fbpx
Exhumación dos corpos da Agrupación Manolo Bello da IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia asasinados no Val do Dubra / ARMH

A batalla do Val do Dubra remata 66 anos despois

Tempo de lectura: 2 min.

Foi unha batalla curta e que tivo dous frontes, Negreira e Val do Dubra. Rematou con catro guerrilleiros mortos e multitude de efectivos da Garda Civil que foron mobilizados para darlle caza. Os abatidos pertencían ao destacamento Manolo Bello, pertencente á IV Agrupación do Exército Guerrilleiro de Galicia.

Eran catro homes e unha muller; José María Castelo Mosquera Doctor, xefe do Destacamento; Vicente Pena Tarrasa, comisario político do mesmo Destacamento; Manuel Pena Camino; Manuel Ramiro Souto e Carmen Temprano Salorio. Só un deles conseguiría saír con vida; Manuel Ramiro.

Os seus catro compañeiros morrerían nun enfrontamento coa Garda Civil que tivo dúas frontes. A primeira, en Negreira. Ás 08.00 horas do 5 de marzo de 1949 foron rodeados na casa na que escondían, da familia Teiga, situada en Zas, Negreira. Comezou un primeiro tiroteo no que resultaría ferida moi grave Carmen Temprano. Debido ao seu estado, Castelo decidiu rematala. O seu corpo foi enterrado no cemiterio de Aro ese mesmo día pola tarde, como se reflectiu no proceso militar.

O resto dos compoñentes do Destacamento conseguiu fuxir. Pero ás catro da tarde dese mesmo día, os axentes da Garda Civil deron cos fuxidos nos montes de Paramos (Val do Dubra), a uns 20 quilómetros de onde partiran. Alí produciuse un segundo tiroteo no que foron asasinados Castelo, Pena Camino e Manuela Teiga. Ramiro logrou fuxir e ser recollido por uns compañeiros.

A ARMH exhumou os corpos

A súa historia puido ser reconstruída grazas a testemuños e a exhumación dos seus corpos, soterrados no atrio da Igrexa de Santo María do Páramo, en Val do Dubra. Unha exhumación que levou a cabo a Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica (ARMH).

Segundo a súa información, os corpos evidenciaban signos de violencia e foron expostos ao público no Depósito Municipal de Paramos. O achado dos restos foi denunciado no cuartel da Garda Civil máis próximo e levados máis tarde ao campus de Ponferrada, na Universidade de León, para identificalos.

Remata así outra páxina escura do Franquismo en Galicia. Outra batalla que, como a de Repil, durmía oculta entre o esquecemento e a desmemoria.

Pode que che interese...