arqueolóxica de Compostela.

Máis en: https://colectivoarula.wordpress.com

Pode que che interese...