fbpx
Unha das visitas que o Colectivo A Rula realizou aos petróglifos de Villestro (Compostela) / A Rula

Compostela tamén quere ter o seu pequeno Campolameiro

Tempo de lectura: 2 min.

Santiago de Compostela tamén aspira a ter o seu propio Campolameiro. Será un área arqueolóxica para degustar a arte rupestre que estará situada na parroquia de Villestro. Alí hai 51 petróglifos documentados, dos que tan só están inventariados 14.

A intención do concello é a elaboración dun proxecto museográfico e o equipamento do centro de interpretación de Villestro, que pasará a ser o centro da arqueoloxía rupestre do municipio. Así mesmo, promoverase a recreación dun hábitat da Idade do Bronce nesa área. Un proxecto que leva anos agardando en caixóns a pesar da insistencia de A Rula, un colectivo de defensa do patrimonio grazas ao que se teñen documentado e protexido a maior parte das estacións rupestres existentes na zona.

O primeiro paso xa está dado. Logo do incendio que este verán afectou a esta parroquia, e que tamén danou a algún destes elementos patrimoniais, concello e Xunta puxéronse de acordo para comezar a protección patrimonial de toda esta área. E non será sen tempo xa que A Rula leva anos insistindo na necesidade da posta en valor deste patrimonio como motor económico do concello.

Zona afectada polo lume en Villestro, Santiago, que afectou a varios petróglifos / A Rula

Zona afectada polo lume en Villestro, Santiago, que afectou a varios petróglifos / A Rula

Limpeza e protección

A primeira parte do proxecto, que rematará a final de ano, será catalogar a arte rupestre do municipio. Un traballo que a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural ten xa avanzado grazas, precisamente, ao traballo deste colectivo arqueolóxico. Os técnicos da Xunta serán os que se ocuparán das actuacións relativas aos xacementos, e o concello das labores de coidado e mantemento. Posteriormente, nunha segunda fase, a intención é crear a área musealizada en Villestro.

Actualmente, os petróglifos formalmente existentes cun nivel 1 de protección distribúense en distintos puntos do municipio, en concreto na zona do castelo de Conxo, montes de Vilastrexe, Barrosa (Roxos), Correxíns, Codeseda, Rexío (Portela) Tras Igrexa, A Pedra que Fala (San Xoán de Data), Monte Pedroso, Prisanseira (Silvouta), Monte Aberto (Roxos), Campo de Figueiras e Chans de Figueiras.

Pode que che interese...