fbpx
Republicanos nun campo de concentración francés antes da II Guerra Mundial / Agustí Centelles

A arte dos republicanos no horror nazi

Tempo de lectura: 3 min.

Houbo un tempo no que na que a arte era horror e o horror era arte. Había tempo para as dúas cousas e para máis. Para construír un mundo de supervivencia en medio do caos e do terror e facelo grazas a arte. Así, pintando e expresando os seus sentimentos, foi como presos republicanos puideron expresar o horror do nazismo en toda a súa realidade.

E precisamente, desta relación entre nazismo, arte e republicanismo falou esta semana o ensaísta, crítico da arte e docente Carlos Bernárdez nunha conferencia na Facultade de Tradución e Interpretación de Vigo. Segundo dixo, existe unha relación directa entre o exilio republicano e os campos de exterminio nazi que se cimentou nos campos do sur de Francia, nos que se internaron en condición de detención, insalubridade e inanición aos españois fuxidos ao final da Guerra Civil. Estes acabaron convertidos, tras a invasión alemá na II Guerra Mundial, en campus de concentración nazis, de xeito que moitos prisioneiros pasaron por ambos momentos.

Para Bernárdez, a relación entre ambos lugares reflíctese na produción artística creada tanto nos campos franceses como nos de exterminio nazi e amosou os paralelismos entre as obras dos republicanos españois e as dos presos das SS. “Imaxes escatolóxicas, que amosaban as terribles condicións de vida, e imaxes de morte son recorrentes en ambos casos”, dixo tal e como recolle o Duvi.

E nesta arte do terror destaca un nome por riba doutros, o de Agustí Centelles, fotógrafo valenciano considerado como un dos pioneiros do fotoxornalismo en España, preso no campo de Bram. “As súas imaxes, crúas e moi potentes, tanto dende o punto de vista plástico como de contido, retratan a deshumanización das persoas nestes lugares”, dixo. Esta é unha constante, tanto nas fotos como nos debuxos dos presos, nas que a escatoloxía, a enfermidade ou a falta de hixiene “aparecen e non de xeito casual”. Tamén contrastou as fotos dende o interior feitas por Centelles, coas sacadas por Robert Capa e publicadas na prensa da época, como denuncia social da situación dos republicanos españois en territorio francés.

Debuxo de republicanos nun campo de concentración

Debuxo de republicanos nun campo de concentración

Pintores

No relativo á pintura, o profesor Bernárdez repasou a produción artística doutros presos, como Antonio Rodríguez Luna, retido en Argelès-Sur-Mer, que deixou testemuña das “condicións terribles que levaron a moita xente á morte”. Segundo explicou o docente, os seus debuxo son moi similares a outros realizados posteriormente por presos dos campos de concentración da Alemaña nazi, como Zoran Mušič en Dachau. Outros presos republicanos optaron por outra perspectiva menos crúa, como é o caso de Ángel López Obrero, internado tamén en Argelès-Sur-Mer, que retrataba a solidariedade e a fraternidade que se creaba entre os republicanos nos campos, un rede que tecía axuda e apoio para manter a loita antifascista.

Todas estas perspectivas, sensibilidades, mensaxes e estilos artísticos pódense atopar na seguinte década nas obras dos presos dos campos nazis, tanto en Francia como resto de Europa, como é o caso de artistas tan coñecidos como Max Ernst, Hans Bellmer ou Charlotte Salomon. A diferencia, segundo Carlos L. Bernárdez, é que no caso destes últimos artistas houbo interese por espallar, conservar e dar coñecer as súas obras tras finalizar a II Guerra Mundial a través de fundacións e museos.

Os creadores galegos nos campus franceses

Dentro deste grupo de presos republicanos en Francia destacaban tres grandes creadores galegos, que Bernárdez lembrou na súa intervención. Un deles foi Eugenio Granell, do que se conserva un caderno completo de debuxo, “que sorprende cun estilo de banda deseñada no que conta historias que non teñen que ver co campo”. Abstráese da contorna para crear debuxos surrealistas, comezando así a súa carreira como pintor dende o campo no que estivo preso.

O segundo dos galegos é o escultor Francisco Vázquez, coñecido como Compostela, e as súas pezas retratan o labor que desempeñaba no campo, como axudante médico. Retrata, cunha perspectiva case clínica, partes do corpo, feridas, mutilados. Para Bernárdez, “dentro da frialdade, acaban tendo unha carga emotiva polo contexto no que se sitúan”. Finalmente, o crítico de arte lembrou ao que considera “o máis interesante de todos os republicanos que fixeron arte dentro dos campos”, Uxío Souto. Con moita cultura artística detrás, as súas obras están moi elaboradas, moi ben referenciadas na historia da arte, e nelas pódense atopar referencias clásicas ou do romanticismo alemán. “Teñen unha elaboración visual extrema, sobre todo tendo en conta que foron pintadas nun campo de internamento”.

Pode que che interese...