fbpx
Muro tradicional na Costa da Morte/ Elixio Vieites

As construcións tradicionais en pedra xa son Patrimonio Inmaterial de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Muros de cantería, albarizas, peches de finca e ata casas… Todo aquilo que en Galicia está construído en pedra seguindo o xeito da cantería tradicional está, a partir de agora, máis protexido. A Consellería de Cultura acaba de incluír no Censo do patrimonio cultural a técnica tradicional da construción coa pedra en seco como manifestación do patrimonio cultural inmaterial.

En Galicia poden recoñecerse diferentes técnicas e procesos relacionados tanto coa diferente natureza da materia prima como cos usos e tipoloxías desenvolvidos con ela. Son abondosos os exemplos de muros, peches e construcións adxectivas para diferentes usos agrarios e gandeiros, e evidencian a estrutura da propiedade e explotación do territorio. Especialmente significativa resulta a técnica e os seus exemplos no territorio na comarca de Pontevedra e Terra de Montes; nas de Bergantiños, Soneira, Xallas e Fisterra; e nas da Terra Chá e Ribeira Sacra; aínda que son numerosos e significativos os exemplos en todo o territorio galego, e mesmo fóra del é común a presenza de canteiros galegos en Euskadi, Navarra ou Cataluña.

Por iso, Cultura destaca que a técnica tradicional da construción coa pedra en seco conforma un dos exemplos de técnicas, coñecementos e usos “máis relevantes” das formas de vida tradicional e a relación das comunidades co medio para a creación da súa paisaxe. “O coñecemento do material, o desenvolvemento dos procesos axeitados para a súa selección e transporte e a habilidade para a construción de estruturas estables e permanentes posúen unhas características propias e recoñecibles, ademais de posuír unha beleza estética propia do tectónico e o creativo”, destaca Cultura na súa declaracións.

Linguaxe propia

Ademais, lembra que existen outras manifestacións inmateriais de interese relacionadas coa actividade da construción de pedra en seco, entre elas a máis singular a que representa unha linguaxe propia de carácter gremial, abundante e complexo en termos e fontes. Tamén algúns temas para cantar tamén referidos ás formas de vida e ás relacións sociais dos canteiros, á súa habilidade, ou á súa vida itinerante

Para identificar inicialmente o alcance da técnica e o seu estado actual, a Dirección Xeral do Patrimonio Cultural mantivo contactos con canteiros profesionais que manteñen na actualidade o coñecemento da técnica tradicional, coa Escola de Canteiros de Pontevedra e con profesionais e responsables da protección do patrimonio cultural de varias comunidades autónomas, no contexto dunha recollida global de información para a preparación dunha candidatura internacional para incluír a técnica na lista de manifestacións relevantes do patrimonio cultural inmaterial da Unesco.

“Esta técnica tradicional da construción coa pedra en seco, por todo o indicado, é un exemplo significativo das formas de vida tradicionais”, destaca. Por iso, Cultura cre necesario esta declaración para promover o estudo e a documentación da técnica e dos seus procesos, así como para colaborar na súa difusión para o público coñecemento e respecto polo traballo dos canteiros tradicionais e dos numerosos exemplos que dos seus resultados se conservan,

Pode que che interese...