Proceso de limpeza do entorno da Peneda Negra, en Teo / Colectivo A Rula

Os concellos de Teo e Ames limpan e protexen o seu patrimonio rupestre

Nos últimos meses os concellos de Ames e Teo realizaron importantes melloras na situación xeral dos principais xacementos de arte rupestre situados nos seus termos municipais. Estes traballos son o primeiro paso dun conxunto de accións que permitirán, non só garantir as visitas ós xacementos senón tamén establecer unha importante franxa de protección no caso de posibles lumes forestais e outros axentes e que garanta a súa adecuada conservación.

No caso do concello amiense, e en colaboración coa D.X. de Patrimonio, están a piques de rematar os traballos de posta en valor do petróglifo de Monte Castelo e moi adiantados os de limpeza do acceso e contorna da laxe da Peneda Negra. Por primeira vez en décadas o camiño a este importante xacemento está aberto. Trátase dunha das laxes insculturadas de maiores dimensións de toda Galicia e conta co maior número de motivos de toda a comarca de Compostela.

No caso teense a brigada de obras e xardíns leva unha semana traballando na limpeza das estacións do Monte Piquiño, o que permitirá a realización das xeiras nocturnas realizadas polo colectivo A Rula este sábado e o 24 (xa están esgotadas as prazas). Asemade, aproveitaron para proceder coa limpeza na zona dos petróglifos de Cornide e Regoufe entre a parroquia de Calo e Luou e nos petróglifos de Mallos en Santa María de Teo. Os participantes na ruta do Goza de Ulla de Teo do vindeiro sábado poderán visitar estes dous petróglifos de Mallos situados a escasos metros do Ulla.

“Dende o Colectivo queremos agradecer o esforzo de ambos Concellos e da DX de Patrimonio para garantir a protección destes importantes bens arqueolóxicos. Agardamos que Compostela siga o exemplo dos seus veciños en breve”, apuntan nun comunicado.

Pode que che interese...

Deixa unha resposta

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: