Casa Cornide, residencia da familia Franco na Coruña / panoramio.com

Franco tamén tiña esculturas perdidas do Mestre Mateo

Franco tamén tivo no seu poder o valioso patrimonio da Catedral de Santiago. Nada máis e nada menos que esculturas da factura do gran mestre Mateo. Un Ezequiel e un Xeremías, esculturas de 1,70 metros, que procedían do muro adxacente ao arco central da fachada compostelana e que puideron ter sido retiradas do Pórtico en 1520 para instalar dúas portas. Seguiron o mesmo camiño que as do coro pétreo, 80 anos despois.

A familia Franco tenas na súa vivenda da Coruña, a Casa Cornide e se coñeceron, por primeira vez, cando as prestaron en 2008 para a exposición que conmemorou o 800 aniversario da cidade herculina. Pasaron a ser propiedade do ditador como “regalo” –moi comúns naquela época– do Concello de Santiago.

O profesor de Historia da arte da Universidade de Harvard e coordinador da investigación histórico artística do programa de restauración do Pórtico que está agora mesmo en marcha, Francisco Prado-Vilar, di que son “extraordinarias”. En declaracións a La Opinión sinala que até os anos 50 do século pasado pertencían por compra legal ao Concello de Santiago de Compostela. En 1947 o conde de Gimonde, nobre compostelán, vendeunas ao Concello por 60.000 pesetas. Pero trece anos despois foron regaladas ao entón Xefe do Estado, Francisco Franco.

Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco

Duas pezas pertencentes ao Mestre Mateo que son propiedade da familia Franco

As pezas estiveron primeiro noutro ben “regalado”, cuxa posesión agora está moi discutida, o pazo de Meirás en Sada e, finalmente, acabaron na Casa Cornide. E é que ao ditador gustáballe coleccionar certos obxectos de arte e ía arrepañando en Meirás pezas que lle interesaban, coma un cruceiro que representaba ao Santo dous Croques, unha réplica do relevo da praza das Bárbaras da Coruña, unha fonte de granito barroca e outra rococó, ou un retablo.

A restitución destas pezas á catedral semella difícil. “Non se pode reconstruír todo pero si estudar as figuras e o seu significado na escenografía do Pórtico. No século XVIII desmantelouse parte da fachada, algunhas pezas xa antes ao pór as portas e pechar o arco exterior”, subliña no xornal este profesor de Harvard.

“Xuntar todas as esculturas sería o ideal. A súa identificación é un dos grandes descubrimentos, axuda a entender todo o programa iconográfico da fachada deseñada polo Mestre Mateo, descubriuse que a catedral se transformou de templo de peregrinación a catedral real, para coroacións de reis e investiduras de cabaleiros. Pero recuperar estas pezas é complicado. O mellor é, con diplomacia, tentar que os propietarios fagan unha doazón permanente. As pezas do Franco, unha vez identificadas, teñen un valor inmenso. En lugares como Estados Unidos está á orde do día o mecenado, xente que doa pezas e ponse o seu nome a salas do museo. Así ao final reverte na cidadanía. O Prado de Madrid recibiu doazóns de particulares moi importantes nos últimos tempos”, conclúe. Fonte: La Opinión de A Coruña

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: