Castelo de Mouresiños, en Allariz / Duvi

A enigmática fortaleza alto medieval de Allariz

Tempo de lectura: 2 min.

Construcións pétreas, murallas e portas testemuñan a existencia dunha antiga fortificación ou castelum en San Salvador dos Penedos nunha zona que controlaba os camiños entre os vales do Arnoia e o Limia. Sen embargo, segue sendo aínda un misterio, ata a realización de novas campañas arqueolóxicas, a función ou a orixe concreta desta fortaleza.

A campaña no Castelo de Mouresiños conclúe con boas espectativas. Este torreón podería estar datado entre os séculos VIII e XI, segungo apunta Adolfo Fernández, director da primeira intervención arqueolóxica levada a cabo neste ben arquelóxico, dentro dun proxecto universitario desenvolvido polo Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo.

Así, os traballos permitiron localizar dúas sepulturas antropomorfas e restos do que sería algunha construción antiga na plataforma inferior, pero os maiores achados concéntranse no alto da atalaia. Aquí se atoparon restos de antigas murallas ou estruturas, dúas entradas, unha delas en forma curva, e até un xogo de tres en raia marcado sobre a roca.

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo traballa no castelo de Mouresiños, en Allariz / Duvi

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo traballa no castelo de Mouresiños, en Allariz / Duvi

Patróns semellantes no Norte de Portugal

“Temos que ir ao norte de Portugal, alí se se repite este patrón de fortaleza e as sepulturas algo alonxadas. Fáltanos atopar algún abastecemento de auga”, recoñecía o arqueólogo Adolfo Fernández en declaracións a La Región. “É novidade porque non existen castelos dese período escavados en Ourense nin en Galicia”, engadía.

Tanto o vicerreitor do Campus de Ourense, Virxilio Rodríguez, como o alcalde allaricense, Francisco García, confirmaron a súa intención de continuar cos traballos en anos vindeiros.

O proxecto “Sancti Salvatoris. Investigación e posta en valor do xacemento do Castelo de Mouresiños”, financiado pola convocatoria INOU-16 do Campus de Ourense, consistiu na limpeza e roza de todo o xacemento, así como unha primeira interpretación sobre os restos atopados. Tamén se está acondicionando o camiño desde San Salvador con cartelaría que permita a visita ao xacemento por parte da poboación. Precisamente estase organizando para o mes de outubro unha ruta guiada pola zona para que veciños e visitantes poidan coñecer o resultado das escavacións. Fonte: Duvi, La Región

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: