fbpx
Ponte Vella de Ourense, cuxa orixe é romana / minube.com

Buscan as orixes romanas de Ourense

Tempo de lectura: 2 min.

Os arqueólogos buscan as orixes romanas de Ourense. E as buscan nun dos símbolos da cidade, a Ponte Vella. Alí iniciaron unha escavación de catro metros de profundidade nun dos piares, coñecido como arco 1, que existen fora do río Miño para tentar dar coa fábrica romana desta construción.

De feito, o equipo arqueolóxico está revisando minuciosamente cada pedazo de terra que se saca do foxo escavado para dar con calquera tipo de resto. Pero, polo momento, o que atoparon son restos medievais pero non deron con ningún vestixio romano. E iso que se seleccionou ese arco porque os técnicos da Consellería de Cultura pensaban que se podían atopar aí restos romanos.

Estas catas arqueolóxicas enmárcanse dentro do proxecto de rehabilitación deste monumento declarado histórico-artístico en 1961,cuxa primeira fase se está executando cunha partida de 400.000 euros.

Piares da Ponte Vella de Ourense / turismo.gal

Piares da Ponte Vella de Ourense / turismo.gal

Torre medieval

Outro dos obxectivos da escavación é atopar algún vestixio da torre medieval que está documentada na zona, pero tampouco apareceu nada. “Criamos que podería aparecer algún resto da torre, pero tampouco atopamos nada”, apuntou a La Región o enxeñeiro Manuel Durán.

Precisamente, hai quen pensa que esa cata non sacará á luz nada da historia romana ou medieval de Ourense. Esta é a opinión do historiador Juan Carlos Rivas Fernández-Xesta quen asegura que, de haber restos romanos, estarán nos arcos maiores, cuxos piares están xa no río Miño, pero non nos arcos pequenos, como o escavado.

Tampouco se atoparán rastro da torre medieval. Segundo este especialista, os restos que había desa torre desapareceron no ano 1832. Este historiador, ex director do Museo Municipal, acaba de publicar o libro “A Ponte Maior. A razón de ser dunha cidade: a ponte romana-medieval de Ourense”, no que fai un percorrido sobre a historia da ponte. Nesta obra suliña que a ponte sufriu moitas variacións ao longo dos anos e que os restos romanos poderían atoparse en “dúas fiadas de pedra” que se atopan nos arcos maiores. Fonte: La Región

Pode que che interese...