Castelo de Mouresiños, en Allariz / Duvi

Na procura dos enigmas da Galicia altomedieval

Tempo de lectura: 4 min.

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo inicia as escavacións no castelo de Mouresiños, en Allariz, para tentar descubrir os segredos que oculta unha fortificación construída no século IX e que se abandonou no XI.

O Castelo de Mouresiños localízase na parroquia de San Salvador dos Penedos, a algo máis de dous quilómetros da vila de Allariz por un camiño de alto valor paisaxístico e patrimonial catalogado como Camiño de Santiago-Vía da Prata. “Parece ser un posible castelo altomedieval que estaría ocupado entre os séculos IX ao XI dC, aínda que non o sabemos polo momento, abandonándose no século XII, cando se funda a actual aldea de San Salvador dos Penedos coa súa igrexa románica”, explica o arqueólgo Adolfo Fernández.

Por iso, e para coñecer os seus segredos, iníciase o proxecto ‘Sancti Salvatoris. Investigación e posta en valor do xacemento do Castelo de Mouresiños’, financiado pola convocatoria INOU-16 do campus de Ourense. O equipo técnico que o leva a cabo está encabezado polo arqueólogo Adolfo Fernández e formado por Patricia Valle, Fermín Pérez e Susana Reboreda. Despois de elaborar un estudo documental do xacemento e unha vez realizada a primeira limpeza do espazo, os arqueólogos comezaron este luns a intervir na zona.

“O proxecto que propoñemos é totalmente novo, abordando un estudo arqueo-histórico dun xacemento altomedieval da provincia de Ourense, un período pouco coñecido, e de índole laica, xa que se trataría dun castelo e a necrópole asociada”, comenta o director da intervención no DUVI.

O xacemento divídese en dúas zonas ou sectores. A primeira é unha zona elevada de difícil acceso onde se atopa o lugar habitacional, que podería corresponderse cunha zona habitacional tipo “castellum” e un posible lugar de control de paso dun camiño que comunicaba a Limia co val do Arnoia. De confirmarse esta hipótese, comenta o responsable da inciativa, estariamos perante un xacemento “único” na provincia de Ourense. O outro sector atópase nunha plataforma máis baixa, onde se localiza unha zona de cemiterio con varias tumbas antropomorfas escavadas na rocha.

Os enigmas da Galicia altomedieval

O período altomedieval, comenta Fernández, é na actualidade “un dos momentos menos coñecidos da historia galega”. A falta de textos da época e de proxectos arqueolóxicos que aborden este tema, engade, “fai que sexa moito menos coñecido que os períodos prerromano (castrexo), romano ou mesmo o pleno medieval”. En contraste con esta situación, o arqueólogo salienta que a provincia de Ourense destaca en de Galicia como “un dos territorios que conserva o meirande número de monumentos adscritos a Alta Idade Media, sendo na súa inmensa maioría edificios de culto cristián”.

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo traballa no castelo de Mouresiños, en Allariz / Duvi

O Grupo de Estudos de Arqueoloxía, Antigüidade e Territorio da Universidade de Vigo traballa no castelo de Mouresiños, en Allariz / Duvi

A pesar de contar coa preceptiva ficha técnica do catálogo do PXOM, o xacemento, indican os responsables do proxecto, “non se atopa correctamente descrito ao consideralo un castro con ocupación romana e logo designalo como xacemento funerario de época medieval”. Esta segunda adscrición, altomedieval, indican, “parece a máis correcta á vista dos escasos datos cos que contamos: rebaixes e escaleiras labradas na rocha e outras estruturas en negativo na zona elevada e dúas sepulturas antropomorfas na plataforma inferior”. Con este proxecto desde o GEAAT pretende estudar en profundidade e mediante métodos non intrusivos o xacemento do Castelo de Mouresiños para chegar a coñecer a súa funcionalidade e o seu espectro temporal.

Actuacións

Esta semana procederase a unha actuación de limpeza e retirada de capa vexetal con metodoloxía arqueolóxica nas plataformas inferior e superior do xacemento. Esta tarefa será levada a cabo polo equipo científico do proxecto cos medio materiais do GEAAT. “O obxectivo desta actuación é o de liberar as estruturas visibles de vexetación e terra vexetal para efectuar o minucioso rexistro dixital do xacemento. Procuraremos que quede á vista boa parte das estruturas do castelo e varias das sepulturas antropomorfas”, comenta Fernández. Posteriormente realizarase o levantamento do xacemento e o rexistro pormenorizado das plataformas superior e inferior. O rexistro consistirá en levantamento 3D e fotogrametría xeoreferenciada mediante o uso dun dron.

Este exhaustivo rexistro do xacemento, indican os investigadores, “permitiranos abordar o estudo do Castelo de Mouresiños co obxectivo de interpretar a súas estruturas, funcionalidade e cronoloxía de uso”. Este estudo non só se cinguirá ao xacemento, senón tamén a toda á súa contorna inmediata onde se espallan restos arqueolóxicos de diferentes períodos coa finalidade de comprender o territorio onde se atopa o castelo. “Resulta de grande importancia científica comprobar a relación do castelo coa aldea de San Salvador e especialmente coa vila de Allariz”, comenta Adolfo Fernández. Froito desta investigación, adianta, realizarase unha publicación científica, ademais do preceptivo informe e memoria final que debe ser depositada no Servizo de Arqueoloxía da Xunta de Galicia.

Por último, ao finalizar o proxecto, existirá un camiño/sendeiro desde o Camiño de Santiago, ao seu paso pola aldea de San Salvador, que permitirá o acceso e a visita ao xacemento do Castelo de Mouresiños. Para que o lugar sexa comprensible ao visitante, a iniciativa inclúe o deseño e colocación dun panel informativo sobre o xacemento. “O proxecto tamén pretende xerar un novo valor patrimonial visitable na provincia de Ourense nunha contorna de alto valor paisaxístico e patrimonial. Non en van, atópase en plena Vía da Prata”, indica por último Adolfo Fernández.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: