fbpx
Carballo de Santa Margarida, en Pontevedra / panoramio.com

SOS para os carballos sagrados de Galicia

Tempo de lectura: 2 min.

Galicia está feita de ríos e mares, de montañas e árbores. Pero unha delas destaca sobre as outras; o carballo. O símbolo galego por excelencia é un tótem neste país no que a natureza se funde co humano e o humano coa natureza. Tal é a súa forza que os carballos xeran e conservan espazos sagrados e eles mesmos acaban converténdose en elementos sagrados.

E un destes carballos sagrados, o de Santa Margarida, na parroquia de Santa María de Mourente, en Pontevedra, e sería o derradeiro dun bosque ancestral ao que as referencias denominan Carballeira dos Gafos ou Carballeira de Lázaro. Algúns autores falan dun antigo lucus ou bosque sagrado.

Santa Margarida/ de Monte Porreiro / que ten o carballo/ maiore do reino”. Esta cantiga popular xa recolle a importancia que ten esta árbore desde tempos inmemoriais. A copra xa foi recollida polo padre Sarmiento e publicada en 1746 na súa obra “Coloquio de 24 Gallegos Rústicos”. Non se sabe exactamente a súa idade pero estímase en torno aos 500 anos.

E este carballo mítico está a piques de recobrar todo o seu antigo esplendor. Tras ano resistindo rodeado de piche e asfalto, un proxecto de rehabilitación do concello prevé retirar o formigón que rodea a árbore e o seu entorno. Unha actuación que suporá un investimento de 200.000 euros.

O Carballo de Santa Margarida, en Pontevedra, será recuperado / pontevedraviva.com

O Carballo de Santa Margarida, en Pontevedra, será recuperado / pontevedraviva.com

Proxecto

Precisamente, o proxecto trata de buscar a supervivencia do carballo, cuxa base está rodeada de formigón. A idea é retirar todo este elemento que ameaza ao exemplar para deixar unha espazo de terra duns 21 metros de diámetro. Tamén se busca protexer coa intervención ao outro exemplar que crece preto do centenario carballo, un fillo deste que foi plantado no ano 2002.

A actuación recolle tamén traballar sobre a contorna da capela para retirar o asfaltado, que será substituído por un pavimento diferenciado na estrada que discorre polas inmediacións a fin de diminuír o tráfico. Así mesmo, esta renovación do pavimento busca permitir o uso da contorna da capela a modo de praza pública para as festas ou os encontros dos veciños.

O carballlo de Santa Margarida está catalogado no inventario de árbores sobresaíntes de Galicia. Actualmente conta con 15 metros de alto, 12 metros de perímetro basal e 7,9 metros de perímetro troncal ( a 1,3 metros do chan). Actualmente é obxecto de devoción popular. Houbo un tempo recente en que o carballo era vítima do ataque dos fungos e de insectos xilófagos, e mesmo fentos e flores crecían no seu tronco. Hoxe en día conta co coidado e protección das institucións.

Pode que che interese...