fbpx
Primeiro petróglifo atopado en Navia de Suarna / Xabier Moure

Localizan o primeiro petróglifo de Navia de Suarna, a máis de 1.200 metros

Tempo de lectura: < 1 min.

O Colectivo Patrimonio dos Ancares localizou este luns outro petróglifo a gran altura. Desta volta, foi en Navia de Suarna, na coñecida como Pena dos Cubelos, un monte que se atopa a 1.202 metros de altitude sobre o nivel do mar.

Este é o primeiro petróglifo documentado no concello de Navia de Suarna. Había outros tres no antigo camiño que comunicaba Savane con Vilarpandín, no lugar coñecido como A Canceliña, pero foron destruídas no ano 1969 por unha máquina que estaba a ampliar o camiño.

Os achados xa llos comunicamos ao Servizo do Patrimonio Cultural e ao Concello de Navia de Suarna. Con este, o número de estacións con petróglifos documentados na comarca dos Ancares elévase a 15, correspondendo 12 ao concello de Cervantes.

A inscultura está dentro dos límites da aldea do Penedo, na parroquia de Vallo, preto do límite co concello de Cervantes e consta de catro coviñas feitas pola man humana distribuídas en dúas penas, cunhas medidas que oscilan entre os 7 e 9 centímetros de diámetro.

“Ademais de que o dominio visual sobre a contorna é espectacular, constatamos unha vez máis que na comarca dos Ancares os autores elixían para gravar estes enigmáticos motivos lugares próximos a primitivos camiños e pastos. Estes últimos, denominados campas ou brañas, situábanse en sitios chans pero elevados. Ata non hai moitos anos, dende finais da primavera ata finais do verán, aldeas enteiras ían vivir para estes sitios para sementar os cereais, levando canda eles o gando onde pastaba en réxime de semi-liberdade, práctica que lembra a vida semi-nómada dos habitantes galegos do Neolítico e da Idade do Bronce”, suliña o divulgador Xabier Moure.

Pode que che interese...