fbpx
Catedral de Tui / foto xunta.gal

Un novo libro explora o patrimonio musical da catedral de Tui

Tempo de lectura: 2 min.

Un novo volume difunde o patrimonio musical do arquivo da catedral de Tui, a través dun disco con obras do mestre de capela Matías García Benayas e dun libro coas partituras correspondentes, que acaban de ver a luz co apoio da Consellería de Cultura.

Para dar a coñecer este traballo –que se presenta baixo o título, no caso do libro, de ‘Matías García Benayas. Motetes, tractos e himnos’, e, no do disco, de ‘Salvete flores. Obras de García Benayas. Libros de polifonía e canto chan– están previstos dous concertos do grupo Vox Stellae para os días 16 de setembro, ás 19:00 horas, na catedral de Tui, e para o 23 de setembro, ás 20:30 horas, na capela das Ánimas de Santiago de Compostela.

A publicación do libro e a gravación do disco enmárcase nun proxecto de recuperación do patrimonio musical da catedral de Tui, iniciado en 2013 coa obra de Matías García Benayas, a través do disco ‘Defensor alme Hispaniae’ e da publicación dos ‘Magnificats’ e a ‘Missa defensor alme’. Xunto coas dese primeiro volume, as obras publicadas no novo libro comprenden case toda a obra que se conserva deste mestre de capela que chegou á sede tudense a finais do século XVII.

Joám Trilho atribúelle a este mestre de capela a creación de practicamente todas as obras que conforman este novo volume, incluíndose unicamente dúas pezas anónimas e outra, ‘Domine, quando veneris’, de autoría dubidosa.

Recuperar e difundir o legado musical

“Esta recuperación do patrimonio cultural da catedral de Tui responde a un labor continuo que desde hai anos algunhas das voces máis especializadas coas que contamos en Galicia veñen desenvolvendo con auténtica dedicación persoal e constancia”, asegurou hoxe o secretario xeral de Cultura, Anxo Lorenzo, na rolda de prensa de presentación destes materiais promovidos polo bispado de Tui-Vigo. Ao tempo, o representante da consellería felicitou o labor do compositor e musicólogo Joám Trilho polo estudo e edición dos materiais, e ao grupo Vox Stellae pola interpretación e gravación, xunto co traballo do párroco de Barcia de Mera, Rafael Antela, por impulsar este proxecto.

Nun acto no que tamén interveu o bispo de Tui-Vigo, Luis Quintero, o secretario xeral salientou a achega á cultura musical de Galicia realizada desde as catedrais polos mestres de capela, un labor que cualificou de “fundamental para entender a historia da nosa música nos últimos séculos. E aínda que xa coñecemos moito de como era ese oficio –engadiu–, é ben certo que queda nos arquivos das nosas catedrais moita música por recuperar e, sobre todo, moita música por difundir”.

Ademais do interese dos materiais desde a perspectiva histórica, Anxo Lorenzo tamén incidiu no seu valor en tanto que “constitúen unha achega máis á oferta musical do noso presente” e, nese sentido, apostou por “aspirar a que as nosas agrupacións integren nos seus repertorios, ao pé doutras grandes figuras universais da composición, as obras dos protagonistas do universo musical galego de todos os tempos”.

Pode que che interese...