Rafael de Vega, fusilado polos franquistas en Lugo

Lugo lembra a Rafael de Vega, o médico dos probres, axustizado polo franquismo

Lugo lembrou este venres os 80 anos do axustizamento de Rafael de Vega. Fíxoo cunha ofrenda floral na rúa que leva o seu nome, en fronte ao monolito que lle rende homenaxe, xusto ás 18:00 horas, a mesma hora na que foi fusilado. Ao actos, organizados polo Concello, asistiron a Alcaldesa, Lara Méndez, así como diversos membros da Corporación Municipal, o Vicepresidente da Deputación, Álvaro Santos, familiares do homenaxeado e representantes da Asociación para a Recuperación da Memoria Histórica.

Rafael de Vega foi médico, político e membro da masonería. Traballou como cirurxián en Lugo, onde a miúdo operaba a xente humilde sen cobrar, e chegou a ser o director do Hospital Municipal de Lugo.

Nas eleccións a Cortes Constituíntes de 1931 foi elixido deputado pola provincia de Lugo polo Partido Republicano Radical. Cando estalou a sublevación militar que deu paso á Guerra Civil Española o 19 de xullo de 1936 organizou a resistencia na cidade de Lugo con José María Díaz Díaz-Villamil e Jacinto Calvo López. Foi detido polos militares sublevados, sufriu un simulacro de xuízo e foi fusilado na tapia do cemiterio de Lugo tal e como recolle María Jesús Souto Blanco no seu libro “La represión franquista en la provincia de Lugo (1938-1940)”.

Tras a lectura da sentenza de condena de De Vega, a rexedora incidiu no 21 de outubro, como “un dos días nos que se escribiu unha das páxinas máis negras da cidade de Lugo”, o fusilamente de Ramón García Núñez, Gobernador de Lugo, Anxo Pérez López, concelleiro da cidade, Perfecto Abelarias, secretario do Alcalde, José Ramón López, mestre, e Rafael de Vega, director do Hospital de Santa María.

Homenaxe do Concello de Lugo a Rafael de Vega

Homenaxe do Concello de Lugo a Rafael de Vega

Homenaxe ás vítimas do franquismo

“Quixemos render homenaxe ás súas mortes nesta rúa e diante do busto dun deles, porque render homenaxe ás vítimas do franquismo, é render homenaxe á democracia”, subliñou a Alcaldesa, ao tempo que facía fincapé neste acto como un xesto “para revivir e que non caia no esquecemento o noso pasado”.

Do mesmo xeito, Lara Méndez fixo un chamamento á responsabilidade de todas as institucións democráticas actuais, “para que sigamos con máis esforzo, recuperando a memoria histórica das vítimas da ditadura franquista. Só existe o que se visibiliza e somos os responsables, de que non caian no esquecemento”, asegurou a rexedora.

“Ter memoria da historia é o feito diferenciador para construír un futuro e non hai ningún país occidental que sufrise réximes fascistas, que non construíse a súa democracia, sobre a visión sosegada, pero radicalmente crítica, coa ditadura que lle precedeu”; concluíu Méndez antes de darlle a palabra ao neto de Rafael de Vega, quen agradeceu ao Concello a organización desta homenaxe e ensalzou o papel que xogou o seu avó defendendo a democracia.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: