fbpx
Integrantes do Partido Galeguista, entre eles, Alexandre Bóveda, Ramón Villar Ponte, Fernández del Riego, Antón Villar Ponte ou Plácido Castro en 1932
Integrantes do Partido Galeguista, entre eles, Alexandre Bóveda, Ramón Villar Ponte, Fernández del Riego, Antón Villar Ponte ou Plácido Castro en 1932

A RAG celebra o Día da Biblioteca cunha mostra do fondo particular de Antón Villar Ponte

Tempo de lectura: 2 min.

Este luns celébrase o Día Internacional da Biblioteca, unha data que a Real Academia Galega aproveitará para seguir conmemorando o centenario das Irmandades da Fala. A institución renderalle homenaxe a un dos fundadores desde movemento pioneiro na defensa do emprego da nosa lingua en todos os contextos, Antón Villar Ponte, amosando unha escolma do seu fondo bibliográfico particular, formado por case douscentos volumes que pertenceron ao intelectual.

A exposición poderá verse ao longo de toda a semana na biblioteca da Academia (Rúa Tabernas, 11 – A Coruña), en horario de 9 a 14.45 horas e de 16.30 a 19.45 horas de luns a xoves e de 9 a 14.45 horas o venres 28 de outubro.

Os visitantes recibirán como agasallo un exemplar d’A Terra Chá, poesía e paisaxe, o discurso que o poeta Manuel María, protagonista do Día das Letras Galegas de 2016, pronunciou co gallo do seu ingreso na RAG no ano 2003. O fondo de Villar Ponte foi doado en 2001 á Real Academia Galega por Esperanza Casal Rodríguez, nora do intelectual, por indicación do seu home, Antón Villar Chao.

A literatura galega de principios do século XX predomina nesta colección, con dedicatorias de moitos dos autores a Antón Villar Ponte. É o caso, por exemplo, de Seara: poesías gallegas (1924) no que a escritora e académica correspondente Herminia Fariña estampou a súa sinatura acompañada de palabras de afecto ao seu “irmán”; Oraciós campesiñas: (versos galegos) (1927), de Eladio Rodríguez González; un exemplar de Proel, de Luís Amado Carballo, do ano 1927; Na noite estrelecida (1926), de Ramón Cabanillas; ou Romances galegos, de Eduardo Blanco Amor, en edición de 1928.

A biblioteca de Villar Ponte é tamén rica en obras de contido político e corte ensaístico. Entre outros textos, o público poderá ver neste apartado Unificación y diversificación de las nacionalidades (1932), de Manuel Portela Valladares; O municipio galego; conferencia lida na “Irmandade da Fala” da Cruña (1917), dedicado tamén polo seu autor, Antonio Valcárcel; La nacionalitat catalana (1910), de Enrich Prat de la Riba (igualmente dedicado) ou El problema político de Galicia, de Vicente Risco, en edición de 1930.

Pode que che interese...