La Bella Otero nun dos seus espectáculos

La Bella Otero xa ten museo “oficial” en Valga

O Museo da Historia de Valga ten xa a consideración de “colección visitable”, logo de que o Consello da Xunta, autorizase a dita cualificación. Un feito que permitirá a este concello pontevedrés explotar a imaxe dunha das súas veciñas máis internacional,  “La Bella Otero”, cuxa vida xa relatou HdG.

O dito acordo establece que, consonte a Lei 5/2016, do patrimonio cultural de Galicia, este museo reúne as condicións e requisitos necesarios para acadar a consideración de “colección visitable”, cun contido de ámbito local. Esta consideración permite garantir a custodia e conservación dos fondos que alberga, así como regular a visita pública e o acceso a este patrimonio material.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria elevou a proposta ao Consello da Xunta logo da solicitude realizada polo Concello Valga, que é a entidade titular e responsable deste espazo. O departamento de Cultura da Xunta elaborou a dita proposta logo de obter informe favorable da Dirección Xeral do Patrimonio e presentar un informe externo da dirección do Museo de Pontevedra.

O Museo da Historia de Valga é un proxecto que pretende divulgar o patrimonio natural e a historia do Concello de Valga, así como a figura da súa veciña máis ilustre, Agustina Carolina Otero Iglesias, máis coñecida como “La Bella Otero”. Tamén conta cun valor etnográfico plasmado na recuperación da casa natal da famosa artista a través da recreación dunha casa labrega tradicional de finais do século XIX.

O edificio, de recente construción, conta cunha planta baixa e dous andares. Na planta baixa está situado o espazo de recepción do visitante, cun mostrador de atención ao público e un pequeno auditorio para a celebración de actos culturais ademais da exposición introdutoria centrada no territorio e o medio natural do concello de Valga.

Detrás do edificio principal atópase a casa natal de “La Bella Otero”, unha construción de reducidas dimensións que conserva a estrutura tradicional da casa labrega con mobiliario doméstico, e na cal se expón unha colección de etnografía cunha selección de pezas representativas.

No primeiro andar preséntase a montaxe museográfica da colección de arqueoloxía e no segundo andar elementos arredor da vida da artista. No entrechán que comunica estes dous andares hai unha vitrina coas obras máis representativas do historiador local Xesús Ferro Couselo, xunto cun pequeno panel explicativo sobre a súa vida e obra.

 

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: