Praia das Catedrais / anaturhotel.com

Interveñen para salvar os restos romanos da Praia das Catedrais

A Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta decidiu, finalmente, intervir arqueolóxicamente na Praia das Catedrais, logo de que os temporais de 2014 deixaran ao descuberto numerosos restos cerámicos e a o que podería ser un forno de orixe romana.

Restos de cerámica romana no Forno de Esteiro, na Praia das Catedrais / Mariña Patrimonio

Restos de cerámica romana no Forno de Esteiro, na Praia das Catedrais / Mariña Patrimonio

Esta intervención arqueolóxica achegou novos datos do xacemento, permitindo documentar as estruturas do forno e conseguindo rescatar centos de fragmentos cerámicos cuxa existencia, nun principio, negaba o Servizo de Patrimonio de Lugo.

Tras esta escavación, o coñecido xa como forno de Esteiro quedou novamente tapado polo que non foi imprescindible construír o dique de protección que, nun principio, a Xunta esixía aos colectivos que tentaron impulsar unha escavación de urxencia ante a deixadez do Goberno galego.

Mariña Patrimonio lembra nun comunicado que “tiveron claro desde o comezo” que cumpría unha urxente intervención encamiñada a recoller os centos de fragmentos cerámicos dos dolium así como a documentar as estruturas do xacemento.

Por iso, e despois de terlle comunicado ao Servizo de Patrimonio de Lugo a situación na que se atopaba o forno de Esteiro, e tras solicitarlle a recollida dos numerosos restos de cerámica, na súa resposta por escrito, este departamento informaba textualmente: “Os técnicos deste Servizo fixeron unha inspección do xacemento o día 11.03.2014 e non atoparon indicios de materiais arqueolóxicos mobles”.

Forno de Esteiro, na praia das Catedrais, onde apareceron restos romanos / Mariña Patrimonio

Forno de Esteiro, na praia das Catedrais, onde apareceron restos romanos / Mariña Patrimonio

Tras esta negativa, oito colectivos culturais (Mariñapatrimonio, ADEGA, Cultura do País, Os Espigueiros, Agrupación cultural Francisco Lanza, Ollomao, A Galleira e a Irmandade de Santo Estevo) xuntaron esforzos para promover voluntariamente a necesaria intervención arqueolóxica. Dese xeito, contactaron cun grupo de arqueólogos que elaboraron un proxecto de escavación, pero desde Patrimonio puxeron como condición sine qua non a construción dun dique que protexese o xacemento das crecidas do mar. O elevado custe que supoñía a construción dese dique obrigounos a renunciar á mencionada escavación que, finalmente, realizou a propia Xunta.

“Curiosamente, esta infraestrutura non foi necesaria para a escavación executada recentemente pola Xunta”, sinala agora Mariña Patrimonio que, en todo caso, dálle os parabéns á Dirección Xeral de Patrimonio “por ter reconducido esta absurda situación”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: