Vistas do parque e do castelo de Soutomaior / Silvia Cernadas

O Castelo de Soutomaior pon en marcha un novo plan de turismo patrimonial

Tempo de lectura: 4 min.

Silvia Cernadas Martínez,  Dpto Historia da Arte, USC

A pasada fin de semana remataron as visitas teatralizadas que puxo en marcha a Deputación de Pontevedra no Castelo de Soutomaior e que tiveron unha excelente acollida por parte do público asistente, arredor de 1.500 persoas. Esta foi só a primeira dunha serie de actividades e actuacións que están contempladas dentro do Plan de Usos e Viabilidade do Castelo de Soutomaior, presentado hai pouco máis dun mes. A seguinte medida que levará a cabo o goberno provincial é a creación de tres itinerarios para percorrer o parque botánico deste histórico edificio.

As visitas teatralizadas, que decorreron do 23 de setembro até o 23 de outubro, foron desenvolvidas pola compañía Limiar Teatro, dirixida por Fran Núñez. Cinco actores encargábanse de levar aos asistentes de viaxe pola historia do Castelo de Soutomaior, xogando con el como pano de fondo nun verdadeiro exercicio de dramaturxia itinerante. O peculiar ton desenfadado e retranqueiro da representación fixo as delicias de nenos e maiores, que puideron coñecer a María Vinyals –escritora e feminista, propietaria do castelo a comezos do século XX-, Pedro Madruga –señor feudal do século XV, que converteu Soutomaior nun dos epicentros da historia medieval de Galicia-, Paio Gómez Chariño –trobador do século XIII pertencente á liñaxe dos Soutomaior- ou Emilia Pardo Bazán –amiga persoal de María Vinyals e visitante desta fortaleza en varias ocasións-.

O maior problema que presentou esta actividade foron as présas coas que finalmente se levou a cabo, o que ocasionou certos erros de enfoque. Por exemplo, o guión non foi revisado por ningún historiador ou especialista nos temas que son tratados. E isto queda patente nalgúns erros e ausencias notables dentro do discurso histórico, tales como omitir a figura do Marqués da Vega de Armijo, artífice de toda a reforma que se fai no castelo a finais do século XIX. A Deputación de Pontevedra quixo botar a andar a iniciativa canto antes como un proxecto piloto para comprobar a demanda por parte do público. Tendo en conta que as prazas ofertadas esgotáronse en pouco tempo e que máis de duascentas persoas ficaron na lista de espera, dende a institución teñen previsto repetir estas visitas para abril do ano que vén. Este feito volve poñer de manifesto que en Galicia hai un enorme interese polo patrimonio e o turismo de tipo cultural.

Visitas teatralizadas no Castelo de Soutomaior / Juanma Lodo

Visitas teatralizadas no Castelo de Soutomaior / Juanma Lodo

O Plan de Usos e Viabilidade do Castelo de Soutomaior, dentro do cal se enmarcan estas visitas, foi presentado en rolda de prensa o 15 de setembro por parte da presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o deputado delegado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez. O obxectivo deste plan, elaborado pola empresa Dosvalor, é converter este conxunto monumental nun produto de turismo cultural e de lecer familiar e conseguir, así, a súa rendibilidade económica a medio prazo. Presenta cinco áreas de intervención neste sentido: o castelo, o parque, o enoturismo, a camelia turismo e a hostalaría, coidando tanto a atención aos visitantes como a oferta de recursos e servizos.

Visita guiadas, nocturnas ou ceas medievais

En relación ao castelo, ademais das visitas teatralizadas, contémplanse visitas guiadas, nocturnas, ceas medievais, concertos, obras de teatro, contacontos, películas temáticas, etc. Por outro lado, fala de crear unha área de recepción de visitantes con tenda e aseos e impulsar o uso da fortaleza para diferentes eventos. No parque están en curso varias melloras relativas ao xardín e á zona forestal. De feito, a finais deste ano, en canto acaben as labores de sinalización e acondicionamento, vanse presentar os tres sendeiros culturais deseñados para potenciar o coñecemento e aproveitamento do parque, que conta con 25 ha de terreo. Tamén se propón desenvolver distintas actividades, tales como festas e feiras temáticas, obras de teatro e música, etc.; así como crear áreas de pícnic, obradoiros, espazos de xogos infantís ou micropaisaxes ligadas ás colleitas.

A Galería das Damas (s. XIX) do Castelo de Soutomaior / Silvia Cernadas Martínez�

A Galería das Damas (s. XIX) do Castelo de Soutomaior / Silvia Cernadas Martínez

No eido do enoturismo recoméndase crear unha adega, facer catas-degustación, exposicións, eventos e visitas aos viñedos do castelo, que están formados por catro hectáreas de uva albariña da D. O. Rías Baixas. Quizais sexa máis sorprendente o apartado de camelia turismo pero, a este respecto, hai que ter en conta que o parque botánico de Soutomaior recibiu, no ano 2012, a mención de Xardín de Excelencia Internacional outorgada pola Sociedade Internacional da Camelia, sendo o primeiro xardín en España en recibir este recoñecemento. Así pois, o Plan de Usos fala de crear un complexo dedicado á camelia cunha casa de té onde se celebren, entre outros eventos, obradoiros florais ou de cosmética e xornadas científicas. Por último, respecto á área hostaleira, os aspectos polos que avoga son a ampliación e diversificación da oferta tanto en aloxamento como en restauración.

O Castelo de Soutomaior é propiedade da Deputación de Pontevedra dende 1982 e, aínda que houbo un intento anterior de establecer un plan director, esta é a primeira vez que un proxecto así se pon en marcha. A Deputación ten previsto investir entre 3 e 4 millóns de euros ao longo desta lexislatura neste proxecto, así que haberá que agardar a ver como se concreta. O compromiso da institución co seu patrimonio fortificado, que é xestionado a través de Turismo Rías Baixas, cristalizou así mesmo nun Plan de Usos e Viabilidade para o Castelo de Sobroso (Mondariz), cuxa xestión lle foi transferida ao goberno provincial no ano 2014. Ademais, convén sinalar que, no caso de Soutomaior, este castelo é a sede da Escola de Igualdade María Vinyals, creada pola área de Igualdade da Deputación este mesmo ano e co nome dunha das máis insignes moradoras da fortaleza. https://cartaseameas.wordpress.com/

Fontes:

Web da Deputación de Pontevedra

Turismo Rías Baixa

Limiar Teatro

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: