fbpx
Casco vello da cidade da Coruña no que se poden ver algún tramo das murallas

Saen á luz as antigas defensas da Coruña

Tempo de lectura: 2 min.

As últimas prospeccións realizadas nas parcelas da Maestranza na Coruña constatan a existencia de importantes restos do sistema defensivo de murallas da cidade. As sondaxes, que desenvolve Defensa – xa que os terreos son da súa propiedade– e nas que o Concello ten exclusivamente un papel de inspección, consisten en catas verticais, e veñen confirmar a aparición “dun tramo moi importante” do chamado ‘Baluarte Novo de San Vicente’.

Este baluarte comezouse a construír no último cuarto do século XVIII, e do que se conserva o trazado en planta pese a que nunca chegou a rematarse nun dos soares. Do mesmo xeito, as prospeccións xa realizadas nesta contorna descubriron vestixios do muro de unión entre o baluarte de Pelamios e o de San Vicente, adxacentes á fortificación anterior.

Os traballos que aínda continúan nos outros dous terreos sacaron á luz o que parece ser a punta do camiño do ‘Baluarte Vello de San Vicente’, unha construción do século XVII e que, como indica o concelleiro, aparece referenciada en todas as cartografías. “Estamos falando de restos de gran relevancia, con muros de ata seis metros de ancho, o que significa que as dimensións son moi considerables”, sinala o concelleiro de Rexeneración Urbana, Xiao Varela.

Así, lembra que estas aparicións só constatan os datos que xa se documentaron no ano 2002 durante as escavacións realizadas para a execución do aparcadoiro, e que quedan confirmados nun amplo catálogo documental, de planimetría histórica de enxeñería militar. “Lamentablemente, nese momento os responsables políticos permitiron un espolio do patrimonio público que a este Goberno local lle resulta inaceptable”, censura Varela.

Control patrimonial da cidade

“Á vista dos achados que se están a confirmar, é unha boa noticia que as parcelas non se vendesen a promotores privados porque a súa titularidade pública facilita e garante que os restos, un patrimonio que ten un valor incuestionable para a cidade, serán conservados como é preceptivo pola administración responsable”, indicou Varela en rolda de prensa este venres.

Nese sentido, saúda o feito de que a documentación da poxa incluíse, tal como requiría o Goberno local, Informe de Potencialidade Arqueolóxica do Concello da Coruña ao completo, onde se indica que os terreos a enaxenar están na zona de respecto da declaración de Ben de Interese Cultural do Conxunto Histórico Artistico, declarado pola Xunta en 1984 no decreto 29/1984. “Entendemos que a información dese informe é relevante, xa que pode condicionar a súa venda”, observa.

Pode que che interese...