fbpx
Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, fotografando os esqueletes atopados na Lanzada

Os corpos da Lanzada, os primeiros cristiáns de Galicia?

Tempo de lectura: 5 min.

As escavacións da Lanzada poden supoñer toda unha revolución no estudo da arqueoloxía en Galicia, sobre todo, se se confirman distintas hipóteses sobre os esqueletos de sete nenos, dous mozos e unha muller adulta aparecidos ate agora. A súa orientación e o feito de que foran enterrados en caixas e sen axuar funerario podería indicar que se tratarían dos primeiros cristiáns dos que se ten coñecemento en Galicia e, mesmo, do Estado.

Esta é unha das hipóteses que ten o arqueólogo da Deputación de Pontevedra, Rafael Rodríguez, coordinador desta campaña, que tamén salienta a importancia deste sitio arqueolóxico que puido ser un gran emporio comercial.

Que pasa na Lanzada para que estean aparecendo tantos restos de nenos e adolescentes? Aínda non o sabemos porque o que plantexamos foi unha reescavación do que xa se escavara entre o 73 e o 79 e que era un sector romano, en contraposición co que fixemos no 2010. E a nosa sorpresa é que nos atopamos cun sector romano con parte dunha necrópole. O que pasa é que esa necrópole aparece a 75 metros de onde estaba documentada nos anos 70.

E iso non o tiñades previsto? Que va, para nada. Non tiñamos previsto que aparecera tanto morto nesta zona.

Pero chama a atención que sexa na zona de vertedoiro do sitio arqueolóxico. E iso? Os esqueletos dos adultos aparecen nun nivel de duna e os que documentamos pois están relacionados con zonas de abandona de zonas habitacionais que son invadidas por dunas. Cando sucede isto, os habitantes de entón aproveitaban para enterrar nas dunas que é máis cómodo que enterralos en terra. O curiosos do atopado é que todo está debaixo dun vertedeiro xigantesco con pezas que van desde o século I ata IV despois de Cristo. Por iso hai algo hai que nos falta e é un punto que non temos claro. De onde saen tantos mortos? E de onde sae tal cantidade de lixo para amortizar un sitio como o que estamos escavando?.

Hai quen fala xa de posibles rituais relacionados coa relixión que inclúen sacrificios…Si… De feito, cando apareceu a muller pois está por baixo dun vertedoiro de entre o século I e o século III. O que non chama a atención é o xeito de enterramento porque nas escavacións dos 70 apareceron xa mortos. O que realmente chama a atención é a orientación destes novos restos. Teñen o cráneo ao Este e pes ao Oeste e están enterrados en caixas porque atopamos un pedaciño moi pequeno dunha caixa. Tamén chama a atención que non haxa axuar en ningún dos corpos. E é un enterramento que, a priori, semella moi cristián, pero estariamos falando dun cristianismo moi, moi temperán. Por iso estamos vendo a ver que pasa.

Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, e coordinador da campaña da Lanzada, explicando o que se ten atopado neste sitio arqueolóxico

Rafael Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra, e coordinador da campaña da Lanzada, explicando o que se ten atopado neste sitio arqueolóxico

Tedes xa unha cronoloxía aproximada deses restos?. Supoño que xa os mandachedes analizar, non? Si mandamos analizar os restos ao laboratorio Beta, en Miami, e espero que nun mes teremos datacións. O que pasa que tamén os resultados van depender da dieta. Se resulta que comían moito peixe e marisco, como pode ser o caso, pois vai dar unha oscilación de 200 e 300 anos, e non vai ser moi fiable. Pero o bo é que tamén mandamos restos dos nenos e, nese caso, agardamos ter datos máis fiables porque a súa alimentación non sería, principalmente, de peixe e marisco.

E o pedazo de madeira da caixa non podía ser tamén analizado con Carbono 14? E tan diminuto que non temos posibilidade de mandar a investigalo.

E ademais dos restos de corpos, que máis estades atopando nas escavacións? Unha gran cantidade de material que xa agardabamos que fora a saír. No 2010 atopamos máis de 11.000 pezas. Pero é que nesta campaña as previsións desbordáronse. Agora andamos nas 14.000 pezas.

E que pezas son? Pois moedas, vídreo, anzois, cerámicas castrexas, púnicas, romana todo tipo –común, terra sigilata, ánfora–. O máis chamativo é a cantidade de terra sigilata que sae, máis de 500 pezas.

E iso? Pois indica a presenza de máis comercio e unha capacidade económica elevadísima. O estrano é que todo isto aparece no basureiro. E iso é o colmo que apareza nun basureiro.

É moi raro? Por iso che dicía que hai un punto intermedio que non logramos entender. E non é por que non o vexamos.

Pero terás algunha hipótese? Pois que todo iso pode corresponder a un momento de reorientación que se produce no século IV. Algo que podemos deducir polas moedas que apareceron. Que removeran todo o que hai para poder construír enriba. Porque logo por riba do basureiro había un secadeiro de peixe que tamén tatapa todo isto porque apareceu moito esquisto negro. E iso está vinculado a estruturas tardías do século II a V. E por debaixo diso están mortos e outras estruturas que aínda non se saben de que son.

Ousexa que por debaixo dos mortos aínda hai máis restos. Suponse que serían anteriores, claro? Si, si.. O que pasa é que non sei se nos chegará o tempo para investigalo.

Rafa Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra e coordinador das escavacións da Lanzada

Rafa Rodríguez, arqueólogo da Deputación de Pontevedra e coordinador das escavacións da Lanzada

Todo o que me dis indica que A Lanzada foi un lugar importante en época romana? Xa tiñamos constancia diso polos materiais que hai xa no Museo de Pontevedra que son de entre os séculos I a VI, o que indica unha estancia prolongada. Todos os modelos de terra sigilata atopámolos neste lugar. E iso indica que sería un lugar moi importante. Logo nas escavacións dos 50 e 70 tamén daba pe a iso porque se documentaban máis de 80 cadáveres.

De que época? Pois parece que ser que de entre os séculos III e VI… Pero nas escavacións actuais xa estamos falando dun horizonte temporal que vai do I ao VI, ousexa, unha ocupación moi tardía. ¡

Pero o interesante é que houbo continuidade poboacional ata a Idade Media. E iso, por que? O lugar é importante desde a época prerromana ata Idade Media. Alfredo González-Ruibal xa apuntou que A Lanzada está a catro día de navegación de Cádiz e a catro de Cardiff. Polo tanto, sería un punto moi bo conectado entre o Atlántico e o Mediterráneo e tamén de entrada cara ao interior de Galicia.

Que podería ser entón? Pois podería ser un porto de comercio ou un emporio.

Cales son os obxectivos a curto prazo para este sitio arqueolóxico porque pode supoñer un antes e un despois na arqueoloxía? A curto prazo pois tratar de acabar a área de escavación que nos propuxemos e que son 1.800 m2, aínda que penso que non imos chegar. E, dentro diso, tentar aclarar todas esas estruturas e achados realizados. Saber que relación hai entre os mortos e o vertedoiro e por que está ese vertedoiro enriba dunha necrópole. Tamén saber que son esas estruturas que aparecen debaixo de todo iso. E que tipo de asentamento é porque con tanta cerámica de luxo pois pode tratarse dun centro de redistribución comercial e tamén de consumo… Ver se é unha vila romana, un vicus, un castro aberto que logo evoluciona en época romana a algo máis consolidado… No 2010 definimos os espazos concretos para os séculos I e II e nesta imos coñecer máis dos séculos II ao V e polo tanto falamos de 600 anos que quedarán bastante claros.

Pero mesmo se pode chegar ata máis alá, ata Idade Media… Si, si, claro. Porque en restos podemos chegar ata o VI e logo hai 200 ou 300 anos de escuridade, aínda que temos fontes que falan xa dun pequeno mosteiro. E logo están as incursión normandas. Non imos chegar nesta campaña pero, como se dicía nunha coñecida serie “a verdade está aí fora”.

Pois haberá que averigualo nas seguintes campañas… Iso espero.

Escrito por

Xornalista, profesor da USC e coordinador do HdG.

Pode que che interese...