Xosé Manuel Núñez Seixas / Galaxia

A historia da Galicia emigrante e o “soño da Galiza ideal”

O historiador Xosé Manuel Núñez Seixas acaba de publicar ‘O soño da Galiza ideal‘, unha nova obra na que tenta afondar sobre a historia da emigración galega e a súa importancia para este país. O seu obxectivo é achegar o seu”gran de area” á construción da identidade galega da diáspora.

O libro afonda na historia sobre exiliados e emigrantes galegos a través dunha perspectiva de comparación -entre galegos e irlandeses, entre o exilio español e o de Galicia…-, pero tamén co exame de tres casos: o de Rosalía de Castro, Alfonso Daniel Rodríguez Castelao e Eduardo Blanco Amor.

Da poetisa estuda os usos e imaxes no galeguismo, un mito que responde á potencia que ten a súa figura, derivada da súa polisemia. Ao respecto de Castelao e Blanco Amor, ‘O soño da Galiza ideal’ incorpora unha análise sobre unhas personaxes que marcaron a historia deste país.

O novo título do catedrático foi presentado este xoves polo autor na sede do Consello da Cultura Galega, xunto ao presidente do organismo, Ramón Villares, e o editor de Galaxia, Víctor Freixanes. Así, Villares valorou o libro para “que se coñeza o que é coñecido” pero en moitas ocasións, segundo dixo, “é malintepretado”, e erixiu a Núñez Seixas en “estudoso esencial” da comunidade.

Un dos multitudinarios asados feitos polos emigrantes en Arxentina. Desta volta son os da Sociedade Vigo / LPL

Un dos multitudinarios asados feitos polos emigrantes en Arxentina. Desta volta son os da Sociedade Vigo / LPL

Pola súa banda, Freixanes extraeu desta obra, “de investigación e de divulgación desa investigación”, precisamente, a idea de que “a Galicia exterior existe” e “non é un invento”. Tamén participou no acto o historiador arxentino Fernando Devoto, quen reivindicou o “refinamento” de Núñez Seixas na súa análise.

“Tempos difíciles para a edición de historia”

O autor, pola súa banda, agradeceu o apoio do Consello da Cultura Galega e de Galaxia en “tempos difíciles para a edición de historia” e apelou a “abordar” a identidade da diáspora mediante as ferramentas que brinda a historia, a ciencia social e o sentido crítico.

Pola súa banda, achega o seu “gran de area” á construción desta identidade cun traballo que é unha recompilación de “vellos e novos artigos” acerca de “vellas e novas obsesións”. Previamente, tamén Freixanes incidiu en que a Galicia “alén mar” é un “capital” que ten a comunidade e que “non se sabe aproveitar”. Así, instou os gobernantes a “poñer sobre a mesa en serio” esta “materia pendente”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: