fbpx
Cartaz do V simposio da Asoaciación Monte Pindo

Os fuxidos do Monte Pindo

Tempo de lectura: 3 min.

Carnota e a comarca do Xallas lembran aos seus fuxidos. A Asociación Monte Pindo Parque Natural presenta o V Simposium Monte Pindo, que baixo o título «A Memoria dos Fuxidos» terá lugar o sábado 1 de agosto no Pósito do Pindo (Carnota).

Nesta quinta edición, por primeira vez, a cita terá carácter monográfico, ocupándose da historia dos fuxidos no Monte Pindo logo do golpe de estado de xullo de 1936. Moitas destas persoas atoparon a morte no Monte Pindo, tentaron fuxir ou ben cederon finalmente ante falsas promesas de seren amnistiados; moi poucos porén volverían a ver as súas familias.

Fuxidos no Monte Pindo, fotografados á súa chegada a Bristol tras fuxir por mar no As

Fuxidos no Monte Pindo, fotografados á súa
chegada a Bristol tras fuxir por mar no As

“Por e para eles o colectivo veciñal pretende facer do cartel e o programa do Simposium unha verdadeira homenaxe póstuma a tantas persoas que deron a súa vida pola liberdade”, apuntan os organizadores.. Para iso, o V Simposium Monte Pindo contén un extenso programa de actividades que irá debullando o contexto sociopolítico da época e os acontecementos concretos vividos nos municipios de Carnota e Muros e na Costa da Morte en xeral.

Programa

O Simposium será inaugurado ás 10 da mañá por Meche Díaz Mayán, secretaria da Confraría de Pescadores do Pindo e directiva da Asociación Monte Pindo Parque Natural. Ás 10:30 horas terá lugar a videoproxección do filme “A Mariñeira de Quilmas“, dirixido por Antón Dobao, quen a súa vez se inspirou nun relato do escritor Darío Xohán Cabana. Os dous estarán nun coloquio sobre unha obra audiovisual que narra a historia dunha veciña de Quilmas asediada polos falanxistas durante toda a súa vida, acusada de colaborar na fuxida do seu marido, ao que tentaban prender.

José Piñeiro Casais, mariñeiro do Pindo de 21 anos do que a súa familia non volve saber nada tras ser encarcerado

José Piñeiro Casais, mariñeiro do Pindo de 21 anos do que
a súa familia non volve saber nada tras ser encarcerado

A continuación intervirá o historiador Eliseo Fernández cunha palestra titulada «Evasións por mar na Guerra Civil: Os fuxidos do Pindo», que presentará unha realidade moi pouco coñecida: as múltiples fuxidas por mar que se produciron na costa galega, e moi concretamente o secuestro do As, que se produciu nesta parte da costa.

Despois de xantar será o turno de Luis Lamela, xubilado da banca e apaixonado investigador e historiador, quen disertará ás 17:00 horas nunha palestra titulada «A sublevación militar franquista e os escapados do Monte Pindo»sobre as persoas que recurriron ao macizo granítico carnotá para refuxiarse da barbarie e do odio. Os seus estudos sobre este asunto xa o levaron a publicar baixo o selo de Xerais o libro”Escapado. Do monte Pindo ao exilio pasando pola illa de San Simón”.

Finalmente intervirá Moncho Ermida, quen vén de publicar este verán o libro “Mortos por amor á Terra”, dedicado á brutal represión do galeguismo no 36, un asunto ao que dedicou case 20 anos de estudo, e que o levou a investigar a traxectoria da veciñanza que formou o Partido Galeguista de Carnota e Muros.

Pode que che interese...