A diosa Minerva nun fresco da USC

Un libro descubre os misterios da arte e do saber en Santiago

A capital galega oculta moitas obras de arte, un material que, ademais, garda historias e saberes. A partir de agora poderán coñecerse grazas a un libro que analiza os espazos e obras artísticas de Santiago que están relacionados co saber. ‘Minerva, la diosa de Compostela. Espacios y obras a relacionar con el saber’, do historiador José Manuel García Iglesias, está coeditada polo Consorcio de Santiago e Andavira Editora.

A obra comeza facendo un percorrido pola historia da cidade a través da figura de Minerva. Detense en todos aqueles lugares onde a deusa ten presenza, como a estatua no exterior da Facultade de Química, a pintura do Paraninfo da USC, o emblema da Sociedade de Amigos do País… Relaciona as obras co seu lugar de orixe, tratando de reconstruír espazos do pasado. Percorre rúas, prazas e xardíns, entidades educativas e socioculturais… Préstalle unha atención particular á Universidade de Santiago e aos seus espazos de saber. Tamén aborda a fundación e evolución da Real Sociedade Económica de Amigos do País de Santiago. En todos os casos trata as diferentes personaxes de interese dende a perspectiva do saber.

O autor analiza os retratos que se conservan na Universidade, dende o seu fundador, Alonso III de Fonseca, ata os que se custodian no Colexio de Fonseca, na Bibiloteca Universitaria, na galería de reitores, os decanos das facultade de Medicina e Dereito; e doutros personaxes recoñecidos na Facultade de Medicina, na Reitoría, na Bibloteca Xeral, na antiga Facultade de Filosofía e Letras, na Facultade de Química… ademais de bustos e esculturas espallados pola cidade de persoeiros ilustres como Cervantes, Montero Ríos, Concepción Arenal, Rosalía de Castro, Valle-Inclán, Carballo Calero ou Antón Fraguas, entre outras figuras que desenvolveron o saber en Compostela.

Panteón de Alfredo Brañas no Panteón de Galegos Ilustres en Bonaval

Panteón de Alfredo Brañas no Panteón de Galegos Ilustres en Bonaval

O historiador céntrase tamén nos vítores, lápidas, inscricións, monumentos funerarios, retratos… que alberga a cidade como recoñecementos ao saber. É o caso de diferentes edificios universitarios, o Panteón de Galegos Ilustres e outros espazos utilizados para a lembranza, como a Praza da Quintana ao Batallón Literario, a Praza da Universidade a Antón López Ferreiro, a Rúa dos Xasmíns a Eugenio Montero Ríos, a Rúa da Troia a Alejandro Pérez Lugín ou a Carballeira de Santa Susana a Castelao.

García Iglesias dedícalle un capítulo destacado ao Paraninfo da Universidade, co que pecha a publicación. Aborda dende a súa construción e funcións, ata a ornamentación e simbolismo na súa arquitectura e mobiliario, o significado da súa iconografía e as súas pinturas. Fai un estudo pormenorizado das figuras que dende a súa inauguración en 1906 deixaron a súa pegada neste lugar e explica por que se elixiron esas figuras en cada momento.

Gañadora do “Domingo Fontán”

Este libro gañou o III Premio de Ensaio Histórico “Domingo Fontán”, que promoven a Real Sociedade Económica de Amigos do País e a Universidade de Santiago. José Manuel García Iglesias é catedrático do Departamento de Historia da Arte da Facultade de Xeografía e Historia da USC e membro do grupo de investigación Iacobus.

O autor explica que o Paraninfo da Universidade de Santiago foi o punto de partida que o levou a estudar espazos e obras emblemáticas da cidade vencelladas ao saber, coa deusa Minerva como fío condutor. Na mitoloxía romana, Minerva era a deusa da sabedoría e das artes, ademais de deusa das técnicas da guerra, protectora de Roma e patroa dos artesáns. Titulou a publicación Minerva, la diosa de Compostela, “tratando de ofrecer unha perspectiva da cidade diferente á tradicional visión sacra dunha urbe centrada pola catedral e o Apóstolo, subliñando unha imaxe profana, personificada en personalidades do mundo das letras e das ciencias que deixaron a súa pegada en diferentes espazos da cidade”.

Se atopou algún erro nesta noticia, por favor avísenos seleccionando o texto ou palabra en cuestión e premendo as teclas Ctrl+Entrar.

Pode que che interese...

Informe de erros

O seguinte texto será enviado aos nosos editores: