fbpx
Traballos na Cova de Eirós / foto Asociación Cultural do Iribio

A Cova de Eirós, a Altamira galega que precisa protección

Tempo de lectura: 2 min.

A Cova de Eirós non é unha cova calquera. É unha gruta natural que explica quen fomos e como evolucionamos. É como unha Altamira, pero á galega. Pero a súa ubicación, preto dunha explotación mineira fai perigar a súa singularidade.

A cova, sita no concello de Triacastela (Lugo), aos pés da serra do Oribio, oculta importantisimos restos do Paleolítico Medio e Superior, restos dos neandertais que viviron en Galicia e pinturas e gravados rupestres que se poderían remontar a 30.000 anos de antigüidade. Unhas pinturas que son a primeira mostra de arte rupestre atopada en Galicia.

E, a pesar dese rico patrimonio e desa medida de protección, o certo é que segue en perigo polas actividades dunha industria mineira. Por iso, o Consello da Cultura Galega (CCG) urxiu declarar como Ben de Interese Cultural (BIC) estas covas xunto coas da Graxeira e Cabaxa, para que se garanta a súa axeitada protección.

Esta é a conclusión dun informe realizado a petición da Asociación autonómica Cova Crea e da Asociación autonómica e ambiental Petón do Lobo e no que recorda que estes depósitos “reúnen unha serie de valores corresponsables que o fan único dentro da prehistoria galega”. Precisamente, estas dúas asociacións xa presentaron unha denuncia en xullo pola non declaración como BIC deste ben.

Cova de Eirós / covadeirosdocumental.wordpress.com

Cova de Eirós / covadeirosdocumental.wordpress.com

Gravados e pinturas únicas

“É o único depósito de Galicia que alberga no seu interior gravados e pinturas de arte rupestre paleolítica cunha antigüidade en torno aos 10.000 anos”, indica o Consello da Cultura, que recorda que nas escavacións realizadas foron recuperados “varios obxectos de arte moble como azagayas decoradas e colgantes”.

Así mesmo, a entidade sinala que mentres non se procede á declaración formal destas covas como BIC é necesario garantir unha protección preventiva destes. “Con este fin, o CCG entende que, á vista de os previsto na Lei do Patrimonio Cultural de Galicia, o ámbito de protección das covas debe ser de 200 metros”, apunta.

Ademais, tamén sinala que, tendo en conta a “singular relación das covas co seu ámbito, é necesario poñer en marcha as actuacións para a elaboración dun plan de protección e delimitación do BIC que comprenda tamén as interaccións existentes coas unidades paisaxísticas e o trazado do Camiño de Santiago”.

Pode que che interese...