fbpx
Un posible miliario fai de base dun banco na igrexa de Santa María de Moreda, en Monforte / Xabier Moure

Localizan un posible miliario romano en Monforte

Tempo de lectura: 2 min.

A igrexa da parroquia monfortina de San Salvador de Moreda pode conservar un vestixio histórico que podería botar máis luz sobre o pasado romano desta comarca. Trátase dun miliario.

Con todo, a peza non está enteira. Agora exerce como base dun vello banco de pedra adosado a un muro exterior da igrexa. O fragmento podería ser parte da vía romana secundaria que enlazaba este municipio con Belesar -no Saviñao-, cuxo trazado coincide co do Camiño de Inverno. Así o creen o divulgadoor Xabier Moure e outros investigadores que examinaron o templo en días pasados mentres buscaban petróglifos por esta mesma zona.

Segundo explica Moure, «a probabilidade de que se trate dun miliario é dun 90%». Aínda que nas súas partes visibles non figura ningunha inscrición, a propia feitura da peza -duns trinta centímetros de diámetro-proporciona importantes pistas. «Unha parte da pedra foi labrada para darlle unha forma cilíndrica, mentres que o resto é cuadrangular», sinala en La Voz.

En Galicia están catalogados numerosos elementos deste tipo. Porén, no sur lucense aínda non se localizou ningunha peza arqueolóxica desta clase. «Na comarca de Lemos só teño noticia dun posible miliario que estaba xunto a unha capela próxima ao castro de Castillón, en Pantón», indica o divulgador. «O miliario máis próximo a esta zona que se coñece -agrega- é un que se encontra xunto a unha casa na aldea de Lamaigrexa, na parroquia de Farbán, en Sarria», apunta.

O arqueólogo lucense Antonio Rodríguez Colmenero, que estudou esta peza a principios da pasada década, considera que é unha confirmación da existencia dunha vía romana que unía Lugo e o Castro Dactonio, unha antiga poboación supostamente situada en Monforte ou nalgún outro punto da comarca de Lemos. Esta ruta é mencionada no chamado Itinerario de Astorga, unha serie de táboas de barro cocido que describen as vías romanas do noroeste ibérico. Fonte: La Voz de Galicia

Pode que che interese...