fbpx
Escultura do Pórtico da Gloria atopada nunha escavación da torre sur da Catedral de Santiago / Catedral

Achan unha escultura do Pórtico da Gloria na torre sur da Catedral de Santiago

Tempo de lectura: < 1 min.

A obra do mestre Mateo está máis viva que nunca. Logo das distintas pezas espalladas por Galicia do coro pétreo, desmantelado a comezos do século XVII, e da mostra que se inaugurou en Madrid con pezas súas, unha nova escultura da escola deste gran mestre medieval acaba de aparecer na Catedral de Santiago.

Precisamente, as obras de restauración que se están levando a cabo na torre sur da Catedral de Santiago permitiron localizar unha escultura procedente da fachada medieval do Pórtico da Gloria, que se atopaba oculta e enterrada nun pequeno habitáculo da base.

A peza é unha das oito que se conservan da fachada medieval da Catedral, aínda que ten a particularidade de ser a única que non foi intervida e, por tanto, conserva a columna á que estaba encostada.

A figura, que ten nimbo pero non ás, porta ademais unha cartela de gran tamaño e está descalzo, polo que os expertos, que a datan de en torno ao ano 1200, cren que podería ser un profeta. A peza está completa fóra da cabeza, que falta, dado que era habitual que cando as figuras se reutilizaban ou se tiraban se lles retirara a cabeza.

O achado foi anunciado este venres polo director da Fundación Catedral, Daniel Lorenzo, que destacou que a escultura, de 1,85 metros de alto e que representa probablemente un profeta, puido ser depositada neste emprazamento no século XVI, cando se desmontou a fachada medieval que cubría entón o Pórtico da Gloria. Neste lugar foi cuberta de terra e permaneceu perdida até agora.

Pode que che interese...