Unha das visitas que o Colectivo A Rula realizou aos petróglifos de Villestro (Compostela) / A Rula

Piden a declaración como Patrimonio da Humanidade dos petróglifos galegos

Tempo de lectura: 3 min.

4.000 anos de historia gravada nas pedras. Os petróglifos son elementos indispensables do patrimonio cultural e arqueolóxico de Galicia sen os que non se podería entender parte do noso pasado. Sen embargo, o seu estado deixa moito que desexar, afectados por lumes, tarefas agrícolas ou, sinxelamente, polo abandono.

Por iso, o historiador Buenaventura Aparicio Casado, o arqueólogo Antonio de la Peña Santos e o antropólogo Rafael Quintía Pereira, acaban de presentar un informe no que piden a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, precisamente, para que sexan protexidos.

“Non é a primeira ve que se denuncia a situación da arte rupestre, pero é a primeira vez que se fai de xeito conxunto entre historiadores, arqueoólogos e antropólogos”, apuntou a HdG Rafael Quintía que di que iniciativa xurdiu ante a necesidade de denunciar o estado deste patrimonio ante a “deixadez” da Xunta.

Quintía salienta o “valor cultural incalculable” destas manifestacións artísicas que, suliña, van “máis alá do cultural” xa que, en torno a elas se ten creado “un discurso inmaterial que serve para entender o que somos como pobo”. Ademais, salienta que os petróglifos son singos identitarios cos que se identifica a xente, pero tamén, os partidos políticos ou empresas.

Os tres especialistas entenden que as administracións teñen que “tomar cartas no asunto” para evitar o seu deterioro e, por iso, pídenlles e que comecen o proceso de solicitude de declaración de Patrimonio da humanidade que, insisten, “garantirá a súa protección”.

O informe foi enviado o pasado 19 de setembro –en plena campaña electoral– a todos os partidos políticos maioritarios –PSOE, PP, BNG, Mareas, CXG, Ciudadanos– e esta semana foi remitido tamén á Valedora do Pobo. Agora, os seus tres asinantes iniciarán unha serie de accións nas redes e contactarán con asociacións e entidades de protección do patrimonio. Tampouco descartan unha iniciativa de recollida de sinaturas.

Petróglifos de Agro do Pepe, no Incio, que serven como trampolín / Xabier Moure

Petróglifos de Agro do Pepe, no Incio, que serven como trampolín / Xabier Moure

INFORME SOBRE O ESTADO DA ARTE RUPESTRE GALEGA

O patrimonio arqueolóxico galego ten no conxunto de petróglifos prehistóricos ao aire libre –catro mil anos nos contemplan- un dos seus compoñentes máis significativos, posuidor dunhas singularidades que fan que brille con luz propia no panorama da arte rupestre europea.

Os gravados son materia sensible que demandan traballos de limpeza e mantemento para asegurar a súa conservación. A proliferación do mato e da arboreda no seu entorno déixaos sen ningunha protección cando se producen incendios forestais, provocando as altas temperaturas a súa destrución pola ruptura das capas superficiais (termoclastia). As obras incontroladas e os traballos no monte sen adoptar medidas preventivas son outros dos riscos aos que están sometidos.

As insculturas son BIC (Bens de Interese Cultural) e, en consecuencia, gozan do máximo grado de protección. En teoría o marco normativo –Lei de Patrimonio Histórico Español de 1985, Lei 8/1995, do 30 de outubro, do patrimonio cultural, e Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia- debería ser suficiente para asegurar o seu coidado e preservación. Sen embargo a realidade que nos atopamos é que unha parte considerable dos nosos gravados rupestres –incluídos algúns dos máis sobranceiros como a emblemática Pedra das Ferraduras- corren un grave risco, non só de deterioro, senón de desaparición, diante do incumprimento da normativa por parte da Xunta e de moitos concellos. No tocante á Xunta nin tan sequera ten elaborado un inventario cunha carta de riscos, despreocupándose igualmente da divulgación deste patrimonio, labor que están a facer –con poucos medios e moita vontade- diversos colectivos de afeccionados Este abandono e desleixo pode privar non só ao pobo galego, senón a toda cidadanía en xeral do disfrute dunha das manifestacións artísticas máis valiosas polo seu valor intrínseco de patrimonio cultural da humanidade.

As pinturas e gravados prehistóricos da cornisa cantábrica e máis os da zona levantina gozan deste recoñecemento. O conxunto de gravados rupestres prehistóricos ao aire libre galego –con valor e entidade semellantes- atópase sen esa salvagarda, desprotexido.

A arte rupestre é a materia identitaria que mellor nos define. O repertorio de insculturas xeométricas e figurativas galegas é, sen ningunha dúbida, dos máis representativos de Europa. Esta manifestación cultural atesoura, ademais, un rico patrimonio inmaterial, de xeito que ao redor destes xacementos arqueolóxicos o pobo foi construíndo ao longo do tempo un discurso popular xenuíno que reflicte non só parte da súa cosmovisión senón tamén toda unha valiosa mostra de construción cultural da paisaxe.

Por todas estas razón solicitamos o seu compromiso para que a Xunta de Galicia inicie xa os trámites para acadar a súa declaración como Patrimonio da Humanidade, a medida máis eficaz para garantir a súa supervivencia –agora mesmo seriamente ameazada-, a súa valoración e o seu coñecemento que debe comezar na Escola.

Galicia a 19 de Setembro do ano 2016

Buenaventura Aparicio Casado (historiador), Antonio de la Peña Santos (arqueólogo), Rafael Quintía Pereira (Antropólogo)

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e presionando Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: